Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED de Ourense se suma á campaña de recollida de tapóns para que unha nena de dous anos de Verín poda dispor dun monitor de subministro de glucosa

5 de junio de 2019

O Centro Asociado dispón dun contedor para que toda a comunidade universitaria deposite as unidades de plástico nesta acción solidaria

OURENSE, 5 de xuño de 2019.-A solidariedade é un dos valores fortes que se cultivan no Centro Asociado á UNED en Ourense. Por iso habilitouse no vestíbulo un contedor para recoller tapóns a beneficio da nena Noa de tan só dous anos, residente en Verín. Despois de moitas probas hospitalarias, aos 17 meses de vida detectáronlle diabetes infantil tipo I. Dada a súa curta idade, o Servizo de Pediatría do  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense recoméndalle o uso do sistema de monitoraxe de glucosa. Ao ser tan pequena, os seus pais teñen que estar permanentemente pendentes dela, día e noite, porque a criatura non sabe dicirlles que lle está pasando. En setembro empeza a súa experiencia escolar e a súa familia está convencida de que con ese sistema de monitoraxe de glucosa a pequena mellorará a súa calidade de vida, o que redundará na tranquilidade dos seus pais.

O  transmisor e os sensores duran un ano e, xunto co receptor, ascenden a un total de 3.197 euros. Esta cantidade, en tapóns de plástico, equivale a 12.184.200 unidades. A Fundación Amigos de Galicia faise cargo do Sistema de Monitoraxe Continua de Glucosa  Dexcom a través dunha campaña de recollida de tapóns, ao tratarse dunha tecnoloxía que non financia a Seguridade Social e cuxo importe é inasumible pola familia da nena.

Nesta campaña participa tamén a Asociación de Nenas,  Nenos e  Xente  nova con Diabetes de Galicia (Anedia Galicia), que achega 5.000 euros xestionados pola Fundación Amigos de Galicia para pagar aos provedores, e así poder proporcionar aos menores aqueles aparellos de monitoraxe continua que necesiten. A campaña a favor de Noa é a primeira acción que se atende dentro deste convenio de colaboración.

E a UNED en Ourense non dubidou en colocar un contedor para que toda a comunidade universitaria poida depositar nel os tapóns de plástico que vaian traendo.  O citado monitor consiste nun sensor subcutáneo de glucosa, do tamaño dun cabelo groso, un  transmisor e un dispositivo receptor que mostra as medicións de glucosa cada cinco minutos, coa vantaxe de que o dispositivo receptor pode ser un teléfono móbil compatible que permita  reenviar os datos para compartir por persoas no ámbito familiar. Isto significa que a nai da nena terá un control actualizado da glucosa da súa filla, e activarase unha alarma en caso de funcionamento anómalo para actuar canto antes.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es