OURENSE, 14 de outubro de 2022. Volve a Ourense a festa da ciencia coas aulas de divulgación da UNED, esta vez, a catro centros educativos: Colexio Gillelme Brown, Colexio Miraflores, CEIP Virxe de Covadonga e o IES 12 de Outubro. Os obradoiros divulgativos celebraranse os días 27 e 28 de outubro en horario matinal.
Os dous obradoiros son, un de electromagnetismo, que se desenvolverá no Guillelme Brown, no Virxe de Covadonga e no IES 12 de Outubro; e o de ADN, que se levará a cabo en todos os centros menos no Virxe de Covadonga, porque non hai Secundaria. Esta iniciativa conta co apoio do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED.
O xoves, 27 de outubro, un equipo de dúas biólogas e dous físicos da Facultade de Ciencias da UNED, estarán, desde primeira hora ata as 13.00 horas realizando dous obradoiros de ADN para 67 escolares e catro sesións de electromagnetismo, dúas delas tamén para outros 50 estudantes. Esa mesma mañá, o equipo de biólogas desprazarase tamén o Miraflores para levar a cabo dúas sesións científicas de ADN ata a hora do xantar. Aquí beneficiaranse 77 escolares de Secundaria.
O venres, día 28 de outubro, os obradoiros de divulgación comezarán no IES 12 de Outubro, onde desde primeira hora haberá catro sesións de ADN e dúas de electromagnetismo. As primeiras faranse para 152 estudantes e as dúas últimas, para 99. Ás 12:00 horas desenvolverase unha sesión de electromagnetismo para o CEIP Virxe de Covadonga, na que está prevista a participación de 40 escolares de Primaria. En total, algo máis de 400 escolares beneficiaranse desta iniciativa científica que volve a Ourense coa UNED.
Este é o xogo de once experimentos de electromagnetismo que patentou a UNED para os escolares. O 27 e 28 desenvolveranse ao grande nos colexios.
Nesta ocasión súmase tamén o IES 12 de Outubro, da capital ourensá. O seu equipo directivo considera de interese esta presenza de científicos da UNED que van realizar os experimentos. O taller de electromagnetismo celebrouse, de momento, o curso pasado no Colexio Miraflores. Consiste en 11 experimentos que se lles mostran e comentan aos alumnos para que entendan como funcionan os imáns e para que se utilizan. Estes experimentos integran tamén a caixa ou xogo denominado Kit 2.0 de Faraday, deseñado e ideado pola UNED.
O obradoiro de ADN titúlase Descobre as biomoléculas como un auténtico CSI. Aquí extraerase o ADN do tecido epitelial humano, a partir de saliva. Este proxecto científico está dirixido a estudantes de primeiro ata terceiro de Secundaria. Nel, os participantes coñecerán mediante unha breve presentación os catro tipos de moléculas biolóxicas que existen e farán unha extracción do ADN a partires da súa propia saliva ou a partires de tecido vexetal (chícharos).
"A UNED, a nosa universidade, prioriza a transferencia do coñecemento e a divulgación científica como elementos esenciais das políticas de investigación. Por iso os escolares ourensáns, neste caso, van gozar con experimentos froito desa investigación previa nos laboratorios universitarios. E con iso pretendemos espertar neles o interese pola ciencia, por seguir estudando para seren homes e mulleres de ciencia. Niso estamos desde UNED Ourense, e máis neste tempo que nos toca vivir, onde se salienta e celebra o efémero, o futil. Contra todo iso actúa a Universidade, ofrecendo coñecemento baseado en sesudas investigacións que duran anos e permítennos seguir avanzando como sociedade. É por iso que apostamos por divulgar ciencia e volvemos facelo cun nutrido grupo de escolares. Resulta especialmente encantador levar todo isto a colexios como o do barrio de Covadonga, zona vulnerable na cidade, onde os nenos e nenas sorpréndense con esas cousas que lles leva a UNED, como nos obradoiros de química da pasada primavera nos que unha pequena, espontaneamente dixo: 'Grazas a vós sabemos ciencia'. Iso compénsao todo", di o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz.
UNED Ourense
Comunicación