Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense, no congreso Star-Unesco23 en Vigo

11 de octubre de 2023

Entre os organizadores está a profesora de Uvigo, doutora Elena de Prada Creo, que tamén é profesora titora en UNED Ourense. Desde este centro universitario lanzáronse tres comunicaciónws. Unha presentouna o director, doutor Jesús Manuel García Díaz, a segunda, o membro do PAS, licenciado Luis Gulín Iglesias e a terceira foi da licenciada Alejandra Fernández González, profesora de UNED Senior Ourense.

OURENSE, 11 de outubro de 2023.  Esta semana celebrouse en Vigo o congreso internacional STAR Scholars Network Conference 2023, que organizou a Cátedra Unesco da Uvigo. Participaron máis de 200 expertos de varios países para debatir sobre a educación transformativa nun mundo interconectado e equitativo. Entre os participantes presenciais atopábanse os representantes de UNED Ourense, cuxos relatorios foron valorados nas súas respectivas sesións. As tres intervencións realizadas son de áreas distintas, unha toca a educación non reglada mediante o patrimonio cultural, outra refírese a un proxecto con inmigrantes e a terceira trata de violencia de xénero. 

Jesús Manuel García Díaz presentou un modelo de educación non reglada baseado en tres experiencias que  viviu hai algúns anos e que son exemplo de que con boa comunicación e co uso das técnicas da interpretación do patrimonio cultural pódese incidir na educación patrimonial de modo que xurdan iniciativas que promovan o desenvolvemento da zona onde se sitúa o monumento. Así, o relator desenvolveu a experiencia de aplicar esa comunicación nas visitas interpretativas á Catedral de Ourense, unha iniciativa no seu momento pioneira na cidade, que se desenvolveu nunha década, desde 2004 a 2014, e que foi un reto que se propuxo o seu autor ata exceder as 20 visitas, cada unha cunha duración de dúas a tres horas, de modo que en todo ese tempo foron centos as persoas, de distintos sectores da sociedade, tanto de Ourense como de Galicia, que gozaron esas quedadas culturais sabatinas.

Jesús Manuel García Díaz deu conta das visitas guiadas ao patrimonio que realizaron en tres lugares distintos: na catedral ourensá, en Boborás e en In Tempore Sueborum. 

O segundo caso incumbe a un termo municipal, o de Boborás, onde se practicou a comunicación e visitas guiadas, 13 distintas cada semana, ao rico patrimonio deste municipio ourensán durante o verán e outono de 2017. García Díaz demostrou os bos resultados obtidos no verán e outono de 2017, o que reflicte que hai campo para seguir abonando e dinamizando ese territorio. “Ten que ser un traballo profesional, con coñecementos tanto de comunicación como de patrimonio, historia etc., adornado con paixón e emoción para que o que contas peza como un revulsivo no receptor”, explica o doutor García Díaz.

O terceiro caso desta importante experiencia persoal tivo como obxectivo desenvolver a comunicación visitas guiadas a unha exposición internacional: In Tempore Sueborum, organizada pola Deputación Provincial de Ourense durante seis meses desde finais do 2017 a maio do 2018. Aquí os resultados tamén son destacables, tanto en visitas, en participantes nas mesmas e en cidadáns que dalgún modo chegaron a saber desta mostra única en España a ambos os dous lados do Atlántico, grazas á comunicación despregada polo seu responsable, García Díaz, e apoiada a maiores polo propio ente provincial. Durante ese medio ano de exposición, sendo a maior parte dos visitantes de fóra de Ourense, a hostalería viviu un tempo extraordinario e aínda se lembra o pasar dos grupos das visitas polo centro da Praza Maior cada día. Tanto demandante de visitas houbo que foi necesario desdobrar con dous guías para a de adultos e cun terceiro, para a de escolares. Son tres experiencias de formación non regrada que o director de UNED Ourense mostrou con riqueza de datos no congreso de Vigo. “Cunha boa actividade interpretativa, comunicativa para ensinar o noso patrimonio de forma permanente no tempo, pódese dinamizar un territorio. Fai falta provocar, emocionar ao visitante e ofrecerlle datos rigorosos. Non falamos dunha entelequia. É posible axudar a revivir o noso rural cunha acertada acción de turismo cultural seria”.

Luis Gulín Iglesias, interveu para chamar a atención cara o incremento da poboación xuvenil de orixe migratoria entre 12 e 27 anos, sendo necesario “contar un servizo de atención á migración xuvenil en España similar ao que teñen en Alemaña, os chamados Jugendmigrationsdienste. Esta institución foi creada polo Ministerio Federal de Familia, Maiores, Mulleres e Mocidade. Conta cunha rede de 500 puntos de atención que presta asesoramento, actividades educativas e de lecer. O enfoque do seu labor é o apoio individual a longo prazo dos mozos no seu camiño educativo e profesional. O noso obxectivo é promover a participación social dos mozos e mellorar as súas perspectivas. Tamén é vital desde un punto de vista democrático: o principio de igualdade e de liberdade para que todos participen na vida social dun país”. Sinala Gulín Iglesias que a proporción de persoas con antecedentes migratorios está a aumentar significativamente. “Os fillos destas persoas quedarán neste país e representan o futuro. Por tanto, un país non pode descoidar a esta parte da poboación en termos de educación e oportunidades. Ademais, pódese observar que os fogares urbanos están a ser angustiados por un número cada vez maior de beneficiarios de axudas sociais e que os fogares de altos ingresos están migrando ao área periférica. As cidades convértense no crisol de todos os trastornos sociais. Hai que prestar a atención sobre as consecuencias do cambio no desenvolvemento da poboación”, sostén o relator.

Luis Gulín Iglesias propón unha iniciativa alemana para favorecer a integración dos mozos fillos de pais de diferentes países que emigraron a España.

Neste congreso Luis Gulín falou do modelo de consellos municipais (e nalgúns casos rexionais) de participación da poboación estranxeira creados en Alemaña desde 1973 en comparación cos modelos existentes en España. Igualmente disertou acerca de como se pode traballar e planificar de maneira orientada a obxectivos. Un exemplo de atención especial á poboación xuvenil migratoria é a figura do titor de integración e do titor de nacionalización existente en varias cidades alemás”. Segundo o relator, preténdese demostrar a situación actual da prestación de servizos para un determinado sector da poboación inmigrante que é manifestamente mellorable a nivel público e que recae principalmente en Ong.

E Alejandra Fernández González falou de Violencia de xénero. Outra perspectiva. “A violencia de xénero é unha secuela social que sempre se trata, ao meu modo de ver, desde unha perspectiva unidireccional, onde os papeis de cada unha das partes están practicamente establecidos de antemán”, sinala a relatora. “Está claro que a vítima o é ao longo dos tempos da mesma forma, e sempre se lle dan as mesmas solucións. O agresor ou delincuente igualmente é tratado do mesmo xeito. A innovación no ámbito da violencia de xénero radica en exporse dun modo directo que busca a vítima e por que non, que busca o agresor ou delincuente”, engade. 

Alejandra Fernández González defendeu unha proposta para afrontar a violencia de xénero e aportar unha solución firme sen temores.

Segundo Fernández González, mirar á cara a violencia de xénero significa facerse unha formulación distinta, aberto, que resolva o problema con valentía. “O que subxace nas vítimas é o desexo de situarse nunha posición de igualdade ou superioridade fronte ao seu agresor e o agresor o dominio ou a non perda do status de ‘macho’ alfa”. Alejandra explica que “unha faceta non explorada e precisamente non permitida é a da mediación. Mediación despois do procedemento xudicial, á marxe das consecuencias estimatorias ou desestimatorias. Dicimos isto, porque en materia de violencia de xénero unha condena cunha orde de afastamento resolve unha parte moi importante do problema, pero deixa outro importante conflito sen resolver que se lograría coa mediación. Por suposto que considero imprescindible a mediación naqueles supostos de arquivo, dado que aquí o conflito continúa e agrávase”. A través dunha mediación “con certas variantes, e todas as garantías, lograríase -indica a relatora- resolver aspectos que non se tocan en ningún caso e rompería a estatística de reincidencia como agresores e como vítimas”.

Esta foi a primeira vez que el congreso se celebraba en Europa, pois con anterioridade houbo edicións do mesmo en Nepal, na India e en Illa Mauricio. Tras clausurarse a edición europea en Vigo, o ano que vén os expertos reuniranse en Pretoria (Sudáfrica). 

O encontro de Vigo foi unha plataforma de importancia para intercambiar impresións con expertos de numerosos países de Europa, América, África, Asia e Oceanía, algúns dos cales aplaudiron as propostas ourensás. Houbo tempo para intercambiar ideas no propio recinto do congreso, (a sede cultural de A Banca en Policarpo Sanz) así como na cena no Real Club Náutico de Vigo e incluso na ruta en barco pola ría viguesa como acto final. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es