Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Ourense, o punto cero onde todo comezou para HyeRyun Jung na UNED

13 de diciembre de 2023

La pianista coreana volveu á cidade das Burgas para, da man da nosa Universidade, deleitar alopúblico coas súas composicións regadas cunha sensibilidade e emoción que inundaron o ambiente do Salón Noble do Liceo de Ourense.

OURENSE, 13 de decembro de 2023. Mirando ao fondo a forte ondada, a choiva atlántica querendo facerse protagonista; o mar, o azul interminable e, levado polo vento do noroeste, o tañir de campás dun daqueles templos do fin do mundo. Paisaxe salvaxe que impactou nunha mente que non puido conterse ata, horas despois, deixar reflectida toda esa beleza natural nunha partitura. 

No Liceo de Ourense celebrouse o concerto que a UNED trouxo á cidade coa pianista coreana afincada en Madrid, HyeRyun Jung para deleite dos melómanos. Un toque clásico, moi persoal e de alta sensibilidade dunhas mans e dedos prodixiosos que arrincan todo o sentimento ao teclado do Steinway. Un diálogo entre o piano e o espectador que roza o máxico. Había bo ambiente no Salón Nobre.

O acto comezou coas palabras da vicerreitora Primeira e vicerreitora de Investigación, Transferencia e Divulgación, Rosa María Martín Aranda, quen deu a benvida a todos sinalando que este concerto é outra mostra máis "do dinamismo de UNED Ourense". O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, agradeceu a todos a súa presenza dun modo cálido e, tras mostrar datos biográficos e profesionais de HyeRyun Jung presentou as doce composicións, todas de produción propia excepto a titulada Arirang, canción tradicional coreana. Agradeceu a disposición da directora do Liceo para utilizar o principal salón da entidade.  

O Salón Noble do Liceo comezou a encherse minutos antes da presentación do concierto nunha tarde que levantou expectación entre os amantes da música.

A compositora e pianista levou aos presentes ao teito do ceo para logo abraialos cun secreto na madrugada, por exemplo. Os movementos desta muller son contundentes, doces, coma se falar fixese ao instrumento. Alegría, nostalxia, pero sempre beleza en cada composición. E emoción, moita emoción. HyeRyun Jung mira fixamente o piano e o seu cerebro dirixe as mans a esquerda e dereita. E arrincan a arte agochada naquel magnifico piano. Unha nota tras outra, acordes, música viva! E vibra o salón, vibran os corazóns a medida que se intensifica o contacto dixital sobre cada tecla. Estala a harmonía mesmo para representar o mundo salvaxe que a artista observou ensimesmada no Cabo Fisterra. Os acordes lembran a forte ondada invernal, a escuma das ondas ao retrotraerse á espera de nova arremetida e ata semella que con catro golpes de tecla recréase o son dunha campá que parece chamar ao mundo do alén. Mais no medio de tantas brilantes composicións froito do intelecto de HyeRyun Jung puidemos escoitar unha melodía con donaire, espléndida como é a que, con arranxos propios da nosa pianista, titúlase Arirang, considerada a canción folclórica tradicional máis popular de Corea, que é cantada en todo o país, con variacións melódicas segundo trátese dunha rexión ou outra, pode soar diferente se se toca nas dúas Coreas, ou en China e mesmo, en certas zonas do oriente ruso. Á pianista embargábaa unha emoción, como despois do concerto dicíanos, ai!, que esas cancións da súa terra teñen un non sei que que arrincan bágoas cálidas, doces. Este tema ten case a consideración de himno nacional "cruzando o monte de Arirang, querido meu que me deixaches aquí..." A súa versión é soberbia e pegadiza, sen perder a esencia da súa terra e a elegancia que roza o sublime a medida que impacta en nós. 

O director de UNED Ourense e a vicerreitora Primeira da UNED recibiron ao público e presentáronlle o espectáculo que estaba a piques de comezar. 

A protagonista da tarde do martes no Liceo recibiu unha forte e merecida ovación e, tras meternos de cheo na natureza agreste de Fisterra, convidou a todos a escoitar e a cantar o Noite de Paz, como "un bo desexo de paz, tan necesaria nestes momentos", en palabras de HyeRyun Jung. Aquela melodía, non por tan coñecida deixaba de sorprender, de gustar e  provocar unha sensación de benestar, de acougo; un benestar con benditos recordos que afloraban de anos atrás, de experiencias felices vividas arredor de tan tradicional melodía cada decembro. 

Jesús Antonio Peñas, Rosa María Martín, HyeRyun Jung; Jesús Manuel García, María Concepción Álvarez, Carmen Sampayo, Tamara Silva e Armando Ojea tras o concerto organizado pola UNED.

A este concerto asistiron, entre outras moitas persoas, o subdelegado de Defensa en Ourense, coronel Jesús Antonio Peñas Preckler e o comandante xefe de Órgano Auxiliar da Subdelegación de Defensa, José Manuel Zapata Paz; o deputado provincial Rosendo Fernández Fernández, en representación da Deputación; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea Bouzo; os concelleiros Tamara Silva Cid e José Araújo Fernández; A directora da Escola Universitaria de Enfermería, María Milagros Fernández Varela, acompañada da secretaria académica, Natalia Ólida Fernández; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Uvigo, María Montserrat Cruz González ou a decana do Colexio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo David así como a directora da Asociación DCA, Noelia Luque Gómez e o seu xerente, Pablo Martínez Rodríguez.  Por parte do Liceo de Ourense estaba o seu xerente, José Luis Troitiña Mota, entre un numeroso grupo de cidadáns que enchían o patio de butacas dun salón que ben pode considerarse punto de partida do longo e inacabado periplo de HyeRyun Jung pola UNED.

HyeRyun Jung ofreceu unha actuación de calidade con once produccións propias, unha canción tradicional de Corea e unha panxoliña para terminar unha velada irrepetible.

Aquí empezou todo en decembro de 2021 e segue facéndose cada vez máis coñecida por todas as partes grazas tamén ao impulso cultural de calidade da UNED, que é de primeira magnitude en toda España. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es