Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Non te peches en límites que che impidan ver mái aló dos teus medos, da túa zona de confort. Hai moitísima vida máis aló de todo iso" 

28 de marzo de 2023

O IES de Maceda recibiu esta mañá ao director de UNED Ourense para manter unha charla cos estudantes que se presentan este ano á ABAU para acceder á vida universitaria.

OURENSE, 28 de marzo de 2023. Os estudantes de segundo curso de Bacharelato do IES San Mamede, en Maceda, estiveron esta mañá acompañados polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, que lles falou da UNED e de como se estuda nela. Esta visita na que foi recibido pola vicedirectora Milagros Álvarez Otero, forma parte do programa de charlas que sobre a UNED o seu director en Ourense está a realizar en varios institutos da provincia. García Díaz tiña cara si apenas 20 mozos que están a preparar a ABAU e faloulles de tolerancia, de non discriminar a ninguén e pediulles que confíen en si mesmos. "Poderédesvos equivocar e levantarédesvos, estades en idade de facelo, tedes tempo. Pero non vos permitades perder o tempo. Procurade ter sempre unha mente positiva, estar ilusionados polo que ides conseguir no voso futuro inmediato. Parafraseando a Richard Paul o relator dixo aos estudantes macedáns que non é posible converterse en bo pensador se es mal cuestionador, xa que o pensamento non está manexado por respostas senón por preguntas e, o certo é que tanto estes estudantes como os dos outros institutos da provincia apenas preguntan. "E traído ao noso campo, podemos engadir que non é posible ser cidadáns libres se non somos bos pensadores. Para pensar ben é preciso ler moito, reflexionar, cuestionádevos moitas cousas e achar respostas. Non quededes co primeiro que vedes na internet. Aprendede a seleccionar os contidos. Formádevos tanto como vos sexa posible para que ninguén pense por vós, para que ninguén faga de vós o máis parecido a un complexo lanar. É a vosa hora de cultivar a constancia, traballar con enerxía a diario. O primeiro que ides ter que facer é cambiar a vosa mentalidade, pois deixaredes de ser estudiantado de Bacharelato e tedes que crervos que en cuestión duns meses seredes universitarios, onde ninguén vos mandará facer cousas, iso ten que saír da vosa responsabilidade e por tanto debedes aproveitar todas as posibilidades que che brinda, neste caso, a UNED".

Jesús Manuel García expúxolles que na UNED "idevos sentir con liberdade, pero tamén estaredes nunha contorna esixente. Mirade ben ata onde podedes chegar e establece uns obxectivos. Non esquezas que á túa idade o teu traballo é o estudo. Terás que organizar o teu tempo e comezar a estudar canto antes. Se te vas organizando, vas confiar máis en ti mesmo e irache ben". E engadiu: "como os exames serán a finais xaneiro e na segunda semana de febreiro, non te deixes levar pola fatídica idea de deixalo todo para datas próximas ao exame. Non fagas isto. Que ninguén che obrigue a estudar non significa que teñas que procastinar o teu traballo académico diario. Estudar na UNED tamén implica coñecer como traballan os departamentos, visitar a biblioteca, ir a conferencias, etc."

A maior parte dos estudantes mostrou a García Díaz que aínda non ten claro que carreira cursar. E iste faloulles dos "paxariños na cabeza": "seguro que os tedes, como nos ocorreu a nós no noso tempo. Vedes un médico estrela nunha serie, un avogado, un xornalista, un axente de seguridade ou un empresario e queredes ser como eles, queredes ter esa vida de éxito e relación social, de alto nivel de vida que reflicten na serie. Que saibades que aí só vedes o bonito, o espectacular. E esa non é a realidade do día a día profesional. Para chegar a ter éxito primeiro hai que crer nun mesmo, formarse duro, estudar a fondo, facer moita práctica e triunfar cada fin de curso. O resto virá se estades preparados, dispostos. O voso escenario, non o esquezades, é o mundo enteiro. Por iso é bo que soñedes ao grande. Se o soñas e deséxalo, aínda que sexa unha entelequia, acabará facéndose realidade. Noutras palabras, non te peches en límites que che impidan ver más allá dos teus medos, da túa zona de confort. Hai moitísima vida máis aló de todo iso. ¡Vai á súa procura! Moita sorte no voso curso e na ABAU".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es