Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

En UNED Ourense foron oitocentos os exames feitos en setembro 

11 de septiembre de 2023

A normalidade foi domiñante nas 22 sesións desenvolvidas desde o luns, 4, ao sábado, 9. A maior cantidade de probas realizadas corresponde ás facultades de Psicoloxía, Dereito e Educación.

OURENSE, 11 de setembro de 2023. Durante a semana de probas presenciais de setembro, celebrada do 4 ao 9, realizáronse en UNED Ourense 800 exames. Desenvolvéronse nun ambiente de normalidade. Por facultades, foron feitos 298 exames da Facultade de Psicoloxía, 233 da Facultade de Dereito seguidas das 72 probas feitas polos estudantes da Facultade de Educación. A continuación fixéronse 42 exames da Facultade de Filoloxía, 28 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seguidos dos 27 exames da Facultade de Filosofía. De Xeografía e Historia houbo 26 exames en UNED Ourense, e outros 21 correspondentes á Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía. Da Facultade de Ciencias foron feitos en Ourense 20 exames, quedando outras 11 probas de Enxeñería Informática, 10 correspondentes ao Curso de Acceso para maiores de 25 e 45 anos e por último, dous exames de cursos de idiomas a distancia.

O Tribunal estivo presidido pola catedrática Emilia Crespo del Arco, da Facultade de Ciencias; sendo vicepresidente Jesús Manuel García Díaz, director de UNED Ourense; Gloria Soto Martínez, da Facultade de Educación exerceu como secretaria e Paloma Cuesta Martínez, da Facultade de Filoloxía, actuou como vogal. 

Contou o Tribunal cunha Comisión de Apoio integrada pola profesora titora, Natalia Carnicero Villamarín e os membros do PAS, Luís Gulín Iglesias e María Gladys Fernández Losada.

A semana tivo 22 sesións de exames. En todas e cada unha delas o director, Jesús Manuel García, recibiu a todos os estudantes no vestíbulo do Centro, para saudalos, desexarlles sorte, arrincarlles un sorriso e lembrarlles as normas que rexen na sala de exames, é dicir, que todos os aparellos electrónicos que leven sexan apagados antes de acceder á aula. Advertíaselles que non está permitido entrar con móbiles postos en modo avión ou silenciados. Nin con pulseiras intelixentes. Este aviso repetíase unha vez estaban todos os estudantes sentados na aula. A partir de aí, o tribunal pode expulsar do exame a quen teña un aparello aceso. "Teño que dicir que non houbo ningún problema neste sentido. Temos estudantes serios, xente coherente que vén a exame a demostrar o que sabe, despois dun duro esforzo despregado semanas atrás. A vixiancia na aula é estrita, de modo que se fai case imposible copiar. As follas de resposta son exclusivas de cada sesión, pois en cada sesión cámbiase a palabra chave que levan, do mesmo xeito que sucede co exame. E para saír da aula hai que ter a man tanto o carné de estudante da UNED como o DNI", di García.

"Volvo dicir que estamos orgullosos dos nosos estudantes, porque se esforzan e vémolos chegar ao centro dispostos a seguir avanzando nos seus graos ou mestrados. Hai un grupo deles, minoritario no noso caso, que necesitan unha serie de adaptacións para facer a proba, como o exemplo dunha estudante invidente. Igualdade de oportunidades para todos, iso coida a UNED. E tivemos unha alumna da Gudiña que temía non ter quen as trouxese a Ourense para examinarse de varias materias. Ao final foi posible facelos á súa hora, por solucionárselle este problema. Outra estudante veu varias veces a exame coa súa nena. Esta agardaba sentada á súa nai no vestíbulo de UNED Ourense, e démoslle caramelos, os mesmos que había para todos os examinandos na aula, nunha pequena bandexa xunto ao escáner, para o momento de abandonar a sala". 

Pero igualmente houbo que levar auga fresca á mesa dalgún alumno moi angustiado, previa tranquilización por parte do director na entrada do centro. Durante toda a semana de probas o tribunal estivo moi activo pois son varias as incidencias que se producen, avisos en relación con algún contido dos exames e que son solucionados en tempo real desde cada facultade da UNED. "Agradezo o traballo dos demais membros do Tribunal así como o de quen formou nesta edición a Comisión de Apoio, e o noso colaborador informático, Iván Luís Vázquez. Entre todos, xunto coa Valixa Virtual da UNED, fíxose un magnífico traballo nuns días cruciais para os nosos alumnos", sinalou García Díaz. 

Agora continúa aberta a matrícula para o novo curso, que empezará en outubro. As seguintes probas presenciais chegarán a última semana de xaneiro e a segunda de febreiro de 2024. "Aos estudantes que veñen novos á UNED recoméndolles empezar xa a ler os temas, durante este mes, para non perder tempo, aclimatarse e levar traballo adiantado cando empecen as titorías, o mes que vén".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es