Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Alejo Manuel Diz Franco: "Por prestixio e nivel, a mellor opción para facer un doutoramento en Ourense cando ún está traballando é, sen dúbida algunha, a UNED"

28 de julio de 2023

Diz Franco é, desde primeiros de xullo, doutor en Dereito pola UNED. Rematou oito anos de investigación científica que obtivo o sobresaínte cum laude e mención a premio extraordinario.

OURENSE, 28 de xullo de 2023. Alejo Manuel Diz Franco naceu hai 41 anos na Guarda. Estudou Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca e na Universidade Gregoriana de Roma. Empezou os estudos de Dereito na Uvigo e proseguiunos na UNED, universidade na que tamén estudou un mestrado en Filoloxía Clásica. Inscribiuse no programa de Dereito e Ciencias sociais da Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED), onde acaba de doutorarse a principios de xullo deste ano, con sobresaínte cum laude e mención a premio extraordinario. É profesor de instituto desde hai 15 anos, traballou tamén como formador durante tres anos no Seminario Menor de Ourense e, actualmente, compaxina a súa docencia no Instituto coa dirección do Centro de Ciencias Relixiosas S. Martín, onde se ofertan o Baccalauraetus e Licenciatus (Grao e Mestrado) en Ciencias Relixiosas. Así mesmo, ostenta o cargo de Delegado episcopal de Educación, Cultura e Universidade da Diocese de Ourense, así como a representación de Galicia na Comisión Episcopal de Cultura e Universidade na Conferencia Episcopal Española.

-Como xurdiu a idea de facer unha tese doutoral? 

-Durante os meus estudos de mestrado na UNED, coñecín ao profesor Federico Fernández de Buján, que impartía unha materia de Dereito romano. Pedinlle facer o Traballo de Fin de Mestrado baixo a súa tutela, e despois diso, animoume a facer a tese de doutoramento, proxecto que xa tiña en mente, auspiciado polo profesor Guillermo Suárez Blázquez, da Uvigo e profesor titor de UNED Ourense. Baixo a dirección e codirección, respectivamente, destes dous profesores, fun realizando o meu traballo de tese doutoral, así como as actividades previstas no programa en Dereito e Ciencias sociais.

-Que título leva a súa investigación? 

-A tese titúlase: Do divorcio romano á sacramentalidade tridentina. Estudo histórico-xurídico.

-Interesante.

 -A miña tese doutoral fai un percorrido pola institución matrimonial desde Roma ata o Concilio de Trento, facendo un percorrido tamén polas páxinas da Biblia, o que permite facernos unha idea de como era esta institución no Antigo Israel. O traballo é ambicioso, sobre todo porque vira en torno ao estudo das fontes, e non soamente estúdanse fontes bíblicas e romanísticas, senón que a evolución da institución esixiu un estudo en profundidade das fontes patrísticas, canónicas, de Dereito visigótico, así como unha breve aproximación á teoloxía sacramental medieval e as súas disputas, á posición de Lutero e os reformadores e aos debates e problemáticas que levan a definir ao Concilio de Trento ao matrimonio como un sacramento indisoluble.

-En que difiren o matrimonio romano e o cristián dos nosos días? 

-Se queremos establecer diferenzas entre o matrimonio romano e o matrimonio cristián actual, habería que salientar que en Roma o matrimonio non esixía de formalidades para a súa constitución, que non había un ritual propio de celebración do matrimonio, que o matrimonio duraba o que durase a vontade dos cónxuxes de querer permanecer unidos e, por tanto, o divorcio era libre. O matrimonio cristián herdado de Trento é un matrimonio sacramental, é dicir, que está ordenado a que os cónxuxes reciban por medio da unión a graza divina e é indisoluble, é dicir, que se trata dunha unión para toda a vida que, de ser válida, non admite rupturas e, moito menos, segundas nupcias. Así mesmo, esixe publicidade e solemnidade, acabando cunha tradición de matrimonio consensual e privado de case dous milenios. 

-Por que escolleu a UNED para doutorarse? 

-A iniciativa de inscribirme na Escola Internacional de Doutoramento da UNED xurdiu do meu director, Federico Fernández de Buján, animado por Guillermo Suárez Blázquez. Debido a que traballo desde o momento de terminar os meus estudos de Teoloxía, non me era posible participar nun programa de doutoramento dunha universidade pública que esixise presencialidade, polo que a UNED, desde un primeiro momento, expúñase como unha boa opción, máxime tendo en conta que quería realizar os meus estudos nunha Universidade Pública e, sobra dicilo, o nivel e prestixio que ten a UNED non o posúe a maioría das universidades españolas.

 -Canto tempo dedicou a esta investigación doutoral? 

 -Matriculeime na Escola Internacional de Doutoramento no Curso 2016-2017. Ao longo de todos estes anos, case 8, dediquei constantemente tempo á investigación propia da tese, pero ao ritmo que mo permitían as miñas obrigacións laborais. Debo dicir que en todo este tempo non parei en ningún momento de traballar na tese, aínda que os dous últimos foron de correccións e achegas por parte do director e codirector. 

-Foi publicando algún artigo previo sobre esta temática? 

-Ao longo de todos estes anos fun publicando numerosos artigos en revistas especializadas e colaborei con capítulos de obras colectivas e todos viraron en torno ao tema matrimonial, polo que todos tiveron algo que ver coa tese e varios tocaron especificamente temas da tese de forma directa.

-E agora que xa se doutorou na UNED, que proxectos ten? 

-Agora que xa terminei a tese e titulei, gustaríame proseguir estudos. Como son director dun Centro de Ciencias Relixiosas, a miña intención é facer algunha titulación eclesiástica especializada. Aínda que o campo que máis me interesa é o bíblico, non hai posibilidades de estudalo a distancia, polo que non sei aínda cara a onde decantarme, aínda que moi probablemente faga un mestrado de dous anos en Teoloxía dogmática na Facultade de Teoloxía do Norte de España. Gustaríame tamén facer o grao de filoloxía clásica ou ben o de Teoloxía Dogmática.

-Recomendaría a outros ourensáns que se doutoren na UNED? Que achega facelo nesta Universidade? 

-Aínda que hai outras ofertas de estudos universitarios a distancia, creo que, por prestixio e nivel, a mellor opción para facer uns estudos de doutoramento en Ourense cando un está a traballar é, sen dúbida algunha, a UNED. Ten unha ampla oferta de programas de doutoramento e é a universidade que máis experiencia posúe en ensino semipresencial. Para min foi unha plataforma moi cómoda para poder realizar a miña tese, axudado do meu director e codirector.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es