Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A Mesa de Idadismo de Ourense aclara que o envellecemento non é un problema senon unha gran conquista social e sanitaria

20 de noviembre de 2023

UNED Ourense participou xunto a outras 17 organizacións na primeira Mesa de Idadismo organizada por Mirada Mulleres+60, e o seu director espuxo a acción formativa da universidade para as persoas de idade, formando en Ourense a perto dun cento de persoas co programa UNED Senior, sendo a de maior idade unha estudante de 84 anos. A Valedora do Pobo Galego animou a cambiar as estruturas sociais masculinas nas que as mulleres viviron tantos anos. Falouse de apostar pola interxeracionalidade, de cambiar o modo de organización porque os futuros xubilados, que vivirán máis anos, terán outro estilo de vida diferente ao dos seus pais. 

OURENSE, 20 de novembro de 2023. Un total de 18 entidades reuníronse esta mañá no Liceo de Ourense para participar na I Mesa de Traballo da Asociación Miradas Mulleres +60, entre as que estaba UNED Senior, representada polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. A reunión contou coa asistencia da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño. A presidenta de Mirada Mulleres +60, María Antonia Rilo, abriu o acto dicindo que esta asociación creárona 14 mulleres "porque pensamos que xuntas seremos máis fortes" e relatou que entre os seus obxectivos está "loitar para erradicar o idadismo, que non se infantilice ás persoas maiores, dar máis visibilidade á muller maior e concienciarnos todos da violencia machista, pois tamén hai mulleres que a sofren en silencio. Moitas aguantan e non denuncian. Queremos estar representadas en todos os órganos de toma de decisións da provincia e colaborar con outras asociacións", dixo.

Para falar da formación nos maiores, Jesús Manuel García sinalou que cara o debate da partir de que idade considérase a unha persoa maior, o que importa "é pensar en como se pode contribuír desde a educación a un envellecemento activo, do que a OMS leva falando desde 1999". Trátase de que as persoas maiores "mantéñanse activas no físico, no cultural, no social e no intelectual…de forma que manteñan a súa independencia e calidade de vida durante o maior tempo posible. As propostas educativas con persoas maiores están desvencelladas coa formación para o emprego, promoven o envellecemento activo e participativo. Teñen carácter voluntario e os obxectivos son persoais. E así, o Programa da UNED Senior, dedicado ás persoas maiores de 55 anos, tivo o seu inicio na UNED no curso académico 2008/2009. Naquel entón desenvolveuse en 9 Centros Asociados cun total de 467 alumnos". Os obxectivos da UNED Senior son, segundo sinalou o director de UNED Ourense: "ofrecer formación en temáticas que interesan aos maiores de máis de 55 anos, para mellorar a súa calidade de vida, proporcionar coñecementos, aprendizaxes e estratexias para o desenvolvemento integral, a autonomía persoal así como aqueles elementos precisos para un mellor coñecemento da contorna cultural". 

Parte dos participantes nesta primeira Mesa de Idadismo que se celebrou na sede do Liceo de Ourense.

Afirmou Jesús Manuel García que o ensino de UNED Senior enmárcase nas actividades de Extensión Universitaria da UNED, cunha planificación específica en cada centro asociado. A metodoloxía ten en conta aspectos como que as persoas non aprenden só a partir do ensino, senón tamén da experiencia, que os métodos educativos apóianse no tecido dinamizador que ofrecen as potencialidades persoais, xunto á experiencia persoal e laboral dos participantes. A estrutura da UNED Senior organízase por bloques de materias, non por cursos. E a oferta vai evolucionando segundo demandas.

 "Desde aquel curso 2008-2009, a UNED Senior foi crecendo en toda España ata chegar ao curso académico 2022-2023, no que as clases se celebraron en 53 sedes da UNED, cun total de 8.173 alumnos; 363 docentes e, en total, 14.285 matrículas. Impartíronse 577 materias. Nalgunhas zonas de España a UNED Senior é híbrida, é dicir, que ten clases en liña e presenciais. Isto afectou a 78 estudantes matriculados en 107 materias", explicou García Díaz. 

No caso concreto de Ourense, a UNED Sénior botou a andar no curso 2015-2016, cun total de 223 matrículas. "Esta cifra foise incrementando ata as 234 matrículas no curso 2019-2020, baixando a 17 en plena pandemia, que xa no 2021-2022 subiu ás 110 e agora estamos en 170 matriculas con 83 alumnos, o que demostra que estamos a recuperar os datos prepandemia". A valoración que os estudantes fan de cada curso é moi positiva, pois roza o nivel de puntuación máximo en cada edición. Desde hai un ano, inclúense na UNED Senior saídas para ver paisaxes, instalacións industriais ou patrimonio cultural. Cada fin de curso organízase unha excursión fóra da provincia de Ourense. Temos a alumna máis maior con 84 anos, Delmira Maquieira, que vén desde Maside e non se permite fallar un só día ás dúas sesións que ten cada semana. As materias teñen que ver co cinema, a filosofía, a orixe da vida, a bioloxía, o patrimonio histórico, o turismo, os crimes sen resolver… Cada cidadán escolle oito dun total de máis de 15 ó 20 materias", explica o director. Desde a súa creación en Ourense, UNED Senior rexistrou ata hoxe 1.189 matrículas.

O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde Garrido, que á súa vez é profesor da Uvigo e profesor titor de UNED Ourense, dixo que "o envellecemento non é un problema, é unha gran conquista social e sanitaria. As persoas maiores son manifestación dun gran avance social, científico". Engadiu que estamos impregnados de estereotipos cara ás persoas maiores. "O idadismo conduce a unha mala saúde e a mortes temperás. O idadismo está presente ata nos nosos valores. E se nos fixamos na pandemia de COVID-19, dentro duns anos, xulgarásenos como sociedade pola cantidade indigna de mortes de persoas maiores, mortes que non se xustifican pola soa enfermidade. Hai máis cousas. Non estivemos á altura". Faílde Garrido lembrou que o idadismo é hoxe "a terceira gran forma de discriminación na nosa sociedade, xunto co racismo e sexismo". Falou tamén do “vellismo”, diferente dos outros “ismos” en dous aspectos: 

  •  Todos chegamos a ser obxecto de discriminación se vivimos o suficiente.
  •  Moita xente non é consciente deste prexuízo porque é relativamente novo e é un concepto sutil e pouco estudado. 

 Xaime Fandiño, un dos responsables da Cátedra de Idadismo da Uvigo, deixou claro que a vacina contra o idadismo "está na interxeracionalidade, sostible e sostida no tempo. Aquí vexo que faltan os mozos, que son os primeiros aos que hai que meter isto da interxeracionalidade. Eu falo de lonxevidade audaz. Temos que organizarnos doutro xeito. Non serve o que temos porque non somos iguais aos nosos pais. Os novos xubilados van ser persoas con outro estilo de vida". Manifestou que dentro dunhas décadas haberá moitas persoas que vivan con máis de 100 anos e os seus fillos octoxenarios, e netos etc. "Isto vai ser un problema como non cambiemos o modo de organizarnos. Hai que chegar a animar aos mozos cun pilla a un colega maior. Conciencia social necesítase".

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, expuxo que a vellez se entende como a peor etapa da vida, asóciase con perdas físicas ou psíquicas. "Isto é un estereotipo, é idadismo. Todos chegaremos a vellos". Indicou como no caso da muller maior de 60 anos, todo empora, pois basta mirar á situación laboral da muller, coa súa maternidade e ao chegar a unha idade máis madura, ter que coidar aos seus familiares directos. Todo isto, dixo Fernández Valiño, dificulta o acceso da muller ao traballo. Fixouse no tema dos protocolos de saúde, nalgúns dos cales, hai tempo nos de cardioloxía, "as patoloxías estaban deseñadas sobre infartos de miocardio nos homes e en probas de medicamentos as mulleres son excluídas unhas veces por risco de atentar contra a fertilidade. E se imos ver a publicidade da menopausa, parece que os homes non a teñen e con todo teñen andropausia, pero disto non se fala. Ou a perda de ouriños. Non saen homes, só céntrase en mulleres maiores, e nos homes dáse a partir dos 40 e diso nada se di. Xa non digamos da disfunción eréctil, que se trata moi delicadamente nos anuncios, pero cando se anuncian proídos na zona xenital, saen mulleres dicindo que lles pica aí abaixo". 

María Dolores Fernández, durante a súa intervención na que puxo de manifesto a situación da muller de idade, incidindo na desvantaxe da muller rural. 

A Valedora do Pobo declarou que se fala da muller maior como avoa coidadora, pero pouco dise dos seus proxectos vitais. Ou a pouca importancia que damos cando nun accidente mortal dise que a vítima era home ou muller septuaxenaria. "parece que non nos importa, porque xa viviu sú vida, e é coma se estorbase". Tamén se referiu á violencia de xénero na muller maior rural, que "non ven reflectidas nesa visibilidade que se fai noutros lugares, nas cidades. No rural hai submisión, violencia continua que se ve como algo normal. E cando a muller xa non pode coidar en casa, o marido dille que non serve para nada. Hai mulleres maiores por tanto, introvertidas, coa súa autoestima aniquilada, que sofren violencia toda a súa vida e non se atreven a pedir axuda". E en temas de discapacidade, engadiu a Valedora, "a desconsideración da muller é absoluta". E a isto hai que sumar a fenda dixital. Os maiores teñen o lema acertado de Son maior pero non son idiota. E teñen problemas de acceso ás tecnoloxías, mesmo ao propio sistema xudicial. María Dolores Fernández indicou que "Hai que potenciar a sororidade, entender que hai unha estrutura masculina na que nós vivimos durante anos e iso hai que cambialo". 

Nesta Mesa participaron, ademais, a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría; a Cátedra Idadismo da Uvigo; Ourensividade, Cruz Vermella, Espazo +60. Fundación Abanca; os Colexios Oficiais de Médicos e Enfermería; Ategal, o Comité de Ética do CHUOU, as Federacións Limiar e Miño; a Vogalía de Médicos Senior do ICOMOu, Prevención e Envellecemento; ACEE, Salubrizar e a Escola Rural de Saúde A Limia.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es