Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A nosa UNED Senior é unha perla que debemos coidar entre todos, polos beneficios que reporta"

6 de octubre de 2023

Bota a andar o novo curso dos máis veteranos na cidade de As Burgas, inaugurado onte polo director de UNED Ourense. Os estudantes teñen idades entre os 55 e os 84 anos e recibirán catro materias durante este primeiro cuadrimestre.

OURENSE, 6 de outubro de 2023. Comezou un novo curso en UNED Senior Ourense. Cun cento de matriculados maiores de 55 anos, bota a andar a nova edición de veteranos que acoden a clases dúas tardes á semana. Foron recibidos pola coordinadora de UNED Senior, María Concepción Álvarez Gómez, polo membro do PAS, Luis Gulín Iglesias e polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Este saudounos, agradeceulles a súa presenza e lembroulles que "a nosa UNED Senior é unha perla que debemos coidar entre todos, polos beneficios que reporta". Salientou o director que é admirable o interese que demostran asistindo ás máis diversas clases das materias que por votación elixen cada curso, "esa actitude que demostrades por coñecer, por saber máis vindo escoitar aos vosos profesores. Non imos conseguir un grao nin un mestrado, mais imos aprender, a relacionarnos, a darlle á mente, en definitiva, a divertirnos. Que teñades un feliz curso".

García Díaz convidounos a asistir ao acto de solemne inauguración do curso académico en UNED Ourense, previsto para principios de novembro. Nesta primeira tarde estaban os estudantes veteranos das 16:30 horas, que escoitaron a clase do profesor Ángel Domínguez López, que trata sobre a Arte da Antigüedade. Ás 18:30 horas comezaban a súa clase os estudantes que elixiron Filosofía española: autores e correntes, a cargo do profesor Miguel Guerra Rodríguez

O profesor Miguel Guerra, a coordinadora, María Concepción Álvarez e o director, Jesús Manuel García, nun dos momentos da benvida aos matriculados na UNED Senior de Ourense.

A UNED Senior de Ourense celebra as súas clases no Centro Cultural Marcos Valcárcel. "Agradecemos esta cesión de espazos por parte da dirección do Centro Cultural e da Deputación Provincial, institución que subvenciona ao 50% a matrícula dos estudantes veteranos que residen no territorio ourensán", subliñou Jesús Manuel García.

Neste primeiro cuadrimestre, as clases que teñen lugar os luns, constan doutras dúas materias: ás 16:30 Simone Gerollamo Saibene ensinaralles Introdución ao cinema, e dúas horas despois, Fabio Tabarés Santalices impartiralles Érase unha vez a vida; a célula, unidade básica de vida. Este primeiro cuadrimestre vai desde o 5 de outubro de 2023 ao 8 de febreiro de 2024, interrompéndose as clases entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro de 2024. Os alumnos teñen idades entre os 55 e os 84 anos.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es