Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Dúas coleccións de cosmética, moita ilusión e paixón desde Sarreaus

4 de octubre de 2023

Ana Álvarez López disertou no Curso de Emprendemento do Campus Noroeste da nosa Universidade desde UNED Ourense para expoñer como fundou o proxecto de cosmética natural Alloa nun municipio da comarca ourensá da Limia. Lembra que o rural está baleiro de xente pero non de recursos. E hai que loitar para evitar que morra. Teno claro.

OURENSE, 4 de outubro de 2023. Ana Álvarez López expuxo con paixón o seu proxecto de cosmética Alloa, creado en Sarreaus, na ourensá comarca da Limia, unha iniciativa que tivo a súa orixe no programa EmpredOU da Deputación. E fíxoo onte, dando unha conferencia desde o salón de actos de UNED Ourense, no Curso de Emprendemento que está a celebrar o Campus Noroeste da UNED. Ourense achegou este relatorio que fala de responder á preocupante situación da chamada España Baleirada. A Ana, que viviu en Almería desde nena, dóelle a perda de poboación dos nosos pobos. Por iso lanzouse a emprender con decisión. "Emprender non é un camiño fácil pero creo que é un camiño moi pero que moi bonito", sinalou. "As miñas raíces son algo que definiron este proxecto desde un principio, pero doutra banda sen ningunha dúbida una das cousas que máis me gustou cando me propuxeron dar esta conferencia é como crearon este curso que aúna o crecemento persoal co profesional e demostrar que sen ter tampouco unha formación moi especializada en X sector pódese saír cara adiante. Por que emprender? Emprender non é unha tarefa fácil, é arriscarnos, saír da nosa zona de confort, investigar, aprender, crear estratexias, perseguir novas oportunidades para servir á misión que se ten. Algunha características persoa emprendedora: iniciativa, paixón, creatividade, enxeño, ganas de aprender, enfoque, visión, adaptabilidade e perseveración".

Despoboamento

Álvarez López, achegou algunhas cifras da situación do medio rural español. En España hai 1.800 núcleos de poboación cun só habitante, fundamentalmente en Galicia e en Asturias, dixo, lembrando que un 42% dos pobos españois están en perigo de despoboamento. "Estamos a perder as nosas raíces con este panorama tan asustador", indicou. Decidiu levar a cabo o seu proxecto a través da cosmética natural, porque viu que podía ser "un altofalante moi importante dado que a cosmética é un referente en España. Aquí consómense 36 produtos por persoa e ano, o gasto per cápita en cosmética en España ao ano é de 185 euros e o 84% das empresas de cosmética españolas son pemes". Segundo dato recolleitos pola Asociación Nacional de Perfumería e Cosmética (STANPA), "usamos unha media de 8 a 10 produtos de cosmética diariamente. Claramente vese un aumento do uso de produtos de cosmética xa que hai unha maior tendencia por coidarnos. Estes datos son sobre a cosmética en xeral, pero se nos centramos en cosmética natural nótase unha maior crecida na venda destes produtos. Iso axudoume a decidir se a cosmética ten futuro ou xa estaba moi explotada", indica a relatora. Ana quería facer un produto que fose bo para todo o que a ela preocupáballe. Así decidiu entrar neste sector e dando resposta innegociable a tres piares nos que se centra Alloa ao longo de todo o proceso creativo, de deseño, e rexen absolutamente cada recuncho desta empresa:

  • As persoas. "Aquí póñome eu mesma de exemplo polos meus problemas de pel, o que me fixo recorrer a numerosas cremas que non me daban solución. Este problema fíxome buscar cremas que si dean solución. Aí empecei a desenvolver unha cosmética baseada en produtos naturais. Hai un estudo feito en Barcelona segundo o cal se detectaron11 novos compostos químicos procedente de cosméticos nas mostras recollidas do cordón umbilical de bebes recentemente nados. É a primeira vez que aparecen mostras no cordón umbilical pero previamente atopáronse este tipo de compostos na placenta humana e leite materno. O que máis se atopou son restos de Benzofenona-3, o filtro UV máis utilizado a nivel mundial para a protección solar e que actualmente está prohibido nalgúns países. É un disruptor endocrino que afecta á reprodución e ocasiona un maior risco de sufrir endometriosis, infertilidade e problemas durante a xestación e o parto. Todo isto debe concienciarnos sobre que tipo de ingredientes estamos a botarnos e as súas consecuencias a longo prazo. Son ingredientes seguros en pequenas cantidades". Ana Álvarez engadiu que Alloa traballa con produtos 100% naturais, con fórmulas maxistrais e aptos para peles sensibles. Non usamos derivados do petróleo". 
  • O planeta. É outro piar que fai innegociable seguir contaminándoo. Desde Alloa trabállase para evitar os plásticos, os plásticos dun só uso. Utilizan o cartón e segundo o produto, o vidro.
  • O pobo. "Preocúpame a súa tendencia para desaparecer. Nós desde Alloa queremos dar visibilidade á zona, a través das redes sociais e mediante eventos. Pretendemos transmitir a cultura de forma atractiva para que o cliente conecte co pobo e as súas xentes. E adecuámonos aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente no noso caso, os obxectivos 8, 12 e 13. Queremos ter un impacto social positivo.

Ana é unha emprendedora con decisión e paixón apostando por unha liña cosmética para dar a coñecer o pobo onde se asenta, co maior dos orgullos.

 "Como vedes en realidade todo está relacionado co que para min foi sempre un problema ao cal tentei poñerlle solución de forma individual". Alloa ten nestes momentos dúas coleccións no mercado. A primeira, denominada Sarreaus, consta de champú, xel de ducha e acondicionador. No ano 2022 saíu a segunda colección, chamada A Noguera, en homenaxe, di a fundadora, a esa zona de Lleida onde recibiu a primeira formación que lle recomendaban nunha feira de emprendemento rural celebrada en Soria. Esta liña consta de crema hidratante, limpador facial e unha totebag ou bolsa de tea con mensaxe alusiva á definición de pobo. Pero tamén, Alloa ten dous tarjetones con senllos debuxos, unha co Vergalleiro, ou personaxe máscara típica do Entroido de Sarreaus e outra co Forcaire catalán, oficio perdido. Ambos os tarjetones levan datos de cultura popular e un código QR cada un para coñecer, di Ana, "non unha igrexa do pobo como habitualmente ensínana, senón con datos como: aquí casou Xulia con Antonio en tal data e celebraron... Son pequenas historial locais que manteñen viva a memoria rural".

Ana Álvarez foi presentada polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García, cara as numerosas persoas conectadas en Galicia, Asturias, Estremadura, Castela e León a máis diso outras zonas do mundo.

Hoxe Alloa é un equipo de tres persoas que loitan cada día por facer crecer este proxecto ourensán. Ana Álvarez non dubida en seguir co seu proxecto desde Sarreaus, desde o mundo rural mentres os seus pais, galegos, residen en Almería. "O rural exponche retos como a falta de acceso a recursos básicos, non hai diversidade comercial, existen deficiencias de acceso a Internet e hai necesidade de maior formación. Pero existen tamén vantaxes como a mellora das condicións, o acceso a programas específicos do medio rural (networking, charlas, eventos) e outra vantaxe é o aproveitamento de recursos autóctonos".

Estas son as vindeiras conferencias quew se van desenvolver no Curso de Emprendemento do Campus Noroeste da UNED:

  • luns, 9 de outubro 
    • 19:30-20:30 h. Iniciativas profesionais con sentemento: o proxecto Guido Guía, desde UNED Lugo.
      • Guido Álvarez Parga, turismólogo e docente universitario.
  • mércores, 11 de outubro 
    • 19:00-20:30 h. Innovación e tradición na sidra, desde UNED Asturias.
      • Tano Collada Salvador, licenciado en Enoloxía, enxeñeiro Técnico Agrícola e enólogo de Sidra El Gaitero.
  • luns, 16 de outubro 
    • 19:00-20:30 h. Vangarda e innovación hoteleira en Palencia, desde UNED Palencia.
      • Manuela Merino Rojo, directora do proxecto Hotel Don Rodrigo.
  • xoves, 19 de outubro 
    • 19:00-20:30 h. Emprender con éxito no eido rural, desde UNED Ponferrada.
      • Beatriz Figueroa Pérez, xerente en Miel Camino de Santiago e Bierzo Traveler.
  • martes, 24 de outubro 
    • 19:00-20:30 h. Luces e sombras do emprendemento en Castela e León, desde UNED Zamora.
      • José Carlos Sánchez García, director da Cátedra de Emprendedores da Universidade de Salamanca (CEUSAL)
  • venres, 27 de outubro 
    • 19:00-20:30 h. O desafío do emprendemento, desde UNED Pontevedra
      • Jorge Sieiro Froiz, colaborador COIE Pontevedra (Orientador Laboral), director de RRHH e formador.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es