Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O profesor titor da UNED Julio Prada, novo catedrático en Historia Contemporánea da Uvigo

10 de julio de 2023

O doutor Prada Rodríguez obtivo o novo estado académico tras unha sesión na que o tribunal salientou a súa traxectoria científica, docente e de xestión "abafadora".

OURENSE, 10 de xullo de 2023. O profesor titor e coordinador académico de UNED Ourense, ademais de profesor titular de Historia Contemporánea da Uvigo, e decano da Facultade de Historia da devandita universidade, Julio Prada Rodríguez, é, desde o pasado venres, día 7, catedrático de Historia Contemporánea na Uvigo. O acto académico para optar a esta praza contou co tribunal de catedráticos da citada especialidade histórica presidido por Luís Domínguez Castro, da Uvigo, ao que acompañaban Julián Chaves Palacios, da Universidade de Estremadura; Lourenzo Fernández Prieto, da USC; Ángela Cenarro Lagunas, da Universidade de Zaragoza e Julio Ponce Alberca, da Universidade de Sevilla.Na sala atopábanse tamén outros profesores da Facultade de Historia da Uvigo así como o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz e familia do aspirante. Julio Prada expuxo cara o tribunal todo o seu extenso currículo, debidamente estruturado, así como o seu plan docente. Este profesor ten no seu haber académico un total de 256 publicacións das cales 75 son artigos científicos; 33 libros; 84 capítulos de libros e 64 relatorios. Ten tamén no seu haber 12 proxectos e contratos dirixidos, e noutros 22 exerceu como membro do equipo de investigación. Posúe 37 meses de estancia en centros de investigación. Como profesor de Secundaria no IES Nº 1 do Carballiño estivo 19 anos, desde o 1 de outubro de 1990 ata o 29 de xuño de 2009. Como docente na Universidade leva 27 anos, 22 deles como profesor titor de UNED Ourense e 13 como coordinador académico do devandito centro universitario. Dirixiu catro teses doutorais, todas cualificadas con sobresaliente cum laude, entre elas a do director de UNED Ourense. 

Julio Prada, en plena exposición do seu curriculum académico e plan docente durante o acto para acreditarse como catedrático.

O tribunal foi unánime en salientar varios aspectos tanto da obra científica, académica e de xestión do doutor Prada Rodríguez sen esquecer a súa faceta persoal. Dixéronlle que podería terse acreditado como catedrático anos atrás, dada a envergadura da súa produción científica e experiencia académica. Salientaron que o seu curriculum é "abafador" por extenso e repleto de calidade e rigor. Engadiron que Julio Prada é un historiador referente en España e que unha das súas obras, A España Masacrada, segue sendo un libro recomendado aínda hoxe na universidade española. Del valorouse tamén o feito de que iniciou a súa vida laboral como profesor de instituto, dando daquela o salto á Universidade. Do mesmo xeito o tribunal salientou os estudos do aspirante, pois aos seus estudos e doutoramento en Historia aínda tivo tempo de graduarse en Dereito pola UNED. E isto enriquece a súa visión como investigador, engadíndose a iso os seus coñecementos en socioloxía e de estar ao día nas correntes de investigación histórica, de tal modo que todo iso permitiulle e permítelle innovar no tratamento da Historia, abrindo novos camiños.

Os membros do tribunal comunicando a Prada Rodríguez que a todos os efectos pasaba a ser catedrático de Historia Contemporánea na Uvigo.

A xestión universitaria de Julio Prada, tanto na UNED como na Uvigo, sorprendeu igualmente aos membros do tribunal, pois todo iso dá experiencia neste campo ao novo catedrático. Unha experiencia que vén do feito de ter sido xefe de Departamento do Instituto de Bacharelato do Carballiño durante 6 anos, Vicesecretario do mesmo; Secretario de UNED Ourense, 7 anos e 7 meses e Coordinador académico do devandito Centro, desde o 1 de maio de 2010 ata a actualidade; Representante de profesores titores do mesmo, Secretario da Facultade de Historia e, por último, decano da mesma desde o 4 de febreiro de 2022 ata a actualidade. Durante case unha hora cada un dos membros do tribunal interveu para subliñar a carreira profesional de Prada Rodríguez. Pareceulles sorprendente ter tanta obra publicada entre libros e artigos e tanta docencia sen deixar de atender á familia. Subliñaron o seu rigor en todo o que fai, empezando polos centos de páxinas da documentación que tivo que presentar, todo ben sistematizado, o que, a xuízo do tribunal, non pasa sempre. 

Na sala seguía con interese o acto o catedrático emérito da Uvigo, Jesús de Juana López, ex director de UNED Ourense. Na súa exposición, Julio Prada manifestou "a nosa débeda con quen entón ocupaba a cátedra de Historia Contemporánea, Jesús de Juana, aquí presente, cuxa calidade humana creo que se pode resumir perfectamente nun feito que é moito máis que anecdótico: cando ao ano seguinte da miña chegada como profesor asociado á devandita área comenteille que tiñamos intención de solicitar un proxecto de investigación, a súa resposta inmediata, antes sequera de coñecer a súa natureza, foi a de que en diante 'o meu currículo está á vosa disposición'. É probable que sen aquel trazo de xenerosidade, que mantivo sempre ata a súa xubilación, hoxe non puidésemos estar en situación de comparecer cara vostedes, como tampouco, se se me permite engadir, sen un ecosistema familiar non menos propicio para tales aventuras investigadoras, certamente devoradoras de anos e de enerxías". 

Todo o tribunal mencionou que para a Facultade de Historia ten que ser "un luxo" que Julio Prada estea entre os membros do seu claustro. Terminado o debate, o tribunal comunicou a Julio Prada o que xa adiantaran nas intervencións os seus integrantes, é dicir, que Prada Rodríguez queda acreditado para todos os efectos como catedrático. "Teño que dicir que tras escoitar ao tribunal, non fixeron ningunha esaxeración os seus membros. O que dixeron é fiel reflexo do que transmite a obra e a experiencia do novo catedrático, un home esixente co que é un pracer traballar. Como director de UNED Ourense síntome orgulloso sempre dos nosos profesores titores, e tamén podo manifestar que é un verdadeiro luxo ter entre nós como profesor titor e coordinador académico ao doutor Julio Prada Rodríguez", dixo García Díaz.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es