Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A seguridade: unha porta á paz", premio provincial de Defensa

21 de abril de 2023

O xurado integrárono cargos de Defensa co subdelegado á fronte, e o director de UNED Ourense para escoller a carta escolar máis axeitada ás bases do premio.

OURENSE, 21 de abril de 2023. O xurado provincial de Ourense da décima edición do concurso literario escolar Carta a un Militar Español, organizado polo Ministerio de Defensa, concedeu o premio á estudante Nerea Gómez Mancebo, de cuarto curso da ESO no colexio San Pablo VI-Fátima, da Rúa, polo seu texto titulado: A seguridade, unha porta á paz. O fallo do xurado tivo lugar eta mañá na sede da Subdelegación de Defensa en Ourense. Formaron parte do xurado o coronel do Corpo Xeral do Exército de Terra e Subdelegado en Ourense, Jesús Antonio Peñas Preckler; o subtenente do Corpo Xeral da Armada, Gonzalo Ferreiro Rodríguez como vocal secretario; e como vogais actuaron o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz e o comandante xefe de Órgano Auxiliar da Subdelegación de Defensa, José Manuel Zapata Paz.

 O xurado avaliou en cada un dos cinco textos presentados os seguintes aspectos:

  •  Coherencia co tema proposto.
  •  Redacción.
  •  Ortografía, sintaxe e gramática.
  •  Estrutura e metodoloxía.
  •  Emoción, profundidade.
  •  Orixinalidade, creatividade.

 Cada apartado valorouse de 0 a 5 puntos. A categoría provincial deste premio ten como recompensa a entrega dun libro e un diploma. Logo hai outras categorías como gañador nacional, que obterá un computador e diploma; colexio do alumno premiado en fase nacional, que recibirá un televisor de 65" e diploma. Os primeiros e segundos finalistas terán diploma e o mesmo daráselle aos seus colexios. En calquera destas categorías podía estar a gañadora provincial ourensá se o seu texto é escollido cando se mande a Madrid.

 O director de UNED Ourense participou como representante do mundo da cultura, da educación e da comunicación. Dáse tamén a circunstancia de que a UNED ten  o Instituto Gutiérrez Mellado, centro de investigación e docencia especializado en cuestións relacionadas coa procura da paz, a seguridade e a defensa. Naceu no ano 1997, por iniciativa do Ministerio de Defensa, para suplir a carencia no ámbito universitario español deste tipo de estudos, ata entón practicamente desenvoltos só en centros de ensino militares. A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), considerándoos un instrumento idóneo para estreitar os lazos entre os ámbitos políticos, militar e académico, aceptou o reto e achegou o seu particular sistema de ensino a distancia e de incorporación dos avances tecnolóxicos que caracterizan ao mundo actual.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es