Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"A liña entre feito e opinión difuminouse, é imperceptible"

19 de marzo de 2024

O director de UNED Ourense dirixiuse a máis dun cento de estudantes de Bachalerato de Verín e de Celanova e animounos a ilusionarse "polo que vades aprender e polo que investigaredes na vosa vida universitaria".

OURENSE, 18 de marzo de 2024. Os mozos que en Verín e en Celanova prepáranse este curso para acceder á Universidade, escoitaron as palabras que lles dedicou o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Na vila do Támega visitou o IES Taboada Chivite e o IES García Barbón, e na vila de San Rosendo, o IES Curros Enríquez. Máis de cen estudantes dos tres centros coñeceron a UNED, coa súa estrutura na que son fundamentais os centros asociados, grazas aos cales a universidade chega a todos os recunchos de España e a varios países. Igualmente coñeceron a oferta educativa, con 30 graos, os seus graos combinados, os programas de doutoramentomicrotítulosmestradoscursos de veráncursos de extensión universitaria e programas de formación permanente...

Os estudantes do Taboada Chivite de Verín seguiron con atención a intervención de García Díaz nunha xornada de proveito.

García Díaz respondeu as súas preguntas, pois houbo quen lle preguntou a diferenza entre unha tesina e unha tese de doutoramento ata quen quixo saber se hai prácticas ou se se poden solicitar bolsas. "Hai prácticas, por suposto, hai bolsas e ata se ofrecen prazas de Erasmus", díxolles. 

Cando se lles conta que na UNED non hai notas de corte, que todo cidadán que aprobe a ABAU pode cursar calquera dos graos que ofrece a nosa universidade, nótanse caras de sorpresa e satisfacción, pois, como sempre lles di o director de UNED Ourense, "a nota de corte ponlla cada un a si mesmo no sentido de que se traballas, vas triunfar". Insístelles moito en que hai que ler bastante, que é necesario escribir ben. "Non se concibe na universidade un estudante que non saiba escribir, que repita palabras nun mesmo parágrafo, que cometa faltas de ortografía ou de sintaxe. Mirade que na EBAU este ano comezan a restar puntos esas faltas. Non tedes escusa despois de tantos anos de exercicio!". 

Xunto á responsabilidade de cada un e a seriedade do feito de trazar a vida de cada mozo para formarse canto poidan, o director de UNED Ourense animouos a ser tolerantes, creativos, honestos, constantes. "Dade o mellor de vós mesmos en todo canto fagades. Merece a pena o esforzo e facer as cousas ben. Ilusionádevos polo que vades aprender e polo que investigaredes na vosa vida universitaria". 

No IES García Barbón da vila do Támega os rapaces sorprendéronse ao coñecer como funciona a UNED e co feito de poder facer carreira sen moverse da súa terra e sen menguar o nivel de esixencia.

Nestas charlas, Jesús Manuel García sempre fai referencia a pensadores do mundo actual, para alertar aos mozos. "Mirade, nisto que se dá en denominar postmodernismo, como sinala Derrida, todo pode presentarse como un texto, como un relato, e para pescudar verazmente o que ese texto di, hai que deconstruirlo, léndoo, con especial atención a todo canto poida ir en contra do significado que lle deu o seu autor para demostrar que aquilo que sostén o texto é moi inestable, imposible. Aquí aparece o problema, que é liste: Quen fixará cal das varias interpretacións dun texto é a verdadeira, que é o que o texto quería dicir en realidade? Isto é máis serio do que parece. Outro autor, Valdés Villanueva, nos di que as defensas que teríamos contra as noticias falsas non funcionan. A liña entre feito e opinión difuminouse, é imperceptible. Sabemos que algunhas persoas gozan coa mentira. Dito máis directamente: a postverdade crea unha realidade paralela de tal xeito que se un responsable público está convencido de que en tal sitio sucedeu un feito, aínda que non sexa certo, sucedería porque o di el. Sóavos de algo? Lembrade que o feito de que alguén estea convencido de algo non significa que ese algo sexa unha verdade. Como indica McIntyre, a verdade foi eclipsada e non esquezades que se esta é considerada irrelevante, entón é a primeira vítima para establecer un estado autoritario. Moitas persoas, actores sociais en distintos ámbitos, se envalentonan para tentar deformar a realidade amoldándola ás súas opinións. Pois a maior ameaza provén de quen con soberbia pensan que son posuidores da verdade. A mentira ten a súa audiencia. Cando os líderes ou unha boa parte da sociedade nega os feitos fundamentais, as consecuencias poden ser moi perigosas a nivel mundial. A posverdade é algo así como unha supremacía ideolóxica coa que os seus devotos tratan de obrigar a alguén a que crea en algo, tanto se hai evidencia a favor coma se non".

A charla en Celanova tivo por escenario a espectacular biblioteca do IES Celso Emilio Ferreiro, biblioteca antiga do que fora mosteiro bieito de San Salvador.

Lembrou o director de UNED Ourense un libro de Michael Shermer no que este autor pregúntase por que abundan as crenzas nas pseudociencias cando vivimos na idade das ciencias. "Como futuros homes e mulleres de ciencia, sede defensores da verdade, do coñecemento rigoroso, do esforzo, o que vos brindará luz para navegar por este caos do ecosistema informativo no que vivimos, froito da facilitación do acceso á comunicación pola dixitalización. Agora calquera ten un altofalante e se isto parecía unha oportunidade democratizando ese acceso a todos os cidadáns, ao ser tantos os que se fan oír, chegouse a ese caos dado que algunhas persoas fan un mal uso desa liberdade. Así xorde a desorientación e, como sinala Innerarity, saen a escena os afeccionados. Vós buscade sempre o rigor. Sede críticos con fundamento. Convertídevos en persoas cultas, pouco a pouco, que non é o mesmo que persoas pedantes. Deséxovos moitos éxitos na vosa vida".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es