Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Os centros asociados da UNED son unha prioridade  gubernamental para loitar contra a realidade acuciante da España baleira 

1 de marzo de 2020

O seu fomento é unha das medidas salientables tomadas pola Comisión Delegada do Goberno para o Reto Demográfico

OURENSE, 1 de marzo de 2020.-A Comisión Delegada para o Reto Demográfico, celebrada por primeira vez a pasada semana en Logroño coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e de doce ministros, expuxo as primeiras medidas para loitar contra o despoboamento e ofrecer oportunidades de desenvolvemento no ámbito rural. A UNED vai estar moi presente neste plan xa que unha das medidas destacadas para afrontar o reto demográfico en España vai ser o establecemento dun plan de fomento dos centros territoriais da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

Esas primeiras medidas baséanse en facilitar a relación dos cidadáns coas administracións, en simplificar trámites administrativos para promover o emprendemento e a actividade económica nas zonas afectadas polo despoboamento, e en promocionar proxectos de innovación desde a colaboración público-privada.

Moncloa destaca as seguintes medidas:

1.-Impulsar un Estatuto Básico dos Pequenos Municipios

2.-Analizar a posible descentralización de centros de referencia da administración pública

3.- Universalizar a cobertura de banda ancha de 30 megas en liña co obxectivo da Axenda Dixital Europea

4.-Activar proxectos piloto de servizos 5 G en áreas rurais

5.-Crear incentivos e medidas de discriminación positiva nas axudas á rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética e o fomento de instalacións de autoconsumo e outras renovables na contorna rural

6.-Establecer un plan de fomento dos centros asociados da UNED

7.-Incrementar os efectivos da Garda Civil e mellora das súas infraestruturas e parque automobilístico en zonas rurais.

A UNED desde o seu nacemento hai 48 anos sempre tivo un papel importante en axudar a asentar poboación nas diferentes localidades e comarcas españolas dado o seu servizo, que sempre permitiu e permite acceder aos estudos superiores sen saír da túa aldea, pobo, vila ou cidade. O seu servizo está totalmente adaptado a cada cidadán, mesmo se presenta algunha discapacidade. Esta importante experiencia que atesoura a Universidade Nacional de Educación a Distancia, da que se beneficiaron tres millóns de persoas ao longo de case medio século, non pasa desapercibida no Goberno.

Todo iste labor faise mediante máis de 60 centros asociados repartidos por todas as Comunidades Autónomas españolas, un deles ubicado en Ourense coa súa extensión de A Rúa para toda Valdeorras.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es