Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Os estudantes de ciclos de FP de A Carballeira coñeceron a UNED

15 de abril de 2024

O director expuxolles o abano de graos aos que poden acceder tan pronto acaben os seus ciclos superiores. Insistiulles en que non terán notas de corte para entrar na Universidade pública máis grande de España, onde poderán graduarse ao seu  ritmo.

OURENSE, 15 de abril de 2024. No Centro Integrado de Formación Profesional Marcos Valcárcel, na Carballeira, celebrouse outro dos encontros que o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, mantén cos centros de ensino secundario da provincia cada ano. A particularidade desta visita radica no feito de tratarse, neste caso, dun centro que ofrece ciclos superiores de Formación Profesional. No salón de actos celebrouse a conferencia para estudantes de primeiro curso de Ciclo Superior. García Díaz díxolles que unha vez que acaben eses ciclos, poderán acceder á universidade, neste caso á UNED, se é o seu desexo, sen problema de notas de corte, ben para ampliar estudos dese ciclo que terminaron, ou ben para estudar outra carreira. 

Os estudantes seguiron a intervención do director de UNED Ourense con moita atención. Da idea que tiñan da UNED á que posúen agora hai unha diferenza considerable. "Se acabas o teu ciclo en Química podes graduarte en Química connosco, tamén en Enxeñería Informática ou en Ciencias Ambientais, por poñer tres exemplos. Sei que moitos de vós ides ter ofertas de traballo cando acabedes aquí no instituto, e iso é marabilloso, pero non esquezades que en calquera momento podedes necesitar ampliar coñecementos e mesmo se iso ocórrevos xa traballando, aí tedes a UNED que vos permite estudar con flexibilidade, é dicir, escollendo as materias como vós queirades en cada curso", díxolles García Díaz. 

Os mozos preguntaron polos idiomas, e o director faloulles da oferta do CUID así como dos exames Trinity College London, que se poden realizar en UNED Ourense e cuxa matrícula se atopa aberta. Outro estudante preguntou polo prezo dos estudos na UNED e o director díxolle que son prezos públicos que marca o BOE e que se poden ver na seguinte ligazón

Jesús Manuel García animounos a ler moito e ben, e o mesmo a escribir ben, "porque na UNED hai exames nos que che piden expresamente que non cometas ningunha falta. Se ledes ben desde xa, no voso ciclo superior empezades a utilizar as palabras técnicas do voso estudo, logo se facedes carreira na universidade, aos poucos tedes que comezar a empregar a linguaxe científica desa carreira para exercitar o uso da linguaxe académica, deixando para outros momentos a linguaxe coloquial. Na Academia hai que esforzarse todo o tempo. Se decidides estudar na UNED asegúrovos que sairedes cunha moi boa formación froito dun nivel de esixencia que vos cambiará. Sempre digo que moitos egresados da nosa Universidade están perfectamente preparados para presentarse a oposicións porque eles mesmos o confirman. E non menos certo é que en España hai empresas que prefiren aos egresados da UNED polo esforzo desenvolvido por cada un para obter o título oficial correspondente". Xunto ao director estaba o profesor José Luis López Fernández , que é, ademáis, profesor titor en UNED Ourense. Igualmente estaba o orientador, Alberto José Barreira Arias, que tamén é profesor titor da UNED.

Os mozos da Carballeira foron exhortados a non ser xente da chea, como os demáis: "tedes que dar o mellor de vós sempre, desde as accións máis simples que facedes a diario ata as máis complexas. Non vos conformedes con pouco, cultivade o pensamento crítico para que ninguén vos torza cal catavento exposto ao vendaval. Para non fiarvos deses modos de falar cando alguén espeta: din, dixeron o outro día, dinme que.... Mirade, que digan o que queiran! Vós afianzade os feitos, coñecédeos ben por vós mesmos, coa información seria que nos dea luz sobre eles, non vos agarredes ao 'díxome díxome'. E ollo con internet, coidado con gaioleiros que pasan por youtubers de éxito. Todo efémero. Ou coas falsidades que se disfrazan de boas noticias. Por iso non nos queda outra que buscar a verdade sempre. Poñámonos a iso desde a universidade, desde o voso estudo diario, nestes tempos nos que a relación co progreso, coa tecnoloxía, tornouse insegura e ambivalente, como di Lipovetsky, pois ese progreso, esa tecnoloxía está asociada en dous sentidos, por unha banda cara á promesa de mellora e pola outra, oriéntase cara á ameaza catastrófica en cadea", comunicoulles o relator. 

Houbo outras preguntas para coñecer a formación permanente da UNED, cursos de todo tipo que poden interesar aos novos estudantes, tamén souberon que nesta Universidade hai Erasmus, bolsas e prácticas. O director animou a todos os mozos alí presentes con el a ser eles mesmos, e a ser constantes na súa tarefa, pois o pouco traballo que fagan ordenadamente cada día, ao final de semana será considerable "e non digamos o de todo o mes. Practicade a teoría da formiga, e non esquezades que a base de moitos poucos se consegue moito. Que gocedes dos vosos estudos con proveito!".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es