Mapa web
Youtube
UNED

Wesley Sáa Teles: "Para doutorarme o primeiro foi buscar unha institución recoñecida internacionalmente e de calidade"

10 de noviembre de 2022

Teles Guerra vive en Ourense e está facendo a súa tese na UNED cunha investigación sobre a comunidade brasileira en Galicia.

OURENSE,10 de novembro de 2022. Wesley Sá Teles Guerra, ten 37 anos, naceu en Brasil, pero foi criado en España (Madrid, Coruña e Barcelona). Estudou FP en Comercio en Barcelona e posteriormente cursou o grao en Administración de Empresas e Comercio Exterior na Universidade Católica de Brasília; tamén fixo un posgrao en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais na Fundación Escola de Política de São Paulo, dous MBAs un en Marketing Internacional no Massachusetts Institute of Business e outro en Sociedades Internacionais na Humboldt International University. Despois cursou un mestrado en Políticas Sociais e intervención Socio comunitaria con especialización en Migracións na Universidade de Coruña e un mestrado en Xestión e planificación de Cidades Intelixentes na Universitat Carlemany (Andorra). Hoxe está a facer o doutoramento en Socioloxía e Cambios da Sociedade Contemporánea na UNED. Este cidadán é un dos que apostaron por acadar o grao académico máis alto na UNED, desde Ourense. A súa liña de investigación é unha das encadradas neses 21 programas de doutoramento que ofrece a universidade pública máis grande de España e unha das punteiras de todo o país en defensa de tesis de doutoramento.

 -Como se titula a súa tese? -

-Hibridación Cultural da comunidade nova brasileira en Galicia

 -Por que escolleu doutorarse na UNED? 

-Por unha serie de factores, para doutorarme o primeiro foi buscar unha institución académica recoñecida internacionalmente e de calidade, pero que ao mesmo tempo fose capaz de ofrecer flexibilidade e facilidades á hora de concluír o curso. O custo da vida nas grandes cidades de España, onde se concentran as principais institucións, moitas veces é unha barreira para continuar os estudos, dividirse entre traballo e estudos, así como as distancias, en cidades como Madrid ou Barcelona para a miña non era nada viable, así mesmo o tema da miña tese só ten sentido se vivo na rexión de Galicia.

-Cal é o obxectivo da súa investigación? 

-O principal obxectivo é estudar o proceso de formación identitaria e participación social e integración dos mozos de orixe brasileira que viñeron a España aínda sendo nenos ou que mesmo nacesen en Galicia, pero que ao longo do seu desenvolvemento foron dobremente influenzados, sexa polo ambiente familiar ou polo social, máis aló da propria percepción da sociedade fronte a eles. Son inmigrantes como os seus pais? Galegos ou brasileiros? Son unha mestura de ambas as realidades?

-Como ve o cidadán brasileiro educado en Galicia, en España? Que problemas detecta?

-Existen dúas dimensións principais, unha que é referente á súa propria percepción e formación como individuo e cidadán, de como se identifica para a sociedade e a súa forma de participar nela. Outra é como a propia sociedade percibe a ese mozo e como o trata. Moitas veces aínda sendo galegos de nacemento son vistos como estranxeiros e, aínda que a lexislación de Brasil recoñéceos como cidadáns (coas súas obrigacións e dereitos) moitas veces viven afastados da realidade brasileira, compoñendo unha identidade mixta. Certo é que existen factores importantes tales como a lingua que usan para comunicarse e a existencia ou non do famoso acento, elementos étnicos e relixiosos, etc, que producen escalas diferenciadas nese proceso de hibridación cultural, promovendo lagoas nas que o mozo non logra unha total inserción social nin en Brasil nin en Galicia.

 -Como son as relacións hispano brasileiras? Por exemplo no mundo empresarial

-As relacións entre Brasil e España son históricas, cabe lembrar que metade de Brasil foi territorio español ata a firma do tratado de Madrid en 1750, aínda que a participación de España na composición do Brasil actual sempre foi iñorada ou minimizada na historiografía brasileira, a pesar de que actualmente existen estudos que tratan de recuperar ese legado. Así mesmo, España e sobre todo Galicia e Andalucía, tiveron un dos maiores grupos de inmigrantes durante os fluxos migratorios de finais do século XIX ata mediados do século XX, persistindo unha gran comunidade española nos días actuais, moitas veces utilizada por empresas españolas para consolidarse no Brasil ou abrirse camiño no complexo mercado brasileiro. Empresas como Telefónica, Santander, Abanca, Inditex, Estrella de Galicia hoxe posúen en Brasil uno dos seus principais mercados, con todo non existe un aproveitamento inverso. A pesar de que España sexa un dos principais destinos dos emigrantes brasileiros, poucas empresas de Brasil elixen España para establecerse, optando case sempre por Portugal. Galicia nese sentido poderíase ver beneficiada por proximidade lingüística e xeográfica, motivo que levou a España a entrar na CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa), con todo aínda está moi pouco aproveitado.

-En que zona de España hai máis brasileiros? Cal é o perfil dos que viven en Galicia? 

-Barcelona e Madrid concentran gran parte da comunidade de brasileiros en España, sobre todo por teren maior oferta laboral e voos directos cara a Brasil. En Galicia existen aproximadamente 12.000 brasileiros censados (fronte aos 30.000 galegos que viven en Brasil) con todo os perfís son moi diferentes. Nas grandes cidades (Madrid, Barcelona, Bilbao) existe un perfil mixto, entre man de obra, estudantes e profesionais (a maioría ligados ás empresas españolas que actúan en Brasil) xa en Galicia son maioritariamente man de obra barata ou mozas que buscan as súas oportunidades de inserirse na sociedade. 

-De qué xeito ven os brasileiros aos galegos? Cultura, lingua, estilo de vida…

-Galicia segue sendo unha gran descoñecida de Brasil, excepto polo Camiño de Santiago retratado na obra de Paulo Coelho, xa que as relacións danse sobre todo mediante ambas as diásporas. Con todo existen movementos culturais que avogan pola galeguia e a recuperación do papel histórico de Galicia na Lusofonia. Luiz Ruffato, escritor brasileiro, é un gran defensor da galeguía; tamén existen diversos centros de estudos galegos mantidos pola Xunta nas grandes universidades, con todo a visión que se ten é algo romantizada e máis propria da Galicia medieval que a actual, moita xente non sabe que Zara (unha das marcas máis populares de Brasil) é galega.

 -Quen lle dirixe a tese?

 -Conto co apoio dunha profesora e orientadora marabillosa que é María Mercedes Montero Bartolomeu da Facultade de Socioloxía da UNED, e José M. Arribas que é o coordinador do doutoramento. Sen eles a miña investigación xamais sería posible. -Para cando espera defendela cara o tribunal? -Estou no terceiro ano do doutoramento e, aínda que teño a investigación bastante adiantada, espero poder presentala o próximo ano para as consideracións do consello antes de presentalas ao tribunal.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es