Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"O voso campo de acción e de miras vai a ser o mundo enteiro"

7 de febrero de 2022

O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, inaugurou a Semana de Orientación Académico Profesional do colexio valdeorrés Pablo VI na que participan varias universidades e centros de formación. Na súa intervención cos estudantes animounos  a perseguir os seus sonos e non deixar de loitar por eles a pesares dos erros que poidan xurdir. O pensamento crítico, a responsabilidade persoal , a creatividade e o espíritu de superación en todo o que fagan.

Ourense, 7 de febreiro de 2022. Cun auditorio de preto de sesenta estudantes de Bacharelato e outros de cuarto de ESO, o director de UNED Ourense faloulles do esforzo que han de realizar sempre na súa xa próxima vida como futuros universitarios. Aos mozos que non van seguir por ese camiño, díxolles o mesmo: “todos vós, en todo o que fagades, sexa como universitarios ou como estudantes dun ciclo ou como traballadores, procurade ser os mellores”. Explicoulles que estudar na UNED supón unha gran responsabilidade por parte de cada alumno. “O estudante convértese en protagonista da súa propia aprendizaxe. E para acceder á nosa Universidade non é necesaria a nota de corte, pois esta ponlla cada un dos estudantes a si mesmo, no sentido de que se te esforzas, triunfas. Basta con superar a EBAU e xa podes matricularte en calquera dos 28 graos, preto de 80 mestrados e 19 programas de Doutoramento que a UNED ofrece”.

García Díaz precisoulles que o esforzo que fagan cara o nivel de esixencia da UNED paga a pena, “en primeiro lugar, porque conseguiredes estar ben formados, ao que se engade o interese que moitas empresas teñen nas persoas que se gradúan na UNED, precisamente polo nivel de auto organización e preparación que teñen. Isto é unha realidade”. 

Os estudantes seguían con atención o discurso do relator nesta inauguración da veterana Semana de Orientación Académico Profesional organizada desde o colexio San Pablo VI da Rúa, coa participación de varias universidades españolas.

 Jesús Manuel García lembrou ao auditorio xuvenil a necesidade de ler dabondo especialmente na etapa universitaria. “Hai que ler, hai que documentarse moito, utilizando a bibliografía selecta para mesmo chegar a ser creativos na exposición desa materia, con dominio da mesma e podendo amosar varios puntos de vista de expertos sobre ela. Isto axudaravos tamén a enriquecer o pensamento crítico, e aprender a non crervos todo o que vos digan, senón a saber avalialo. E o mesmo na Rede, máxime nesta época que nos toca vivir, de noticias falsas e de medias verdades”. 

Recomendoulles ir formando a súa propia biblioteca: “se non dispoñedes dunha biblioteca na casa, tedes as públicas e a da UNED, pero tedes que traballar no voso, que é o estudo. E aqueles que no canto de cursar unha carreira universitaria van traballar ben por conta allea ou ben na empresa familiar, é posible que chegue un día en que queiran estudar algo relacionado coa súa empresa ou o traballo que nela realizan para mellorala. A vida dá moitas voltas e asegúrovos que se vos empeñades en algo, aínda que caiades no erro, aínda que tropecedes, se ese algo ou fin tédelo claro, chegaredes a el a pesar das dificultades. Basta con querelo e loitar por iso”.

García Díaz faloulles con coñecemento de causa, e por iso díxolles que vivan do seu esforzo: “ninguén vos regalará nada e non hai cousa máis satisfactoria en extremo que superar os exames, o grao ou a tese. É a alegría indescritible polo teu propio esforzo, polo teu traballo. Gozar e triunfar co que fas”.

 Os estudantes interesáronse polo funcionamento da UNED, mesmo un deles preguntou por aspectos desta como a UNED Senior e a presenza da UNED nos centros penais. O relator faloulles en todo momento con proximidade e advertiulles de que terán "moitas noites escuras da alma, é dicir, bajones que vos invadan de desánimo. Non vos preocupedes porque non pasarán moitas horas para que vos decatedes de que o que facedes merece a pena e será bo para vós. Entón traballaredes con máis ánimo e fortaleza".

O director de UNED Ourense pediulles que sigan o seu propio camiño, aínda que non sexa o da masa, que sexan orixinais, honestos, críticos e moi tolerantes. Fixo referencia a unha frase do matemático e filósofo inglés, Alfred North Whitehead cando di: “durante o período escolar, o estudante estivo mentalmente inclinado sobre o seu escritorio; na universidade debe poñerse de pé e mirar ou seu arredor”, para insistir aos mozos en que "o voso campo de acción e de miras vai ser o mundo enteiro". Os estudantes quedaron con ganas de saber máis sobre a vida universitaria na UNED, da man de Jesús Manuel García.

O relator foi presentado polo director do colexio, José Manuel Carrasco, quen agradeceu a aceptación de Jesús Manuel García para inaugurar a Semana “por alguén que fai do esforzo persoal e a dedicación rigorosa a unha tarefa un elemento diferenciador”. Engadiu que o relator “é un valdeorrés do que nos sentimos orgullosos da súa traxectoria, pero sobre todo, porque as súas expectativas e metas persoais sempre van acompañadas de mellorar Valdeorras , Ourense, mellorar a súa cultura, mellorar a formación das súas xentes. É un home de metas e soños cumpridos, a pesar da súa mocidade”. 

García advertiu aos mozos que teñen dereito a equivocarse e aprender do erro. “Se elixides un camiño e logo resulta que o vedes equivocado, estaredes a tempo de escoller outro máis á vosa medida, porque sodes moi novos. Pero nunca vos permitades perder o tempo”.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es