Mapa web
Youtube
Campus UNED

UNED Ourense achégase á figura de Manuel Blanco Romasanta desde unha ollada pluridisciplinar

24 de febrero de 2023

Do 15 ao 30 de marzo os irmáns Félix Francisco e Cástor Manuel Castro Vicente desenvolverán un amplo programa para coñecer mellor este fenómeno do século XIX protagonizado por un home natural de Esgos considerado como o primeiro asasino en serie español con repercusión internacional.

OURENSE, 24 de febreiro de 2023. Manuel Blanco Romasanta (Regueiro, Esgos -Ourense, 18-11-1809 - Ceuta 16-12-1863) foi quizais o primeiro asasino en serie español con repercusión mediática internacional. Home lobo confeso, declarou durante o proceso xudicial ter devorado a trece persoas, aínda que finalmente foi condenado no ano 1854 pola Audiencia da Coruña a cadea perpetua pola morte de nove. O presente curso de UNED Ourense ofrece un enfoque interdisciplinar do caso de Manuel Blanco Romasanta –en diante MBR-, abordándoo desde múltiples perspectivas: 

  1. Histórica e xurídica: os feitos criminais axuizados, a súa detención, proceso xudicial e destino final de Manuel Blanco. Autoría. Posibles cómplices. Probas da súa culpabilidade ou inocencia. A repercusión mediática do xuízo.
  2. Antropolóxica: contextualización dentro do marco europeo; crenzas e folclore sobre a zoantropía e licantropía, sacamantecas e home do saco; memoria oral sobre o caso.
  3. Criminolóxica, victimolóxica, desde a perfilación xeográfica e criminal; comportamento das vítimas e do victimario, o seu modus operandi, e posibles móbiles dos seus crimes. apuntamentos doutras disciplinas e distintas teorías desde unha perspectiva médica e psiquiátrica relacionadas co seu comportamento: a súa posible intersexualidade; indicios dalgún tipo de patoloxía (psicopatía, personalidade múltiple, ergotismo, etc. ). A perspectiva farmacéutica e o uso do corpo humano como medicamento ao longo da historia.
  4. Desde a pericia caligráfica: falsificacións de documentos na causa, documentos que lle incautaron a Manuel Blanco na súa detención, etc.

Este curso celebrarase no Salón de Actos de UNED Ourense, do 15 ao 30 de marzo, en horario de 18.30 a 20.30 horas. Consta de 10 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS. Os interesados poden elixir a asistencia presencial ou a asistencia en liña en directo ou en diferido. Os relatores en todas as sesións son:

  •  Félix Francisco Castro Vicente, licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social e Cultural. Antropólogo investigador independente, investigou o caso de MBR desde o punto de vista victimolóxico e criminolóxico.
  • Cástor Manuel Castro Vicente, licenciado en Dereito. Curso de posgrao en pericia caligráfica e grafoloxía (Universitat de Barcelona). Etnógrafo e investigador independente, que fixo algunha das máis importantes e valiosas contribucións ao estudo do caso de MBR dos últimos quince anos.

PROGRAMA 

Mércores, 15 de marzo: Sesión 1: Por que estudar o caso MBR?:

  •  Introdución do curso. 
  • O contexto social e histórico.
  •  Breve relato do caso: infancia de Manuel Blanco, matrimonio, viudez. 
  • Venda ambulante, primeiros crimes, fuxida a Rebordechao.
  •  Novos crimes en Rebordechao e Castro de Laza. 
  • Fuxida a Castela, detención 

Mércores, 22 de marzo: Sesión 2: O principio do fin: 

  • Primeiras denuncias e actuacións, primeiras declaracións despois da súa detención. 
  • A inspección dos lugares dos crimes. 
  • Marco xurídico en que se produce o xuízo a MBR: o proceso xudicial, tramitación, probas, estratexias da acusación e da defensa do caso.
  •  O final de MBR: conmutación da pena de morte pola de cadea perpetua. 

  • Traslado á prisión de Ceuta, vicisitudes e últimos días. 

Xoves, 23 de marzo: Sesión 3: As antropoloxías do medo, sacauntos e homes do saco na mitoloxía galega e ibérica. Casos históricos e reais: 

  • Crenza e mitos sobre a zoantropía e licantropía no contexto ibérico, europeo e universal.
  • Como influíron estas crenzas na causa?
  • O comercio de graxa humana: contexto histórico, mito ou realidade?
  • Outros procesos xudiciais similares ao caso MBR.
  • O corpo humano como medicamento.
  • Modernos estudos sobre o tema.

Mércores, 29 de marzo: 18:30-20:30 h. Sesión 4: Hipótese do caso MBR desde a criminoloxía; apuntamentos desde unha perspectiva médica:

  • O caso MBR desde a criminología: perfilación criminal e xeográfica, 
  • MBR como criminal en serie, achegas da victimología. 
  • Escenas do crime, modus operandi e posibles móbiles.
  • O estudo médico dos forenses na causa.
  • A decisiva intervención de Mr. Philips. 
  • Posible intersexualidade? 
  • Visión actual. 
  • Outros supostos similares. 
  • Asasino frío e calculador ou enfermo? 
  • Outras hipóteses sobre patoloxías: Personalidade múltiple, licantropía clínica, esquizofrenia, intoxicacións por cornezuelo ou ergotismo, etc.

Xoves, 30 de marzo: Sesión 5: Influencia na arte. Conclusións. 

  • A pegada do caso MBR na arte: literatura, cinema, música e artes plásticas.
  • Grandes personaxes do panteón do terror moderno (sacaúntos, chupasangues, cultura vampírica…).
  • O cinema de licántropos como subxénero do cinema de terror.
  • Famosos homes lobo no cinema: Paul Naschy…
  • Conclusións. Repaso xeral do curso. Dúbidas e preguntas finais.

 Inscrición

 A modalidade de matricula ESTUDANTES (doutras universidades distintas á UNED, ciclos de FP, escola de oficial de Idiomas, conservatorio de música) teñen que achegar copia da matrícula do curso vixente 2022-2023. Hai 40 prazas dispoñibles para aquelas persoas que opten pola modalidade presencial no Salón de Actos do Centro UNED de Ourense. A matrícula ordinaria é de 25 euros; a de alumnos UNED e a de estudantes en xeral, 20 euros.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es