Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense mostrou a súa oferta na II Feira Educa Ourense 

26 de marzo de 2026

Durante o mércores 25 e xoves 26 centos de mozos pasaron pola caseta da nosa universidade para coñecer os seus graos e mestrados. Tamén puderon levarse de balde máis de cen libros técnicos das distintas áreas de coñecemento.

OURENSE, 26 de marzo de 2026. UNED Ourense estivo presente na II Feira Educa Ourense. Espazo para a Innovación e a Colaboración Educativa, que se celebrou en Expourense o mércores, 25 e o xoves 26 de marzo. A nosa universidade ocupou un dos 55 espazos expositores nos que mostrou a súa ampla oferta académica, cos seus trinta graos, dous dobres graos, os seus máis de 80 másteres así como o programa de Doutoramento. A caseta da UNED converteuse nun espazo vivo de diálogo cos estudantes de ESO e Bacharelato, que coñeceron as posibilidades que lles brinda esta universidade pública. Por alí pasaron decenas de mozos e mozas dos diversos centros educativos da cidade e da provincia, desde Trives ata Bande pasando pola capital. A todos sorprendeulles o feito de que na UNED non hai nota de corte nos estudos de grao. 

Atenderon o público José Manuel Lage Vidal e María Gladys Fernández Losada, membros do PTGAS do Centro Asociado á UNED en Ourense, alén de Iván Luis Vázquez, colaborador informático. Con eles estivo en todo momento o director, Jesús Manuel García Díaz. Entre todos deron respostas aos mozos durante toda a mañá e tarde do mércores e a mañá do xoves. Houbo, ademais, adultos que se interesaron por estudar na UNED, desde un grao a un mestrado, ou a UNED Sénior, así como tamén algunha futura colaboración. 

No espazo de UNED Ourense puxéronse, entre as dúas xornadas, máis de cen libros técnicos de diversas áreas de coñecemento, que os mozos e calquera persoa interesada podían escoller e levarse os que quixesen. E así foi. O mostrador quedou baleiro na mesma mañá do xoves. Algúns mozos non se crían que llos puidesen levar e houbo que insistirlles en que estaban para iso. "Eu quero emprender e necesito ver que libros me poden axudar", dixo un mozo. Comezou a botar un ollo e levouse varios exemplares en dúas veces, porque tivo que ir co primeiro lote de libros en brazos a gardalo no seu coche.

Por momentos a caseta de UNED Ourense converteuse nun fervedoiro de xente entre quen se estaba informando da oferta académica e quen estaba escollendo un libro. 

Non faltou o humor en todo momento con estes futuros universitarios. Outro grupo de mozos comentaba que querían estudar Enxeñería Informática. Ninguén mellor que Iván Luis Vázquez para asesoralos, mesmo con libros, sendo el enxeñeiro nesa especialidade. 

Os rapaces non deixaron de sorprenderse cando o director lles dicía que levasen os folletos e coñecesen a oferta da UNED "porque nunca se sabe que ides estudar e onde. Se agora ides facer un ciclo superior de FP, poderedes pasar á universidade, por tanto levade esta información de graos e mestrados para tela". Houbo algún mozo que preguntou varias veces pola non existencia de nota de corte ao que o director lle respondeu que non hai límite de prazas nos graos da UNED, "pero a cambio o nivel de esixencia é moi alto, o que che achegará unha excelente formación. Pensa que o ano pasado o índice de aprobados en grao na UNED foi do 81%. Isto quere dicir que hai moita xente que sabe ao que vén, que non é outra cousa que estudar en serio". 

Na mañá do xoves produciuse a visita oficial do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez González, que visitou o espazo da UNED interesándose polo seu movemento.

A Deputación Provincial de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia e Expourense, promoveu a segunda edición da Feira Educa Ourense. Espazo para a Innovación e a Colaboración Educativa, con 55 expositores que presentaron a súa oferta formativa e profesional para facilitar aos estudantes unha elección acertada na toma de decisións sobre o seu futuro profesional. 

A Feira foi inaugurada polo presidente da Deputación, Luis Menor Pérez, acompañado da directora xeral de Educación, Judith Fernández Novoa. Esta feira permitiu orientar aos estudantes sobre as diferentes opcións dispoñibles para continuar coa súa vida académica, constituíndo unha boa oportunidade para compartir os distintos proxectos nos que traballan os centros educativos.

Tras o éxito da primeira edición celebrada en 2025, lánzase unha nova feira, cun espazo de exposición maior e un maior número de participantes, que tamén contribúe a dar a coñecer a excelencia do sistema educativo galego e o seu profesorado. Expourense foi un lugar de diálogo e conexión onde se compartiron experiencias reais, boas prácticas e proxectos que reflicten unha educación viva, innovadora e comprometida co territorio. De igual modo, a feira tamén pretende dar visibilidade a proxectos innovadores desenvolvidos en centros da provincia, destacando iniciativas que mostran unha educación inclusiva e creativa adaptada aos retos do século XXI.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es