
OURENSE, 24 de febreiro de 2025. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, reuniuse con máis dun centenar de estudantes de segundo de Bacharelato dos IES Loureiro Olmo e Martaguisela, no Barco; o IES Julio Prieto Nespereira e o IES 12 de Outubro, ambos en Ourense. Neste inicio da xira polos centros do territorio ourensán, os mozos preuniversitarios mostraron interese en coñecer a oferta da UNED, que lles pode achegar a formación superior que necesitan. "Tedes que ser persoas con valores, practicade tamén a constancia, para non saírvos do camiño, e centrarvos no voso traballo que será o de estudar. Ide pensando no grao que queredes facer cando acabedes a EBAU e lembrade que na UNED non hai notas de corte". Ao dicir isto, máis dun estudante respirou con certo alivio. "A nota de corte, ollo con isto, ídesvola a poñer cada un de vós no sentido de que se non vos esforzades, nada conseguiredes", engadiu García Díaz, quen tamén lles explicou a estrutura da UNED, a universidade pública máis grande de España. Díxolles que é unha universidade semipresencial, e que a sociedade ve esta universidade e todo o que ela representa a través dos seus centros asociados, "pois é aí onde o cidadán ve a universidade e vívea a relacionarse co persoal do centro e con outros estudantes".
"Formádevos o mellor que poidades, afacédevos a ler moito, pois se non leeis teredes unha importante barreira na universidade, e dígovolo porque na UNED estúdase todo o programa completo de cada materia. O seu nivel de esixencia reportarache unha formación sólida. Aquí prémiase o esforzo de cada estudante e tamén vos aseguro que o pracer de superar cursos, graos, tesinas ou teses doutorais é enorme, porque é froito de suar a camiseta, de esforzarnos moito, prémianme polo meu esforzo no estudo. É unha satisfacción que non se paga con nada!".

García Díaz insistiu na necesidade de escribir ben, sen faltas de ortografía e con boa sintaxe, para construír bos textos, como é propio dun universitario. Aquí algún mozo poñía unha expresión facial de estrañeza, ao que o director de UNED Ourense respondeu: "Non se pode repetir palabras nun parágrafo, todo ten que estar ben escrito e presentado. Practicade canto poidades neste curso que estades a facer, pois vós non tedes escusa, dado que levades varios anos no sistema educativo, os suficientes como para ler e escribir ben. O contrario non é o que se espera de quen quere acceder aos estudos superiores. No voso caso, dado o voso percorrido ata aquí, sería como aquel cidadán que tendo todos os produtos de hixiene en casa, non os usa, nin a auga. É un modo de ilustrar a sensación que causa ver un texto mal escrito por un mozo que leva toda a súa vida nas aulas. Así que hai que mentalizarse e mellorar, se aínda arrastramos ese problema" Eu anímovos, e máis sendo de Ourense e estando preto, a que frecuentedes a biblioteca de UNED Ourense e a sala de estudo. Tédela aberta de luns a venres durante 11 horas. Iso permítevos consultar numerosos libros alí comodamente para preparar de forma brillante os vosos temas. Más os que logo necesitedes levar a casa. É o que teredes que facer, como profesionais do estudo. Aproveitádeo!"
Jesús Manuel García advertiulles do perigo de ser escravos do móbil e das redes sociais: "É un auténtico problema nesta sociedade, usade internet con sentido, para acceder á produción científica que vos recomenden, contrastade cada tema co punto de vista dos expertos no mesmo que vos recomendan na bibliografía complementaria.". Sede persoas tolerantes, con pensamento crítico, non autoritarias, e espertade para contribuír a facer un mundo mellor, sen autoritarismos, sen aceptar cantos de sirena. Non seais tampouco escravos da mediocridade, do corazón, do sentimento. Abrídevos á razón, que vaia da man. Sede amigos de tender pontes, de non pecharvos en vós mesmos. Sodes novos, creativos, alegres... e cada ano tedes que ser máis responsables. E moito máis agora, que estades a decidir o voso futuro, o cal non é unha broma".
Algún mozo preguntaba se o título da UNED é oficial, ao que o director díxolle que os títulos que concede a UNED son oficiais, como os de calquera outra universidade. Outro preguntaba se é posible empezar a estudar na UNED e logo pasarse a outra universidade. "Si é posible, pero non é a primeira vez que estudantes UNED, ao irse a outras universidades, acaban volvendo porque se dan conta do nivel de esixencia que tiñan na nosa universidade e non o ven noutras, e algún chegou a comentar que o nivel de esixencia noutros centros quedaba moi pequeno comparado co noso", indicoulle García Díaz. "Non esquezades que no mundo laboral hai tendencia a contratar antes a un egresado da UNED porque nas empresas danse conta do nivel de esforzo que hai detrás de cada título de graduado ou mestrado, por exemplo", engadiu o director de UNED Ourense. 
Unha alumna comentaba que lle gusta a historia pero non sabe se facer ese grao porque cre que ten pouco futuro. "O que che recomendo, recoméndovos, é que fagades aquel grao que vos guste, que vos encha. E tentade ser os mellores nese empeño. Os graduados en Historia están buscados por certas empresas, como os de Matemáticas ou outras disciplinas. Estudade o que vos guste, non fagades unha carreira a contragusto. Sodes novos e podedes permitirvos equivocarvos e cambiar de carreira, polo menos unha vez, xa que tampouco imos estar perdendo o tempo ano tras ano. Sabede que ningún de vós coñece o seu futuro, é dicir, non sabemos se cos anos imos acabar exercendo a profesión para a que nos formamos ou se faremos outra ben distinta. En calquera caso, a formación universitaria, ese pouso cultural, sempre quedará en cada un para axudarlle a exercer no que a vida lle depare. Sede o que se dicía antes, homes e mulleres do Renacemento, é dicir, tede e cultivade inquietudes. Todo iso, dalgún modo adornaravos como persoas. Vivide a universidade e gozade co Coñecemento, deixando atrás canto supoña negacionismo ou falsidade, canto signifique levantar muros, sementar odio, porque iso é o contrario ao espírito da Universidade, que o ano que vén vai envolver. Aceptade e gozade coa Ciencia, sen límites, ao grande. Na UNED é posible".

UNED Ourense
Comunicación




