Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Reunión en A Rúa para mellorar a Aula da UNED

23 de julio de 2026

O director de UNED Ourense e a alcaldesa mantiveron unha sesión para analizar as necesidades da instalación universitaria. A primeira edil comprometeuse a estudar a proposta realizada desde o Centro Asociado.

OURENSE, 23 de xullo de 2026. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, mantivo unha reunión oficial coa alcaldesa de A Rúa, María González Albert para tratar as melloras no mantemento da aula de Extensión Universitaria da nosa universidade na comarca de Valdeorras, situada nesta vila. A xornada comezou á primeira hora da mañá do mércores, cunha visita ás instalacións da aula por parte de García Díaz, quen estivo acompañado pola secretaria de UNED Ourense, María Concepción Álvarez Gómez, e por Mariluz Blanco Álvarez, PTGAS na devandita Aula. Realizouse un percorrido detallado por todos os espazos da Aula de Extensión Universitaria da UNED nesta zona oriental da provincia, observando a necesidade de afrontar pequenos arranxos, debido a que o inmoble en que se sitúa a instalación universitaria ten máis de medio século e presenta unha calidade que non é a desexada. 

Tras a visita á Aula de Valdeorras, produciuse unha reunión no despacho da alcaldesa, á que se lle presentaron as necesidades propias do mantemento da instalación por parte do Concello, alén doutras accións de maior peso, que implicarían a solicitude de axudas tanto do goberno autonómico como do estatal.

González Albert comprometeuse a seguir mellorando a aula, cos retoques que cada varios anos hai que proporcionarlle, traballos que se afrontarán nas próximas semanas deste verán. A aula da UNED en Valdeorras é a primeira instalación pola que esta Universidade pública comezou a súa actividade en terras ourensás. O 18 de maio de 1988 constituíuse a Asociación Cultural Valdeorras, cuxo obxectivo prioritario era "posibilitar a creación dun Centro Asociado da UNED e potenciar as condicións económicas para o seu mantemento", segundo ponse de manifesto na documentación da época. 

A primeira localización da UNED en Ourense foi no Colexio Diocesano Pablo VI, considerado desde os seus comezos como Obra de Interese Social, segundo o Decreto 2.635/1965, do 14 de agosto, e tamén fora declarado Centro Colaborador do INEM o 5 de novembro de 1988. Anunciábase que ese centro tería cen prazas para exames e que a Asociación Cultural Valdeorras comprometíase a manter aberto diariamente o servizo de librería á vez que se facilitaba ao estudante a bibliografía básica indicada na guía de cada unha das titulacións. 

Cando botou a andar a UNED en territorio ourensán desde A Rúa, dependía do Centro Asociado de Ponferrada, como unha extensión do mesmo. E, ao inaugurarse o Centro Asociado á UNED en Ourense, o 30 de outubro de 1992, a Aula de Extensión de Valdeorras quedou adscrita a UNED Ourense. Uns anos despois cambiou de localización, deixando o colexio diocesano para instalarse nun pavillón do Colexio Público Manuel Respino, ocupando dúas plantas, ata hoxe.

"A UNED leva, por tanto, máis de 34 anos actuando en territorio ourensán, pois iniciou a súa actividade académica no oriente provincial a finais dos anos 80. Centos de estudantes pasaron por esa Aula desde entón. A presenza da nosa universidade nesta comarca segue a ser un activo importante para aquela sociedade", sinala o director.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es