
OURENSE, 16 de xuño de 2025. Un grupo de 36 matriculados na UNED Senior de Ourense viaxaron a Asturias acompañados por dous profesores titores, para visitar diversos monumentos senlleiros do Principado, nunha viaxe cultural de fin de curso. Con eles ían Ángel Domínguez López, profesor titor de Arte, e a coordinadora de UNED Senior Ourense, María Concepción Álvarez López. Partiron cara ao seu destino o pasado xoves, día 12. Ese día, pola tarde, visitaron a catedral metropolitana de San Salvador, edificio que conxuga estilos artísticos entre os séculos IX ao XVIII. Detivéronse na Cámara Santa, da primeira metade do século IX, época de Alfonso II. Era capela palatina que xa tiña como función a custodia de reliquias. Presenta dúas naves abovedadas, superpostas, detalle que se repetirá en Santa María do Naranco. O seu apostolado é do século XII e está considerado como unha obra cume do románico español. Entre as pezas que forman o tesouro da Cámara Santa atópanse a Cruz da Victoria, do ano 909, a Caixa das Ágatas, do 910, obra mozárabe doada por Fruela II, ou a Cruz dos Ánxos, do ano 808.
Tras visitar a catedral, os estudantes de UNED Senior Ourense achegáronse ao Museo de Belas Artes, instalado en tres inmobles. A súa colección formouse orixinariamente a partir dos fondos da antiga Deputación Provincial e do antigo Museo de Pinturas da Academia Provincial de Belas Artes de San Salvador de Oviedo. Desde entón foise incrementando a través de adquisicións, doazóns, legados, depósitos e dacións, entre as que destaca especialmente a dación en pago da Colección Pedro Masaveu Peterson. Como resultado, o Museo conta hoxe cunha das mellores coleccións públicas de arte de España, integrada por máis de 15.000 pezas que abarcan desde o século XIV ata o XXI e que inclúen nomes tan destacados como os do Greco, Zurbarán, Ribera, Murillo, Carreño de Miranda, Goya, Miguel Jacinto e Luis Meléndez, Sorolla, Piñole, Valle, Aurelio Suárez, Luis Fernández, Picasso, Dalí, Miró, Tàpies e Barceló.
A xornada do venres, día 13, comezou coa visita a San Julián dos Prados. Esta igrexa formaba parte dun complexo integrado por dependencias palaciegas. Data da primeira metade do século IX, no tempo de Alfonso II. Se exceptuamos o transepto, esta igrexa ofrece a estrutura de templo máis habitual do prerrománico asturiano. Nun dos extremos do transepto situábase a tribuna real. A planta é basilical, pero os visitantes só puideron ver este monumento desde o exterior. A seguinte cita estaba en San Salvador de Valdediós, onde viron tanto a igrexa prerrománica como o mosteiro cisterciense. A primeira data de finais do IX e presenta un pórtico real de factura mozárabe que posiblemente llo engadiron no século seguinte. Crese que esta igrexa formaría parte dun conxunto palaciego ao que se retiraría Alfonso III ao ser retirado do trono polos seus fillos. Ten planta basilical de tres naves cubertas con bóvedas de canón.
Xunto a esta xoia arquitectónica levántase o mosteiro do mesmo nome, popularmente coñecido como O Conventín, para diferencialos. É un cenobio cisterciense cuxa igrexa foi construída no século XIII coas súas bóvedas ojivales que anuncian a chegada do gótico.
A igrexa de Santa Cristina de Pola de Lena tamén foi obxecto desta visita cultural. Esta igrexa presenta un detalle sorprendente na súa planta porque non é a habitual planta basilical de tres naves típica do prerrománico asturiano. Os visitantes observaron un templo dunha soa nave abovedada á que en cada unha das catro fachadas encóstanselle catro espazos de planta cuadrangular, o que está na fachada principal permite o acceso á igrexa e sobre el áchase a tribuna que utilizaba o rei. No interior deste templo ven arquerías cegas encostadas aos muros laterais, como sucede en Santa María do Naranco. Tras esta visita, os ourensáns da UNED Senior foron a coñecer Santa María do Naranco, do século IX e da época do rei Ramiro I. Foi construído como inmoble civil, que formaba parte dun conxunto palaciego. Foi convertido en templo no século XII. Este edificio transmite harmonía froito das proporcións empregadas e o programa ornamental. Destaca igualmente a importancia do programa escultórico e a presenza do sogueado, típico no prerrománico asturiano. Os dous niveis do edificio cóbrense con senllas bóvedas de canón.
Para completar a visita, non podía faltar San Miguel de Lillo. É unha igrexa do mesmo século e reinado. Era o templo do palacio que o monarca posuía no Naranco. A planta orixinal ocuparía o perímetro que rodea ao actual edificio. O que hoxe vemos é soamente unha parte do que chegou a nós, pois o que falta veu abaixo no século XI. Era un edificio con tres naves, sendo a central máis alta. Os ourensáns gozaron con esta visita cultural a Asturias. Aínda que o levaban no programa, non houbo tempo para visitar San Pedro de Nora e San Adriano de Tuñón. Pero con todo o que viron, escoitando aos guías locais e nalgún outro caso audioguía, regresaron coa emoción de gozar vendo a beleza de arquitectura milenaria, froito do enxeño humano.

UNED Ourense
Comunicación




