Mapa web
Youtube
Campus UNED

A ministra Darias anuncia que os exames de oposición convocados polo goberno no futuro se farán na rede de centros territoriais da UNED

19 de octubre de 2020

O reitor da UNED, Ricardo Mairal a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, e o alcalde de Las Palmas de Gran Canaria, Augusto Hidalgo, presentaron as probas de acceso para case un milleiro de aspirantes ao corpo de Administradores Civís da Administración Xeral do Estado (AGE). A ministra ratificou que a partir de agora as oposicións convocadas por ese goberno realízanse utilizando a rede de centros da UNED. Mentres se celebraba a comparecencia cara os medios de comunicación, desde a UNED nas Palmas de Gran Canaria, os candidatos a traballadores públicos realizaban os primeiros exames descentralizados en 20 centros de toda a península

OURENSE, 19 de outubro de 2020.-“Estamos aquí grazas a un proxecto xurdiu fai tres meses. Fai dous asinamos un protocolo de colaboración coa UNED. Hoxe é xa unha realidade. Por primeira vez na historia deste país realízanse os exames de oposición nos centros territoriais da UNED, un modelo que vai utilizar o goberno, este goberno, no futuro para as probas de acceso aos corpos de administración do Estado. Supón un paso importante para a modernización das administracións”, asegurou Carolina Darias.

A ministra de Política Territorial e Función Pública explicou que “nestes exames estamos a utilizar todo o proceso de dixitalización, encriptación e custodia que garanten todas as cuestións de seguridade que establece a UNED. Comprobamos que se pode innovar no sector público e adoptamos as boas prácticas que leva facendo hai anos a UNED”. En canto ás vantaxes que reporta dispoñer da rede de centros UNED, lembrou que nas anteriores convocatorias, para examinarse “había que ir a Madrid e asumir os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención… E houbo candidatos que, por exemplo, aquí nas illas, non puideron facelo. Agora todos poden presentarse. E iso supón un avance na cohesión territorial, o que significa achegar o goberno de España a todos os territorios. Unha decisión política que esta pandemia acelerou”.

Darias saudou aos 20 centros territoriais da UNED que neses momentos realizaban as probas -A Coruña, Xixón, Barcelona, Calatayud, Cartaxena, Ceuta, A Laguna, As Palmas, Logroño, Madrid, Málaga, Mérida, Palencia, Palma, Pamplona, Santander, Sevilla, Valdepeñas, Valencia e Vitoria- e cuxos representantes da universidade e do ministerio permanecían conectados á sesión informativa. “Dos 927 opositores, 319 están en centros territoriais de toda a península e das illas, un 35%; os 600 restantes están distribuídos en catro sedes da UNED en Madrid. Toda unha aposta pola descentralización”.

Alianzas que conseguen obxectivos 

Ricardo Mairal incidiu na importancia de poñer en marcha “un proxecto que une os intereses do ministerio e da UNED, que leva 48 anos achegando a educación superior a sitios apartados e achegando a universidade á sociedade”. Lembrou o Obxectivo 17, de reforzar as alianzas para conseguir os obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas, adoptada como liña estratéxica da UNED, “que observamos tanto en oferta académica e investigadora, como na gobernanza”. Sinalou tamén o reitor a dispoñibilidade dunha institución como a UNED, co maior campus europeo, “con 61 centros en España e 14 no exterior; cunha capacidade tecnolóxica que nos permite realizar case un millón de exames ao ano en todo o mundo, mesmo ao persoal desprazado en bases militares internacionais ou mesmo en fragatas do Ministerio de Defensa”. Mostrouse orgulloso de que en só dous meses fíxose realidade “o obxectivo común de dúas grandes institucións, cun convenio que se materializou xa nunha serie de resultados. Isto é facer universidade”. Pola súa banda, o alcalde das Palmas, Augusto Hidalgo, antigo alumno da UNED, subliñou “a capacidade da UNED de facer algo que parece obvio, pero non é tan sinxelo, como é que estudantes de toda España e do estranxeiro poidan cursar as súas titulacións con todas as garantías de calidade e tecnolóxicas. E neste caso, que as canarias e os canarios poden presentarse a oposicións ou a calquera convocatoria de postos na administración pública nas mesmas condicións que calquera. Ás veces hai que chegar ao límite dunha situación de pandemia para desenvolver algo rapidamente. A UNED foi aos poucos, nos seus 48 anos de existencia, traballando na súa rede territorial e agora pona ao servizo da igualdade de oportunidades. É unha gran noticia para nós, os ultraperiféricos, dos lugares máis apartados da capital de España. É todo un símbolo ver que desde este centro, agora mesmo, estamos a concitar a persoas que noutras circunstancias deberían viaxar 1.500 quilómetros para examinarse en Madrid”.

Aida Fernández

Comunicación UNED

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es