Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Ninguén vaivos dar as cousas feitas. Tedes que esforzarvos por vos mesmos" 

24 de marzo de 2023

O director de UNED Ourense reuniuse cos estudantes de Bachalerato dos institutos de Verín para falarlles da UNED, de valores e de ilusión por todo o que fagan para dedicarse a elo na vida. Foi unha mañá nun engaiolante ambiente de curiosidade e interese por coñecer a universidade pública máis grande de España.

OURENSE, 24 de marzo de 2023. Os alumnos de Bacharelato dos institutos García Barbón e Taboada Chivite en Verín, xa coñecen a oferta da UNED e teñen claro que para estudar na universidade han de adquirir constancia, auto organización e tentar ser os mellores. Pero non só aí. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, díxolles que en todo o que fagan na vida "esforzádevos en facelo o mellor que poidades, tanto se ides á Universidade coma se optades pola FP ou coma se tras a ABAU non queredes estudar e preferides traballar. A vida dá moitas voltas e vós sodes moi novas aínda".

Os estudantes de ambos os institutos tamén se sorprenderon ao coñecer que na UNED non hai nota de corte nos graos. Pero García Díaz díxolles que aproben a ABAU e se non alcanzan a nota que lles piden nunha universidade, saben que se ese grao está entre os 30 que ofrece a UNED, poden matricularse nel. "Entraredes nunha carreira tan rigorosa como noutra universidade, calquera na que pensedes", díxolles.

No IES García Barbón os rapaces coñeceron como estudar e examinarse na UNED.

O director explicoulles tamén a estrutura da UNED, coas súas facultades e escolas técnicas superiores e cos centros asociados, que en España son 61, un deles o de Ourense. "Os centros asociados están apoiados por consorcios, como o noso, que sostén o noso centro desde hai 30 anos que se fundou, por iso estamos sempre agradecidos ás institucións que o integran fundamentalmente a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense e a propia UNED, ademais da Xunta e o Concello da Rúa. Grazas a eles a UNED pode desenvolver o importante labor formativo na nosa provincia. E grazas a ela xeracións de ourensáns se graduaron connosco. Entre eles varios estudantes con algún nivel de discapacidade que triunfaron nunha universidade, a nosa, e que de nos ser por ela, non poderían graduarse".

Os estudantes do Taboada Chivite escoitaron a estrutura da UNED cos seus 61 centros asociados en toda España sendo un deles o de Ourense.

No García Barbón o relator preguntou aos estudantes que carreira querían facer. E custou sacarlles a todos a resposta. Iso serviu para dicirlles que teñen que aprender a falar e a desenvolverse en público, que é bo para todos eles. "Nada de vergoñas, nada de que dirán se digo ou pregunto algo. Tedes que ir madurando e pensar que a etapa vital que se vos vén encima non é para ter mantas de algodón ao voso ao redor porque ninguén vos vai a dar as cousas feitas. Tedes que esforzarvos vós mesmos. Mentalizádevos de que ides facer aquilo ao que ides ou queredes dedicar profesionalmente a vosa vida e acollédeo con ilusión e vólvovos a repetir a constancia", insistiu o director de UNED Ourense.

  O director falou nos dous institutos de valores que deben ter presentes os futuros universitarios e tamén para a súas vidas.

"Se vides á UNED e deixades todo o traballo de estudo para as últimas semanas ou días previos ao exame, xa vos digo que é mellor que non o pensedes, porque non poderedes sacar adiante  nada", engadiu o director ourensán.

 No IES García Barbón Jesús Manuel García foi recibido pola directora, Marisol Gómez Cerradelo e polo xefe de Estudos, Daniel Pérez Peleteiro, e no Taboada Chivite, polo seu director César Sánchez Pampín e a vicedirectora, Josefina Pérez Rolán

O director de UNED Ourense animou dabondo aos rapaces para que afronten da mellor maneira posible a ABAU e o seu futuro inmediato como estudantes.

Saben ben agora todos os estudantes que hai que ler en abundancia, e que hai que escribir correctamente, "nada que ver co modo de escribir en redes sociais ou no Whatssap. Coidade os textos, sen repetir palabras nun mesmo parágrafo, con frases ben estruturadas e, a medida que practiquedes, tras ler moito, iredes avanzando no grao e perfeccionando o modo de escribir máis académico", díxolles Jesús Manuel García, quen non aforrou esforzos en animar aos rapaces e facerlles fincapé na organización e no culivo de valores. "Se optades pola UNED, viredes a unha universidade pública, moi esixente e con gran prestixio, que practica entre outros, os valores da excelencia, do rigor e da vocación de servizo público". E se vos graduades aquí, obteredes unha formación completa", sinalou o director de UNED Ourense.

UNED OURENSE

Comunicación 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es