Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A microcredencial da Castaña formou técnicamente a 17 persoas en UNED Ourense

20 de abril de 2026

As sesións teóricas e prácticas desenvolvéronse de xaneiro a febreiro e en marzo realizáronse dúas saídas técnicas a instalaciones agrícolas en Ourense, Paderne de Allariz e Manzaneda. A iniciativa formadora aportou coñecementos e axudará a mellorar a empregabilidade. Este proxecto foi promovido mediante un convenio entre AEPA Ourense e a UNED.

OURENSE, 20 de abril de 2026. Terminou en Ourense o desenvolvemento da Microcredencial Explotación e tratamento da castaña en Galicia, xestada e organizada desde UNED Ourense, grazas a un convenio asinado coa Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA). Esta experiencia formativa contou con 17 persoas matriculadas de diversas partes de España. Tratouse dunha formación concibida para mellorar a empregabilidade no sector da castaña, unha actividade crave na economía rural da provincia de Ourense. 

Mediante unha formación especializada e práctica, o alumnado adquiriu competencias demandadas por empresas locais e cooperativas, desde o manexo sostible do castiñeiro ata a recolección, transformación e comercialización do froito. Esta capacitación contribúe á profesionalización do sector, favorecendo a inserción laboral en explotacións agrarias, industrias agroalimentarias e proxectos de emprendemento vinculados ao aproveitamento integral da castaña. 

As clases teóricas desenvolvéronse no salón de actos de UNED Ourense, e foron tanto presenciais como en liña. Foron de dúas horas diarias, en horario de 19.00 a 21.00 horas, desde o luns, 26 de xaneiro ata o 11 de febreiro, aínda que algunhas xornadas tiveron unha duración de catro horas. Así se completaron as 25 horas de teoría, quedando para marzo as sesións prácticas. 

Entre os conceptos aprendidos están o de como facer a poda, o proceso de rexeneración do castiñeiro, como previr as pragas así como evitar o traspaso destas dunha leira a outras. Tamén foi necesario coñecer os procedementos de recolección e maquinaria, a conservación con procesos de ventilación así como a transformación da castaña, o seu almacenamento e o mantemento deste froito en seco.

 As clases prácticas consistiron en dúas saídas pola provincia:

  •  A primeira foi unha saída de media xornada, o venres, 13 de marzo, para visitar o Centro de Transformación de Pequenas Producións Sostibles na estación de Cantoña, Paderne de Allariz, e posterior visita técnica ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus Auga de Ourense.
  • A segunda saída, de maior duración, tivo lugar o sábado, 28 e o domingo 29 de marzo. A cita estaba no municipio de Manzaneda, onde visitaron soutos de castiñeiros, tamén Amarelante Sociedade Cooperativa Galega. Do mesmo xeito fixeron visitas ao Monumento Natural Souto de Rozavales e Castiñeiro de Pumbariños. Realizaron varios obradoiros de formación. 

Con esta Microcredencial da UNED tratouse de: 

  • Formar a persoas na recollida, proceso e venda da castaña nas zonas produtoras da provincia de Ourense. 
  • Producir e explotar a venda de castaña ourensá e evitar acudir a outros mercados xeográficos para a recolección e produción de castaña para a súa venda. 
  • Ofrecer un primeiro achegamento ao tratamento e manexo da castaña. 
  • Presentar aos estudantes os principios básicos desta tarefa para mellorar e capacitalos para o éxito profesional no sector.

Foron docentes Aurelio Prado Rodríguez e Óscar Manuel Freire Fernández. Codirectores: Agustín Carlos Caminero Herraez, Jorge Vega Núñez e Jesús Manuel García Díaz

Colaboración AEPA Ourense-UNED

A presidenta de AEPA Ourense, Ana Belén Fernández Valado, sinala que "valoramos de forma moi positiva o desenvolvemento da primeira edición da microcredencial impulsada por UNED Ourense, no marco da colaboración entre ambas as entidades. Esta iniciativa reflicte unha forma de traballar compartida: achegar a formación á realidade económica do territorio". 

Engadiu que a castaña "é un bo exemplo diso. Trátase dun recurso propio, con tradición, pero tamén con potencial se se aborda desde unha perspectiva profesional. Hoxe, a produción, transformación e comercialización requiren coñecemento técnico e criterio empresarial para poder xerar actividade económica sostible. Esta microcredencial permitiu avanzar nesa liña, achegando contidos útiles tanto a persoas que xa desenvolven a súa actividade no sector como a quen identifica no rural unha oportunidade profesional. En ambos os casos, o valor está na aplicación práctica e na capacidade de trasladar o coñecemento ao día a día da actividade".

Considera Valado que desde AEPA Ourense "traballamos para que a formación estea aliñada coas necesidades reais do tecido autónomo da provincia, facilitando a súa conexión coa actividade económica. Esta colaboración coa UNED permite precisamente iso: unir capacidade formativa e coñecemento do territorio para que as iniciativas teñan un impacto real". "A partir desta experiencia, desde AEPA Ourense apostamos por dar continuidade a este tipo de propostas. O obxectivo é seguir impulsando, xunto á UNED, iniciativas formativas vinculadas a sectores con percorrido na provincia, que contribúan a fortalecer o tecido profesional e a xerar novas oportunidades no rural. Porque cando a formación se constrúe desde o territorio e para o territorio, o impacto é máis directo, máis útil e máis sostible no tempo", engadiu a presidenta do colectivo empresarial.

Jesús Manuel García Díaz, director de UNED Ourense, mostrouse satisfeito de "conseguir este proxecto formativo, despois de varios meses traballando coa presidencia de AEPA e co Vicerreitorado de Formación Permanente da UNED. Esta foi a primeira experiencia nosa en montar unha microcredencial, e tivo resposta cidadá. As microcredenciais son formacións breves, é dicir, teñen menos de 15 créditos ECTS, con posibilidade de ser apilables e constituír itinerarios formativos. A súa temática é tan variada como necesidades formativas haxa, por tanto vai orientada a permitir unha formación ao longo da vida, mesmo ás persoas sen titulación universitaria habilitante; a xerar novas oportunidades de emprego; a actualización nos cambios tecnolóxicos, económicos e sociais e a promover a inclusión social". 

Sinalou o director a necesidade de axeitar a educación superior aos novos retos sociais e profesionais mediante a incorporación, por exemplo, do formato áxil da microcredencial, que "permiten adquirir competencias específicas de xeito rápido e flexible, adáptase ás necesidades do mercado laboral e mellora a empregabilidade. Os cursos están elaborados e impartidos polo equipo docente da nosa Universidade e por profesionais de cada ámbito". 

UNED Ourense rompeu o xeo con esta acción formativa que dará paso, co tempo, a outras iniciativas con empresas e organizacións diversas da provincia. Esta microcredencial foi impartida en castelán e en galego desde UNED Ourense, sendo asimilable a un nivel MECU 1 correspondente a Educación Primaria 1 Operario Microcredenciais universitarias sen titulación universitaria previa (<15 ECTS). 

Quen participou e superaron a microcredencial contarán coa debida acreditación dos seguintes resultados de aprendizaxe e competencias asociadas: 

  • Aplicar técnicas adecuadas de poda, rexeneración e control de pragas en plantacións de castiñeiros. O estudante será capaz de executar correctamente labores de poda e rexeneración do castiñeiro, así como implementar estratexias de control fitosanitario, axustándose a criterios de sustentabilidade e calidade agrícola. De aquí despréndese a capacidade de afrontar a xestión integrada de pragas cun enfoque integrado para a prevención ou a eliminación de organismos nocivos para os vexetais cuxo obxectivo é manter o uso de praguicidas e outras formas de intervención só en niveis que estean xustificados desde o punto de vista económico e ecolóxico e que reduzan ou minimicen os riscos para a saúde humana e o medio ambiente. 
  • Utilizar ferramentas e maquinaria específicas para a recolección e o tratamento postcosecha da castaña. O estudante demostrará destreza no manexo de equipos para recolección, secado e almacenamento, priorizando a conservación do froito e os estándares hixiénico-sanitarios. Correspóndese coa capacidade de cultivar cultivos: Segar, sementar, recoller ou cortar produtos agrícolas manualmente ou utilizando ferramentas e maquinaria adecuadas. Tendo en conta os criterios de calidade pertinentes dos produtos, as prescricións hixiénicas e utilizando os métodos adecuados.
  • Analizar o rendemento das explotacións de castaña e propoñer melloras para a súa optimización produtiva. Capacitarase ao estudante para avaliar indicadores de produción e eficiencia, detectando desviacións e suxerindo alternativas viables no contexto rural de Galicia. A capacidade adquirida é a de comparar as previsións de produción cos resultados reais, é dicir, analizar o rendemento da produción e avaliar a desviación con respecto aos resultados previstos.
  • Adaptar os procedementos de explotación e transformación da castaña á normativa ambiental vixente. O estudante coñecerá as implicacións medioambientais das prácticas agrícolas e poderá modificar procesos para garantir o seu cumprimento legal e a súa sustentabilidade. A capacidade correspondente é a de adquirir sensibilización sobre a lexislación medioambiental, as políticas e os principios pertinentes para a agricultura e a silvicultura. Sensibilización sobre as repercusións no medio ambiente dos procedementos e prácticas agrícolas locais. Os medios para axustar a produción a novas normativas e políticas medioambientais.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es