Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED potencia o doutoramento no Colexio de Enfermería de Ourense 

19 de enero de 2023

O Colexio de Enfermería de Ourense e a UNED celebraron esta mañá un encontro para coñecer as posibilidades de doutoramento que a nosa universidade ofrece a este colectivo profesional. Despois de celebrarse outra reunión a finais do ano pasado coa responsables da área Sanitaria de Ourense polo mesmo motivo, a cita desta mañá tivo lugar no Colexio, onde a súa presidenta, Ascensión Pérez Sampayo, ten gran interese en promocionar o doutoramento entre as enfermeiras e enfermeiros da nosa provincia.

OURENSE, 19 de xaneiro de 2023.  Por parte colexial acudiron a propia presidenta, acompañada pola tesoureira, Olga Iglesias González e pola presidenta do Colexio de Enfermería da Coruña, Inés López Carral, que se atopaba de visita en Ourense. Por parte da UNED asistiron o director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz; o director da Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED), doutor Ángel de Juanas Oliva e a coordinadora do Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, doutora Paloma Collado Guirao.

García Díaz lembrou o interese que en Ourense esperta o doutoramento da UNED no ámbito sanitario para o colectivo de enfermería, aludindo á primeira reunión xa citada celebrada na xerencia da Área Sanitaria, e a de hoxe, no Colexio profesional. A continuación interveu Ángel de Juanas para mostrar a estrutura e funcionamento da EIDUNED. Sinalou que esta escola cumpre 10 anos e, das 87 escolas que hai no país, a da UNED sitúase no primeiro cuartil de Escolas de Doutoramento de España. En EIDUNED defendéronse 1.000 teses de doutoramento e no presente curso hai 2.100 matrículas de aspirantes ao doutoramento. No curso pasado defendéronse 187 teses. De Juanas Oliva lembrou o cadro de persoal de doutores Honoris Causa que a súa escola propón á UNED, entre os que están o prestixioso científico Mariano Barbacid. "Queremos potenciar a investigación no ámbito da I+D+i e dar unha formación internacional e de calidade", salientou.

O director da EIDUNED explicoulles que contan con 21 programas de doutoramento que se inclúen en cinco grandes áreas: Artes e Humanidades; Enxeñería e Arquitectura; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Ciencias da Saúde, na que se insere Psicoloxía e o Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, que obtivo a avaliación positiva por parte da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) en xuño de 2020

Tamén mostrou as modalidades de teses de doutoramento, é dicir, a modalidade tradicional e a de compendio. Unha vez explicada toda esta estrutura con detalle, tomou a palabra Paloma Collado para expoñer o mencionado Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública. Este realízase no IMIENS, instituto de investigación no que participan a UNED e o Instituto de Saúde Carlos III. "Nós tamén estamos a celebrar o noso décimo aniversario", dixo. Collado Guirao sinalou que neste programa de investigación xa hai máis de 203 directores de tese e 10 equipos de investigación.

Olga Iglesias, Ascensión Pérez, Jesús Manuel García e Inés López, seguindo as explicacións que por webconferencia ofreceron Ángel de Juanas e Paloma Collado.

A traxectoria deste programa de doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública iníciase no curso 2020/21, no que houbo 81 aspirantes a doutorarse e foron admitidos 39. No curso 2021/22 houbo 85 aspirantes e conseguiron matricularse 37. E no curso actual, 2022/23 presentáronse 91 solicitudes e foron admitidas 40. A relatora indicou que a modalidade de tese neste programa pode ser presencial, semipresencial e a distancia. A presencial ten un contrato de permanencia de 4 anos; a semipresencial supón que unha parte da tese pódese levar a cabo a distancia pero outra supoñerá momentos de presencialidad. 

Ascensión Pérez Sampayo sinalou que se inclina por potenciar a modalidade de teses doutorais por compendio e salientou que o Colexio dispón de "unha bolsa económica para subvencionar a investigación. O Colexio ten un fondo de investigación importante". Anunciou que na próxima xunta de goberno exporá o tratado nesta reunión e engadiu que lle parece "apetecible que as teses se poidan cotutelar". Pérez Sampayo, valorou este programa coma "unha proposta formativa moi interesante e de calidade, e que pode ser de grande interese para os profesionais da Enfermería”, xa que é unha das titulacións ás que se dirixe este doutoramento (no mesmo caben tamén as titulacións de Medicina, Psicoloxía, Farmacia, Bioloxía, Bioquímica e Biotecnoloxía, Química ou Veterinaria, entre outras).

Potenciar este programa de doutoramento entre as colexiadas suporá abrir novas vías de fomento da investigación enfermeira, un dos obxectivos primordiais do COE Ourense. Para a organización colexial supón reforzar a súa aposta pola investigación, que se suma á xa existente liña de bolsas anuais que ofrece ás colexiadas para financiar estudos de doutoramento. Segundo Pérez Sampayo, “só apoiando o desenvolvemento profesional dos/as profesionais da enfermería e estimulando a formación continuada poderá avanzar a investigación, verdadeiro motor do sistema sanitario”.

Inés López Carral aplaudiu igualmente esta reunión e mostrou o seu interese por achegar toda esta información aos socios da Coruña, que son máis de 6.000, con outra reunión coa UNED. No Colexio de Enfermería de Ourense son 1.600 socios.

UNED Ourense

Comunicación

Fotos: Natalia Umpiérrez

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es