OURENSE, 28 de xuño de 2022. A UNED sumarase ao desenvolvemento turístico de Ourense. Así o anunciou onte o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, na reunión convocada desde o Concello de Ourense, pola concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure. A sesión tivo lugar no Liceo de Ourense e debeuse ao acordo municipal de finais do ano pasado para constituír o Consello Municipal de Turismo, que todos os grupos políticos ven necesario. A esta cita asistiron máis de 50 representantes de institucións tanto da cidade como da provincia. Estaban representantes municipais de todos os grupos, tamén do Bispado, Da Subdelegación do Goberno; de Expourense, da Policía Nacional co seu comisario á fronte; Policía Local; Federación de Comercio de Ourense, Centro comercial Ponte Vella, tamén da Praza de Abastos; representantes dos taxistas, da Federación Limiar, das Asociacións de Veciños Federadas; da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Ourense; Axencias de viaxes, guías de turismo, o Consello Regulador do Ribeiro, a CEO, o Inorde así como a Universidade de Vigo e a UNED, entre outros moitos representantes sociais.
O director de UNED Ourense foi un dos que máis intervencións tivo. Agradeceu a invitación e con firmeza afirmou que "a UNED quero que estea a pé de rúa e é unha felicidade poder atoparme hoxe aquí e dicirlles que esta Universidade colaborará en apoiar ese desenvolvemento turístico que todos desexamos para Ourense. A UNED leva 30 anos presente na provincia de Ourense e xa vai sendo hora de contar con ela para aproveitar a súa investigación, o seu coñecemento. Neste sentido, a nosa Universidade podería establecer proxectos de investigación, desenvolvemento de guías e cursos de formación especializados sobre os seguintes asuntos nos que a UNED desenvolveu investigacións previa. Citarei tan só algunhas liñas xerais. Cando chegue o momento, poderase concretar máis:
Proxectos de investigación e desenvolvemento (temas estratéxicos)
Proxectos de aplicación e transferencia de coñecementos (operativos)
Jesús Manuel García engadiu que a UNED pode tamén dar formación a guías e a intérpretes do patrimonio. "Dixen en non poucas ocasións que a principal ou unha das principais industrias de Ourense ha de ser o turismo cultural. Oxalá deste primeiro encontro saian sinerxias e ánimos para actuar canto antes. E tendo en cuenta outro factor importante na nosa terra como é o marabilloso patrimonio cultural, a UNED pode achegar unha metodoloxía neste ámbito con tres aspectos básicos: deseño integrado da conservación e a posterior utilización de recursos; modelos de negocio de recuperación do investimento en conservación e, por último, uso de indicadores cuantitativos na gobernanza como guía para a xestión de recursos".
O director de UNED Ourense mencionou mesmo o concepto de turismo emocional, experiencial e a necesidade de apostar por un turismo de calidade e de rigor. Nesta reunión, que se alongou desde as 20.00 ata as 21.30 horas, houbo outras intervencións como a da decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Uvigo, Montserrat Cruz González, que expuxo o que pode achegar tamén esta universidade en formación e coñecemento. Houbo tamén comentarios críticos e necesarios no sentido de que un punto débil de Ourense son as súas termas, porque hai que reconstruír A Chavasqueira e porque os turistas desanímanse ao ver o que se atopan nunha cidade sobre a que se fixeron grandes ilusións. Flora Moure explicou que a recuperación da Chavasqueira vai por bo camiño, aínda que non quixo aventurar unha data, relatando os problemas legais que houbo e insistindo en que a cidade volverá recuperar esas termas. Nesta reunión outra cousa quedou clara pois se masticaba no ambiente, no sentido de que se actúa xa tarde dado que o AVE xa está na cidade. Sobre isto falouse de mirar cara a adiante pero sen deterse. Porque do mesmo xeito que o AVE chegou a Ourense, se non se actúa xa, cando ese importante medio de transporte avance cara ao resto de cidades galegas, a cidade de As Burgas podería perder o seu tren se non apura unha actuación seria e decidida desde xa. Queda pouco tempo para que o AVE chegue a toda Galicia e outras cidades van competir con Ourense.
Tras as intervencións habidas, lembróuselle aos responsables municipais que non pode ser que Ourense leve anos sen PXOM e que a cidade ten que aplicarse a fondo en infraestruturas hostaleiras, en termalismo e en coidar o seu centro histórico, entre outros moitos detalles fundamentais para un turismo de calidade. O ambiente en xeral foi positivo e quedou en seguir actuando dun modo sectorial e ir sacando adiante o proxecto do Consello Municipal de Turismo. "Merece a pena que esta bendita terra teña un bo plan de turismo que a distinga, e que os visitantes gocen e merézalles a pena perderse e emocionarse cos atractivos de Ourense. Con ese produto local, coas pedras cargadas de arte e historia, co paseo polas súas rúas, con tantas cousas que lles fagan sentir a emoción de estar en Ourense. E Ourense meréceo", dixo o director de UNED Ourense. As palabras do director, xunto as doutros varios intervenientes, foron moi apreciadas neste encontro. Por último García Díaz agradeceu ao Concello o servizo que dá neste caso á UNED "porque a semana que vén temos aquí un congreso internacional de desenvolvemento tecnolóxico para a axuda humanitaria e gústanos presumir de Ourense nesta e noutras ocasións, cara as decenas de expertos que virán, desde Estados Unidos ata China pasando por Turquía. E nesa Oficina Municipal de Turismo sempre nos facilitan os folletiños, agora en inglés, que gustosamente entregarémoslles nos cartafoles o próximo, luns. É un pequeno paso tamén na promoción de Ourense".
UNED Ourense
Comunicación