Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED, opción exixente para obter unha boa formación

28 de abril de 2025

O director de UNED Ourense visitou os institutos de Maceda, Trives e Verín para achegar aos seus estudantes de segundo de Bachalerato a oferta da nosa universidade, cos 30 graos sen nota de corte.

OURENSE, 28 de abril de 2025. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, visitou o IES Germán Ancochea de Trives; o IES Serra de San Mamede, en Maceda; e o dous IES de Verín: Taboada Chivite e o García Barbón, para dirixirse aos estudantes de segundo curso de Bacharelato, que son os que se achan na antesala da universidade. A acollida resultou boa en todos os centros, polos que o director mostrou o seu agradecemento aos equipos de cada centro. Mentres el intervén, na pantalla vese un vídeo mudo da UNED no que se mostra toda a oferta educativa da universidade pública máis grande de España. Díxolles que a UNED ten como obxectivo "garantir o acceso á Universidade en condicións de equidade e igualdade, desde a súa creación en 1972. Deste espírito nace a súa visión como universidade de referencia, aberta ao mundo e á sociedade, así como os seus valores en aras da excelencia, o rigor científico e a vocación de servizo público".

Coa Igualdade como aceno de identidade, indicoulles que a UNED "potenciou moi especialmente a incorporación da muller á universidade e ao mercado de traballo. Non é casualidade que en 1982 fose elixida reitora da UNED Elisa Pérez Beira, a primeira muller que chegaba a tal cargo na universidade española. Igualmente, foi a primeira universidade pública con dúas reitoras no seu haber. A UNED é unha universidade de todos e para todos, con programas de adaptación específicos para persoas con discapacidade e colectivos máis desfavorecidos". 

Unha vez que os estudantes coñecen a estrutura da nosa universidade, o primeiro que lles sorprende sempre é que non hai nota de corte en ningún dos 30 graos que ofrece. García Díaz repasa cos estudantes os graos que hoxe poden cursarse na UNED e explícalles como é o proceso de estudo desde que se matriculan, así como os servizos que presta a universidade en liña e a través dos seus centros asociados, como o ourensán. "Sabede que o sistema é o anglosaxón, no que o estudante traballa como tal e consulta dúbidas nas titorías semanais". Explicoulles como bordar os seus temas, preparándoos ben con toda a bibliografía que lles ofrece a Biblioteca Xeración Perdida, de UNED Ourense, pedindo as obras que precisen ou consultando varias na sala de estudo, aberta 60 horas cada semana de luns a venres. 

Cóntalles como examinarse, grazas ao sistema único en España da Valija Virtual, que permite a realización de centos de miles de exames en todo o mundo ao mesmo tempo. Isto só sucede na UNED. "Aquí tamén teredes bolsas, erasmus, prácticum. Nesta universidade, dado o seu nivel de esixencia, teredes unha boa formación. É verdade que hai que esforzarse, pero ese esforzo merece a pena". Facendo referencia a Micchiko Kakutani, García Díaz insiste en adquirir unha excelente formación cada vez máis necesaria nestes tempos convulsos. Así sinalou que desde o inicio do presente milenio, cada vez máis cidadáns comezaron a informarse a través das redes sociais, "o que conseguiu alimentar o monstro inesgotable das noticias falsas. Internet e as redes son caldo adecuado para os rumores, as especulacións e as mentiras. Non vos deixedes levar por isto nin pola polarización e apostade polo Coñecemento e o debate sobre cuestións que sexan esenciais para a democracia. Non vos creades canto se verte nas redes. Ollo con youtubers que vos enchen a cabeza de aspectos sobre os que non achegan base algunha. Nas redes atopamos unha información que reforza a nosa visión do mundo, fannos vivir en nano espazos de pensamento e xa sabemos que os grupos que opinan o mesmo poden volverse un ecosistema ideal para extremismos. Non produzades nen aceptedes mensaxes de odio. Un universitario, como ides ser vós, ten que ser un ser tolerante coas persoas diferentes en raza, sexo, situación económica, crenzas. Tolerantes sempre, e afastados de dogmatismos. Porque se non aceptas ás persoas diferentes a ti, quen te crees ti que es? Coidado con isto". 

"Buscade a verdade, cuxa crise é a da nosa sociedade, pero sen verdade non pode haber unha sociedade forte senón líquida. Vivimos nunha gaiola cuxos barrotes son de ouro, estamos presos da filosofía consumista. Todos os valores humanos, como sinala Byung-Chul Han, convertéronse en valores comerciais. A mercadoría, o consumismo, substitúen á verdade nun mundo que nos pintan feliz, no que está mal visto mostrar emocións negativas. Craso erro. Isto vivímolo cada día, cando vemos que algúns se empeñan en aplaudir e celebrar a ignorancia, en desprestixiar á ciencia... Se as conclusións da ciencia poden ser desacreditadas tachándoas de manipuladoras e conspiranoicas, entón, como indica Bonete Vizcaíno, todo pode ser negado. E isto é así contrapoñendo unha mentira, adobada coa emotividade que permita cegar ao seu fabricante e a terceiros. Por aquí chégase ao populismo, que é unha porta a réximes autoritarios e radicais, e algunhas emocións poden saturar o ambiente político desprezando feitos, probas e o interese, como sinala Eva Illouz. Lembrade que nestes tempos nosos priman as emocións, de modo que é verdade o que eu creo que é verdade, porque se me ocorre dicir, por exemplo, que un cubo é unha esfera. Se o digo, pensaredes que toleei. Pero se o sostén alguén con poder político ou económico, vólvese perigoso. É o que Sáez Mateu denomina a espontaneidade emocional, que se mestura e sobrepón ao coñecemento e igualmente se mixtura coa liberdade de expresión. Un cóctel certamente considerable", díxolles o director de UNED Ourense, quen sempre engade que estes mozos teñen que apostar por unha boa formación que lles permita decidir por si mesmos, que cultiven o pensamento crítico "para non ser ovellas que precisan dun pastor, dun amo, nin cataventos de vento algún".

Nestas visitas a institutos adoita haber preguntas dalgún mozo como o que advertindo que a súa pregunta sería "parva" preguntou se un grao é o mesmo que unha carreira. García Díaz díxolle, en primeiro lugar, que "non hai preguntas parvas, é a túa pregunta e punto". E unha vez formulada contestoulle que si, que estudar, por exemplo o grao en Dereito é o mesmo que dicir que está a estudar a carreira de Dereito. O mozo quedou satisfeito e interesouse pola posibilidade de cursar esa carreira na UNED". Ao final de cada sesión os estudantes de segundo de Bacharelato adquiren outra imaxe do que é a UNED, das posibilidades que brinda a quen queira aceptar o reto de formarse nela, baixo un nivel de esixencia importante, a cambio de acabar o seu grao con boa formación. Incluso se sorprenden de que esta universidade leva 32 anos prestando servizo aos ourensáns desde a propia cidade. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es