Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED ofrece un curso sobre como manter a nosa saúde mentyras coidamos aos nosos maiores 

8 de abril de 2026

Terá lugar na Aula de A Rúa os días 24 e 25 de abril para tratar do autocoidado e do benestar emocional das persoas que desenvolven a función de atender aos seus familiares.

OURENSE, 8 de abril de 2026. UNED Ourense pon en marcha o curso Equilibrio no coidado: Como manter a saúde mentres coidamos, que se desenvolverá na súa Aula da Rúa os próximos días 24 e 25. Certo é que cada vez máis se debe prestar atención ao traballo do coidador, sen deixar de lado ao enfermo, pois a persoa que está de apoio debe recibir tamén os seus propios coidados e aprender a xestionar o seu tempo. O papel do coidador é amplo, complexo e profundamente humano, xa que abarca tanto aspectos prácticos como emocionais. Non se limita unicamente a atender necesidades básicas, senón que implica acompañar, comprender e soster á persoa nunha etapa da vida onde poden aparecer fraxilidade, dependencia ou cambios significativos. A súa función inclúe actividades da vida diaria, seguimento da saúde, acompañamento emocional e un rol social de coidador, que implica promover actividades recreativas para a persoa coidada. 

Por todo iso, o coidado implica unha carga física e emocional considerable. Na nosa provincia, debido ao envellecemento poboacional, hai numerosos cidadáns que coidan aos seus familiares. E estas persoas é fundamental que coiden igualmente de si mesmas, buscando apoio cando o necesiten e evitando o desgaste ou o illamento. O equilibrio entre o coidado do outro e o autocuidado é esencial para poder desempeñar este labor de xeito sostible. Durante as dúas xornadas tratarase o autocuidado e benestar emocional, para axudar a previr o desgaste e tensión crónico e doutra banda o papel do terapeuta ocupacional, como ferramenta de apoio á hora de priorizar actividades, crear rutinas e organizar o tempo orientado a actividades que xeren benestar emocional. 

 Este curso estará impartido por Anxo García Terrón e Sara González Iglesias, ambos os terapeutas ocupacionais, profesionais con ampla experiencia no sector. O traballo do terapeuta non só se centra no usuario, en rehabilitar funcións, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar a súa independencia, participación e benestar emocional, senón tamén en manter e promover a saúde do coidador principal. Orientación, educación e estratexias prácticas para mellorar o día a día o coidado dos seus maiores. Unha ponte entre a persoa maior e a súa contorna familiar, proporcionando ferramentas, coñecemento e apoio para mellorar tanto a calidade de vida do usuario como o benestar de quen o acompaña. 

 Esta actividade poderá seguirse presencialmente ou en liña. E vai dirixida a calquera persoa interesada na materia, traballadores de centros de día, de centros residenciais, hospitais e sobre todo, coidadores de persoas maiores ou dependentes. 

Matrícula e máis información picando aquí:

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es