
OURENSE, 24 de marzo de 2026. Os centros universitarios da UNED en Zamora e en Ourense presentan unha nova edición, a terceira, do ciclo de conferencias Os Camiños de Santiago: o camiño Mozárabe e Zamora e Ourense. Arquitectura, cultura e paisaxe. Será do 8 de abril ao 19 de maio e inclúe sete relatorios por outros tantos especialistas, que se celebrarán en diversas localidades de ambas as provincias: Zamora, Tábara, Santa Marta de Tera, Requejo, Laza, Cea e Ourense.
O curso propón un percorrido académico e cultural por un dos itinerarios históricos de peregrinación a Compostela. Ao longo de varias sesións celebradas en distintos enclaves significativos do propio camiño, especialistas en arte, historia, xeografía, patrimonio e estudos xacobeos analizarán o valor cultural, arquitectónico e natural deste tramo do Camino Mozárabe-Sanabrés. Desde monumentos e mosteiros emblemáticos ata paisaxes de gran riqueza ambiental.
Os directores da UNED en Zamora e Ourense, doutores Antonio Rodríguez González e Jesús Manuel García Díaz, aseguran que esta edición axuda a consolidar a cita anual da UNED con todo o que representa a Vía da Prata e contribúe a presumir do bo de ambas as provincias, xa que abrangue diversos aspectos como cultura, turismo, patrimonio, gastronomía... "Aos poucos, co tempo, iremos contribuíndo a espertar na sociedade o orgullo de pertencer a esta terra e crear as ganas de coñecer esas localidades pequenas nas que un día a UNED celebrou unha conferencia sobre algún dos fitos do Camiño. Ourense e Zamora teñen moito que mostrar e aínda que forman parte da España baleirada, son dúas provincias repletas de beleza e posibilidades para gozar aínda máis delas. Só temos que crérnolo e continuar traballando para consolidar algo tan positivo como necesario", apuntou García Díaz.
Este ciclo dispón de 13 horas lectivas e as sesións serán sempre en horario de tarde, a partir das 19.00 horas.
Programa
Mércores, 8 de abril. Zamora.
Mércores, 15 de abril. Tábara.
Mércores, 22 de abril. Santa Marta de Tera.
Mércores, 29 de abril. Requejo.
Mércores, 6 de maio. Laza.
Mércores, 13 de maio. Cea.
Martes, 19 de maio. Ourense.
Asistencia
Esta actividade permite participar con asistencia presencial ou asistencia en liña en directo ou en diferido.
Inscrición
Teña en conta que cos datos achegados na súa solicitude de matrícula confecciónanse os certificados. Asegúrese de que son correctos e están completos. Comprobe que o seu correo electrónico é correcto. A inscrición permite matricularse de modo gratuíto.
Colaboran: Ayuntamiento de Zamora, Fundación Caja Rural de Zamora; Diputación de Zamora; Cátedra de Población, Vinculación y Desarrollo de UNED Zamora, Asociación de Caminantes de castilla y León; Deputación de Ourense; UTAD, Xunta de Galicia y Concello de Ourense.

UNED Ourense
Comunicación