
OURENSE, 16 de abril de 2026. Juan Pablo Rubio Sadia é natural de San Lorenzo do Escorial (Madrid) e monxe benedictino desde 1990. Entre os 10 e os 14 anos foi membro da Escolanía da Santa Cruz do Val dos Caídos. Iso permitiulle coñecer a vida monástica benedictina. Desde 2013 é profesor no Pontificio Ateneo San Anselmo, a universidade da Orde benedictina en Roma. Actualmente, reside na Cidade Eterna, pois tamén é Procurador Xeral da Congregación benedictina de Solesmes; é dicir, a persoa que fai de intermediario entre unha congregación de mosteiros benedictinos e os Dicasterios da Santa Sé. En fin, que trata de harmonizar a vida monástica coa docencia universitaria e a investigación litúrxica. O doutor Rubio Sadia estivo en Ourense a semana pasada como alumno do II Curso Avanzado de Paleografía, que UNED Ourense celebrou nas instalacións do Arquivo Histórico Provincial. Dom Juan Pablo Rubio Sadia, OSB, é home sabio, tranquilo, elegante no falar e no estar.
-Por que escolleu este curso en UNED Ourense? Como soubo del?
-Escollino porque combina dous ámbitos que me interesan especialmente, como son a paleografía e a cultura dos mosteiros medievais. A información chegoume a través da materia Paleografía e Diplomática da UNED, que se imparte no Grao de Lingua e Literatura españolas.
-Vostede coñece ben a Paleografía, pero como a estudou en Italia, supón iso algún problema ao enfrontarse con esta disciplina en España?
-En efecto, estudei paleografía, diplomática e codicoloxía na Escola Vaticana durante dous anos. Foi unha experiencia moi enriquecedora. Aínda que é certo que ás veces me custa facer o transvasamento lingüístico da terminoloxía técnica. Debo dicir tamén que nese centro non se profunda tanto na escritura visigótica como adoitamos facer en España e isto tamén foi un factor que me moveu a vir ao curso de Ourense.
-Como historiador e investigador da liturxia medieval, cal ou cales son as súas liñas de traballo?
-A miña paixón foi, desde hai máis de dúas décadas, a transición do rito hispano-mozárabe ao rito romano na Península Ibérica nos séculos XI-XII; un tema que segue fascinándome hoxe. Coincide, ademais, con outras transicións simultáneas, como son o paso da escritura visigótica á carolina e a implantación da Regra de San Bieito. Outra liña da miña investigación é a música litúrxica, en especial o canto gregoriano.
-Como poderiamos definir a liturxia? É cecais a oportunidade ou o medio de saborear, cos cinco sentidos, o Misterio. Coma se Deus escondésese ou falase, mellor, a través do símbolo (cores, música, palabra, incenso, auga, cinza, sacras formas, viño, campás...
-A liturxia é, efectivamente, un medio para experimentar o Misterio a través dos sentidos. A premisa fundamental desta formulación é que a liturxia non se compón unicamente de espazos, actores e palabras, senón tamén de todo aquilo que pertence á esfera dos sentidos, que se manifesta de forma privilexiada a través da arte nos obxectos litúrxicos, as imaxes e as vestiduras. Por iso é polo que na actio litúrxica todos os sentidos sexan convocados co fin de favorecer o punto de encontro entre o ser humano e Deus. 
-En que medida lle axuda o coñecemento da Paleografía?
-O coñecemento da Paleografía é fundamental para a miña investigación, posto que me permite ler, interpretar e contextualizar os manuscritos litúrxicos medievais. Ademais, imparto a materia de Paleografía latina na nosa universidade romana, un curso centrado nas escrituras librarias e dirixido sobre todo a liturgistas.
-Que lle parece este curso da UNED?
-Paréceme unha iniciativa moi interesante, porque permite profundar no coñecemento da cultura gráfica medieval. Resulta de gran utilidade para estudantes de diversas disciplinas que desexan acceder a documentos antigos. Neste caso, ademais, súmase o achegamento á cultura monástica, que na nosa sociedade pode ser un mundo moi descoñecido.
-Xa coñecía a UNED?
-Si, claro. Na UNED cursei os tres primeiros cursos de Filoloxía Española nos anos 90.
-Vostede pertence á comunidade da Abadía benedictina do Val dos Caídos, traballa en Roma, no Pontificio Instituto Litúrxico de Santo Anselmo.
-Os benedictinos quedamos vencellados para sempre á comunidade na que realizamos a nosa profesión monástica, o que se coñece como «os votos». No meu caso, é a Abadía da Santa Cruz, pertencente ao municipio de San Lourenzo do Escorial. O Abade Primado da Confederación Benedictina, que ten a súa curia en San Anselmo, mandoume trasladarme a Roma para exercer como docente da nosa universidade. Iso non implica desvencellarme da miña comunidade. Actualmente, vivo en Roma e en Madrid. En Roma durante o curso académico e en Madrid durante as vacacións. 
-Coñecía Ourense?
-Vin a Ourense por motivos de investigación, sempre ao Arquivo da Catedral para consultar algúns códices litúrxicos. É unha cidade encantadora e cun patrimonio extraordinario. Desta ocasión, lévome un recordo moi grato do Arquivo Histórico Provincial e dos seus fondos. Desde logo, espero volver.
-Na Abadía leva a cabo tamén labor docente e investigadora?
-Na Abadía do Val non me falta o traballo. Sempre se pode botar unha man na biblioteca, na axuda a algún irmán que está a facer algún traballo universitario e tamén na música das nosas celebracións litúrxicas, nas que adoito facer de organista. En fin, trátase de vivir o clásico ora et labora.
-Que afeccións ten un monxe benedictino e académico como vostede?
-As miñas dúas afeccións principais son os paseos pola montaña e a visita a arquivos para consultar códices litúrxicos medievais. Desde que vivo en Roma, valoro moito máis atoparme coa familia e cos amigos.

UNED Ourense
Comunicación