Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Juan Maceiras Formosel: "Quen comunica, triunfa"

18 de septiembre de 2025

Este profesional do xornalismo impartirá un completo obradoiro de oratoria do 1 ao 29 de outubro en UNED Ourense, para cantas persoas desexen mellorar o seu modo de dirixirse oralmente ao público. Saber falar ben, empatizar co auditorio e evitar dar unha imaxe débil ou negativa por parte do orador.

OURENSE, 18 de setembro de 2025. Juan Maceiras Formosel é Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Pontificia de Salamanca. Leva máis de 30 anos en distintos medios de comunicación entre radio, prensa e axencias de noticias. Na súa traxectoria profesional, colaborou en Europa Press, AGN, ABC, e hoxe é xefe de Programación e Informativos en COPE Ourense. Ten unha traxectoria de máis de 20 anos como presentador de eventos públicos prestixiosos en Galicia, como o 20 aniversario da ACSUG, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago, as Xornadas Internacionais de Folclore, o Premio Ourensanía que organiza a Deputación de Ourense ou os Premios Blanco-Amor e Trasalba. Nas súas tres décadas como xornalista, impartiu varias formacións ou cursos sobre Oratoria en distintas institucións ou centros de referencia pedagóxica. Entre eles, no Concello de Ourense ou unha Escola de Oratoria para estudantes de centros educativos de toda a cidade e tamén cursos para adultos. Ademais, este doutorando en Dereito, é avaliador profesional do Sistema Universitario de Galicia na ACSUG -Axencia para a Acreditación do Sistema Universitario de Galicia- e avaliou como xornalista os graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Coruña e Santiago de Compostela. Igualmente ten unha experiencia internacional na Universidade de Xalapa-Veracruz en México e en Santa María de Porres en Perú. 

 -Para que nos serve a Oratoria?

 -Falar en público é fundamental para o presente e o futuro. Na túa vida, dedíquesche á profesión que che dediques, sempre será necesario comunicar ben. E comunicas non só a través da túa comunicación verbal senón mediante a túa comunicación non verbal. Tes que coidar a entoación, ter unha boa pronuncia, un ritmo adecuado e coidar a túa mensaxe. Pero é moi importante tamén a túa comunicación non verbal, é dicir, a túa mirada e como che expresas coas túas mans. 

-Dígame unha cousa, como comunicamos os ourensáns? 

-En Ourense atopámonos con varios casos. Aqueles que comunican ben, quen ten unha boa mensaxe, pero atopámonos cun variado número de persoas que falan moito pero sen mensaxe. E é que, en primeiro lugar, debemos ter unha mensaxe e ordenar as nosas ideas á hora de falar en público. 

-Todos fomos a actos nos que sempre hai alguén que le un discurso e, en moitas ocasións, leno coma se estivesen a ler en clase. É dicir, aburren e fan perder o interese no que din.

-Creo que iso demostra que é fundamental adquirir habilidades comunicativas para non aburrir ao público e deixar unha boa sensación en quen che escoita.

-Hai xente que, ao dirixirse ao público, é escrava das súas muletiñas, isto fatiga ao escoitante. 

-E iso é un grave erro. Quen é capaz de ter unha intervención de 5 minutos e utilizar 20 veces ou máis unha muletiña como “vale”, “ehh”, “efectivamente” deixa unha imaxe negativa, pouco afortunada de si mesmo. 

-Cantas veces escoitamos discursos de xente que non vocaliza! 

-Se ti non vocalizas, a túa mensaxe nunca chega e queda curto. Debes vocalizar e pronunciar ben e nun volume adecuado ao lugar onde tes o teu relatorio ou a túa intervención. Non é o mesmo dirixirche a 10 persoas nunha mesa redonda que falar nun auditorio para milleiros. 

-Ao relator que sabe modular a voz e ten unha boa entoación, que respecta os silencios e pronuncia perfectamente, valóraselle. 

-O silencio é fundamental á hora de falar en público, e debes saber xestionalo. A modulación permíteche que a mensaxe sexa máis firme. O teu ritmo non pode ser pousado e monótono e, por iso, debes saber como chegar coa túa mensaxe a aquel que che escoita. 

-Cales son os pecados da Oratoria? 

-O primeiro é non mirar á xente aos ollos. Aquel relator que mira ao chan ou ao firmamento, sen preocuparse polo auditorio, non comunica ben. Debes sorrir e xerar empatía en quen che escoita. Nunca podes falar cos brazos detrás do corpo ou nos petos. Os brazos deben moverse e así xeras sinceridade e confianza. Non debes mostrar tics co corpo, pois transmitirás inquedanza, debilitarás a túa mensaxe. -A maxia de dicir o que se le, que non é o mesmo. 

-Preparar un discurso é importantísimo. Non consiste en falar por falar, senón preparalo rigorosamente, con tempo e sabendo que o principio e o final da túa intervención deben ser brillantes. O discurso confecciónase con moito tempo e débese ensaiar en casa varias veces porque temos unha oportunidade de facelo ben e se non o conseguimos, fracasamos no noso empeño. 

-Que facer se quedamos en branco? 

-Aínda que pareza mentira, hai varias alternativas para saír do paso e volver ao discurso que estabamos a realizar con éxito. Só hai que prepararse con esmero para iso e temos opcións para que esa amnesia momentánea quede lucida. 

-Á hora de dirixirnos ao público, tan importante é a comunicación verbal como a non verbal. De feito, o noso corpo comunica sempre desde que amencemos ata que nos deitamos. 

-Desde que chegamos ao escenario estamos a comunicar. Non só cando dicimos a nosa primeira palabra, senón desde que nos acomodamos, achegámonos á mesa ou ao atril, ademais de como vestimos. A nosa expresión fácil, o noso sorriso, a nosa relaxación e interese tamén se nota na cara. E debemos estar cara o público sen nada que nos moleste. 

-Juan, comunicar tamén é emocionar.

-É básico. Debemos contar historias, e a través de ditas historias, emocionar a quen nos escoita. Non é o mesmo falar soamente dun incendio que do drama que supuxo ese incendio en varias familias.

-Canto se agradece a comunicación sempre en clave positiva, a que tende pontes e non muros. 

-Creo que comunicar sempre é positivo. É unha forma de achegarse aos demáis, de xerar simpatía e de mostrar o lado máis bonito do ser humano. Sen comunicación entre nós estaríamos condenados ao sufrimento e á soidade.

-Apetece unha chea inscribirse no seu Obradoiro de Oratoria: Como falar en público, que empeza en UNED Ourense, o día 1 de outubro ata o 29. 

-Creo que é importante que cuestións prácticas que vivimos no día a día e que nos poden levar ao éxito á o fracaso profesional dependen da nosa actitude á hora de comunicar. A miña lema é sempre: Quen comunica triunfa. De todos estes detalles trataremos no curso, para mellorar a comunicación de quen se matricule connosco.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es