Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Javier Nicolau: "A UNED proporcióname esa facilidade de que me podo presentar aos exames alá onde estea"

11 de septiembre de 2026

Membro recén incorporado á plantilla do COB, aos seus 29 anos estuda, ademáis, na UNED a súa segunda carreira universitaria. Deixouse ver no centro académico ourensán para realizar algún dos seus exames. E non pasa desapercibido: "Non é que sexa un mozo alto, é que son un mozo moi alto, mido 2,10 metros", sinala.

OURENSE, 11 de setembro de 2026. Javier Nicolau Aledón é un baloncestista español que, cos seus máis de dous metros de estatura, veuse a vivir a Ourense para xogar no COB e, de paso, continuar estudando na UNED. É de Castelló, onde naceu no ano 1997. “Son xogador de baloncesto profesional e por iso, cada pouco tempo, tócame ir movéndome pola Península, por España”, indica. 

-Sendo estudante da UNED, os seus traslados profesionais non lle afectan.

-A UNED proporcióname esa facilidade de que me podo presentar aos exames alá onde estea. 

-Que grao prepara? 

-Estou a estudar Dereito. 

-Xa fixera algunha outra carreira? 

-Cando xoguei nos Estados Unidos fixen Mercadotecnia alí, e como teño bastante tempo libre para o tema de adestramentos… o futuro laboral era algo que me preocupaba e son dos que pensan que canto máis fagas, mellor. Tiña un ano realizado de Dereito e, para non empezar de cero, decidín decantarme por este grao. No canto de coller todas as materias do cuadrimestre matricúlome de tres ou catro para ir máis ou menos con calma, porque o meu futuro próximo é o baloncesto, por iso non teño tampouco présa por acabar, vou facendo aos poucos. 

-A UNED atópala en calquera recuncho de España. 

-Si, si, totalmente. Estes últimos dous anos estiven en Donosti e claro, coñecín o centro asociado de Vergara e examinábame alí, pero no verán, como son de Castelló, examinábame no centro de Vila Real e para min era moi como pois non tiña que preocuparme onde presentarme se non preocuparme por organizarme no estudo e examinarme onde me coincida.

-Ser xogador profesional de Baloncesto e estudar Dereito implicará o emprego de moitas horas.

-É verdade, pero tamén mo tomo como unha vía de escape porque, ao final, o deporte de alto nivel tamén é unha carga, digamos, intelectual grande, nese aspecto de xogadas, xogadores do outro equipo, de defensas, ataques; ao final tamén tes que estar moi concentrado tanto nos adestramentos como no partido na pista para prepararte para o partido. E o feito de estudar neste caso unha carreira universitaria tamén me axuda un pouco a quitar o foco diso e preocuparme por outra cousa e tamén evadirme e manterme ocupado. 

-A que idade comezou a xogar en serio a Baloncesto?

-A un nivel serio diríache que con 15, 16 anos. Eu empecei tarde neste deporte, fíxeno con 14, ou con 15, xoguei dous anos en Castelló, no equipo da miña cidade e enseguida funme a Murcia porque tiñan interese en min, me becaron na UCAM, tamén estiven a estudar alí e desde alí funme aos Estados Unidos. Tamén estiven en Logroño, en Donosti, en Benicarló, polo tema do baloncesto.

-Non sei se se decatou, mentres estivo en UNED Ourense, de que máis dunha moza fixouse en vostede dada a súa estatura. E seguro que lle pasa cando vai pola rúa.

-Xusto, a verdade é que xa estou acostumado, o certo é que non toda a vida, pero fai xa moitos anos que peguei o estirón. Sempre destaquei pola miña altura. Non é que sexa un mozo alto, é que son un mozo moi alto, mido 2,10 metros, moito máis que a media, pero bo, ao final lévalo, é que é o que hai. Hai xente máis amable e máis graciosa e hai quen fai algún comentario e dis, bo, vai. 

-Como é a súa vida de recentemente chegado a Ourense?

 -Cheguei a principios de agosto, levo apenas un mes e, encima, estiven estudando así que tampouco tiven moito tempo para coñecer a cidade. A verdade é que Galicia non a coñecía moito; estiven por Donosti, Asturias, pero nunca Galicia e a verdade estou con moitas ganas de coñecer tanto a cidade como a provincia de Ourense. Ata o de agora, polo que vin, Ourense sorprendeume para ben, non é unha cidade grande, pero bo, eu son de Castelló, que creo que en tamaño e habitantes é bastante parecida, así que, de momento, estou moi a gusto. 

-Cando non está a xogar nin estudando, que fai? 

-Sobre todo o baloncesto quítame moito tempo, pero gústame ler cando teño tempo. Son bastante curioso e gústame ver ben series ou documentais, depende tamén do ano ou da época, deume por meterme tamén en facer cositas de deseño gráfico ou de debuxo, pero intento manterme ocupado. 

-Que clase de lectura gústalle?

 -Sobre todo temas de Historia, antigas civilizacións, agora estoume lendo o Sapiens, para coñecer un pouco a evolución que tivemos, de onde vimos porque, ao final, aínda que cambiamos moito, hai cousas que non cambian e que as adoptamos de modo que seguimos sendo un pouco parecidos. 

-Imaxino, Javier, que nos veremos por aquí de novo nos exames de xaneiro-febreiro…

 -Supoño que si.

 -En que curso está xa de Dereito?

 -Empecei agora terceiro.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es