Mapa web
Youtube
Campus UNED

Isto chéirame a ciencia: 411 escolares ourensáns e a UNED

31 de marzo de 2022

Os días 6, 7 e 8 volve a divulgación científica da UNED, esta vez para tres centros educativos ourensáns que experimentarán coa química para elaborar un libro de aromas e unha colonia. Esta iniciativa conta co apoio do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica.

OURENSE, 31 de marzo de 2022. Un total de 411 escolares de Ourense e Pereiro van participar, os próximos días 6, 7 e 8 de abril, nas respectivas Aulas de Divulgación Científica da UNED previstas nos colexios Virxe de Covadonga, Miraflores e Guillelme Brown. O taller titúlase Isto chéirame a ciencia.

Participarán 145 alumnos de Infantil así como de primeiro e segundo de Primaria; 239 escolares de terceiro a sexto de Primaria e 27 da ESO. Do colexio Virxe de Covadonga beneficiaranse da divulgación científica 141 escolares; do Miraflores, 169 e do Guillelme Brown, 151.

Nesta ocasión os obradoiros serán de química. 

  • En Infantil: dentro do mesma aula, se subdivide o grupo en dous para facer a investigación científica e o libro de aromas.
  • En Primaria: dentro do mesma aula, se subdivide o grupo en tres para facer a investigación científica e para a colonia (4º a 6º de Primaria). 
  • Na ESO: os químicos da UNED ofrecerán unha explicación teórica para todos os estudantes xuntos e logo, para facer a investigación científica, se subdividirá o grupo en tres subgrupos que se separan en tres aulas distintas e logo vólvense a reunir para facer a colonia ou ambientador e ver os resultados da investigación científica. Para realizar a colonia fanse tres subgrupos pero xa dentro do mesma aula.
A organización é meticulosa, grazas ao equipo de ColArte, que colabora coa divulgación científica da UNED. En cada obradoiro haberá dous ou tres profesores da UNED realizando a actividade, e o profesor encargado do grupo.

O calendario será o seguinte: o mércores, día 6, o equipo científico da UNED desprazarase toda a mañá ao Virxe de Covadonga. O xoves, día 7, fará o mesmo no colexio Miraflores, quedando o Guillelme Brown para o venres, día 8.

Con esta iniciativa a UNED contribúe a espertar vocacións científicas nos escolares ourensáns. No proxecto Isto chéirame a ciencia, un grupo multidisciplinar de científicos traballaron para divulgar a ciencia en colexios para nenos entre 3 e 17 anos. Os aromas e perfumes empregáronse como fío condutor para explicar o método científico. Un total de máis de 2000 estudantes participaron xa no proxecto. Ourense súmase felizmente incrementando o número de colexios participantes. 

Nesta ligazón pódese ver o proxecto, que naceu en Madrid.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es