Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Lucía Vila Fernández: “Calcúlase a grandes liñas que na provincia de Ourense hai unhas 300 persoas xordas usuarias da Lingua de Signos”

4 de junio de 2020

A docente imparte na UNED un curso de iniciación á Lingua de Signos que conta con moito interese por parte do alumnado e sinala que a devandita lingua transmite máis ca lingua oral, emociona, porque nos permite poñernos no papel da persoa que está expresando e poder experimetar o que esa outra persoa sente. 

OURENSE,  4 de xuño de 2020.- En UNED en Ourense celebrase un curso de Lingua de Signos Española (LSE) e a súa docente é Laura Vila Fernández. A iniciativa de dar cursos de Lingua de Signos xurdiu da unión das súas dúas paixóns, por unha banda a Lingua de Signos e doutra banda a docencia. Laura Vila é Técnico Superior en Interpretación de Lingua de Signos e Graduada en Educación Primaria. “Inicialmente  dedicábame por unha banda    á  docencia  a través de formación  para persoas adultas, nenos, tanto de educación infantil como primaria e por outra banda dedicábame á interpretación no ámbito educativo,  laboral, médico, actos públicos…”, sinala esta profesional. Os seus primeiros cursos como docente de Lingua de Signos impartiunos a nivel particular e en empresas privadas, nalgunhas das cales traballan persoas xordas, o que fai que se se esperte interese en aprender a lingua por parte dos compañeiros, xefes…”Poderíase dicir que existe unha necesidade por parte dos oíntes para poder comunicarse e a través de fondos destinados á formación, adóitanse realizar cursos básicos de comunicación en LSE, tentando eliminar así as barreiras de comunicación existentes”, di a profesora do curso de UNED Ourense. Os cursos non se restrinxen ao ámbito laboral, xa que dependendo das profesións que se estuden e que se pretendan desempeñar no futuro, se se sabe que existe posibilidade de ter que comunicarse con persoas xordas, os futuros profesionais realizan estes cursos para aprender a  signar e anticiparse así á posible dificultade comunicativa que poida ter lugar. “Estudar Lingua de Signos é un interese que crece máis cada día e os cursos  son requiridos por persoas de distintos ámbitos profesionais e académicos, como pode ser o ámbito educativo, sanitario ou das administracións públicas. Cada vez    hai  máis  demanda,  e aos poucos  vaise  conseguindo un pouco máis de integración, aínda que aínda queda moito camiño por percorrer”.

- Cantas persoas forman a comunidade xorda na provincia de Ourense?

- Proporcionar  estatísticas  é un tema delicado, xa que  depende do grao de discapacidade auditiva recoñecido, de se é unha persoa xorda, se é unha persoa  sordocega, se ten algún outro tipo de discapacidade asociada, e unha infinidade de factores. Tamén hai que ter en conta que hai poboación con discapacidade auditiva que non é signante, como pode ser o caso de persoas oíntes que perden audición co paso dos anos. Calcúlase a grandes liñas que na provincia de Ourense hai unhas 300 persoas xordas usuarias da Lingua de Signos.

- Por que é bo que a Lingua de Signos sexa aprendida pola sociedade en xeral?

-En primeiro lugar creo que todos deberiamos aprendela para poder comunicarnos con persoas da nosa contorna máis próxima. Nalgún momento da nosa vida seguro que nos atopamos coa necesidade de saber  LSE e esta necesidade magnifícase se traballamos no sector educativo, sanitario ou en administracións públicas. Se nos interesamos en aprender outras linguas para comunicarnos con turistas, por motivos laborais se a nosa empresa requíreo ou simplemente por curiosidade, o caso da Lingua de Signos non ten por que ser distinto. Todas as linguas enriquecen, e a Lingua de Signos moito máis xa que ademais dos compoñentes manuais componse de expresión facial e expresión corporal que son unha forma de comunicación máis importante do que cremos. A lingua de Signos ademais é moi útil para as persoas oíntes, Cantas veces estamos a comer e queremos pedir ou dicir algo e temos que esperar a terminar para facelo? Cantas veces queremos dicirlle algo a alguén que está na outra beirarrúa e polo ruído do tráfico non podemos? Cantas veces queremos falar pero dóenos tanto a garganta que non podemos? Isto é a modo de curiosidade, pero non por iso é menos certo, as persoas oíntes que somos usuarias da LSE en moitas ocasións dámonos conta do gratificante que é saber Lingua de Signos. Por último comentar que hai moitas persoas, que aínda que non teñan problemas de audición, se presentan problemas para comunicarse xa sexa por algunha discapacidade intelectual, dificultades de aprendizaxe, ter algún dos procesamentos afectados ou  por trastornos asociados á linguaxe e nestes casos moitas veces tamén nos serve a Lingua de Signos para comunicarnos.

- Que se pretende con este curso?

-Que os alumnos/as poidan chegar a manter unha conversa normal con certa fluidez, non sobre temas específicos porque para iso fan falta moitas máis horas, pero si sobre temas usuais da vida cotiá. Conseguiremos poder comunicarnos a nivel básico con calquera persoa xorda que nos podamos chegar a atopar nas nosas actividades diarias e non sufrir o típico bloqueo que se sofre moitas veces por non saber se poderemos ou non chegar a entendernos.

-É de agradecer que hoxe, en calquera acto público que se prece, cóntese por intérpretes de Lingua de Signos.

-Por sorte cada vez máis actos contan coa presenza de intérpretes de Lingua de Signos, pero aínda non todos. Aínda queda moito traballo ata conseguir unha plena inclusión, pero si que hai que recoñecer que nos últimos anos avanzouse moito e cada vez a sociedade está máis sensibilizada con respecto ás barreiras comunicativas que existen. As persoas xordas teñen o mesmo dereito que nós a poder acceder a toda a información xa sexa o programa electoral dun partido político, unha entrega de premios, unha exposición, unha visita guiada sobre uns xacementos, información sobre enfermidades, noticias nacionais, internacionais e por iso é moi importante que sigamos nesta liña para poder conseguir unha inclusión real.

- A pregunta que moitos se farán: É difícil aprender esta lingua? Ás veces parece algo inalcanzable ao ver a soltura e rapidez coa que actúa o intérprete...

-A dificultade que presenta aprender Lingua de Signos non é distinta á que presenta a aprendizaxe de calquera outra lingua. Hai persoas ás que lles custa máis ao principio, pero logo avanzan a pasos axigantados, nada é imposible, todo depende das ganas e do tempo que se dedique a practicar. É unha lingua diferente que non se transmite de forma oral pola canle  auditivo, utilízase a canle visual e ás veces ese cambio é o que máis nos custa en canto empezamos a aprender LSE.

- Recentemente, en Ourense, puidemos ver a actuación do coro "Música en mis manos", formado por cidadáns que se expresaban  por medio da Lingua  de Signos, concentrando a atención do público nas súas mans cubertas por luvas brancas. Sorprenderon realmente.

-A Lingua de Signos transmite moito máis que a propia lingua oral, emociona, pódeste por no papel da persoa que está a expresar i es capaz de sentir o que a outra persoa sente. Ver poesía signada, teatro en Lingua de Signos e ata cancións signadas emocionan moito máis. Hoxe en día, por sorte, aparte das interpretacións que se fan de poesías, obras de teatro ou cancións que orixinariamente se redactaron en lingua oral, contamos con actuacións de teatro que fan obras signadas na súa totalidade, poesía propia en Lingua de Signos, curtametraxes en LSE…

- Como é a metodoloxía que emprega para este curso na UNED?

-É importante sempre explicar unha base de teoría sobre que é a Lingua de Signos, a súa evolución, que é unha persoa xorda, a súa cultura e identidade, palabras e designacións erróneas e moitos outros factores que nos fan falta para poder entender e comprender mellor a Lingua deSignos. As clases son case na súa totalidade  prácticas aínda que facendo incisos para explicar certos aspectos imprescindibles para coñecer esta lingua na maior profundidade posible. En cada sesión farase repaso do dado anteriormente, explicase contido novo e traballase de forma práctica integrando todo o aprendido, afondando cada vez máis. Sempre mediante a práctica xa que empregar unha lingua é a mellor maneira que temos de aprendela.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es