
OURENSE, 10 de xuño de 2025. En UNED Ourense levaron a cabo 1.455 exames nas dúas semanas da convocatoria de maio e xuño. A normalidade foi dominante en todos eses días, salientando o bo comportamento dos estudantes. Se sumamos estas probas ás realizadas na convocatoria anterior, é dicir, a de xaneiro e febreiro, temos un total de 2.923 exames realizados. Aínda queda engadir os que se farán na primeira semana de setembro, para rematar o presente curso 2024-2025.
Na primeira semana fixéronse 596 exames, deles 20 de selectividade, que se corresponden con cinco novos formados noutros países, neste caso, en Cuba, Brasil e Venezuela. Por facultades, a que máis probas tivo no centro universitario de Ourense é a Facultade de Psicoloxía, pois levaron a cabo 163 exercicios. A segunda foi a Facultade de Dereito, con 125 exames nesta primeira semana, seguida da Facultade de Educación, con 88.
De Xeografía e Historia houbo 18 probas; 15 de Ciencias Económicas e Empresariais, do mesmo xeito que de Filosofía. Da Facultade de Filoloxía UNED Ourense acolleu 13 exames; 9 de Políticas e Socioloxía; 7 de Ciencias e 5 de enxeñerías, dos cales 4 foron de Enxeñería Informática e un de Industriais. En canto a exames de idiomas, no Centro Universitario de Idiomas a Distancia (CUID), en Ourense leváronse a cabo 10 en niveis superiores de Galego, Alemán, Inglés e Portugués avanzado.
O Tribunal desta primeira semana estivo formado por María Teresa Gibert Maceda como presidenta; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente e Marta Solórzano García, secretaria. Na Comisión de Apoio estiveron, por parte dos profesores titores: María Concepción Álvarez Gómez e Nemesio Pereira Lorenzo, e por parte do PTGAS: María Elvira Pavón Pazos e José Manuel Lage Vidal.
A primeira semana resultou tranquila, desde a súa primeira sesión, ás 09:00 horas do luns, 19 ás 20:30 horas do venres, 23 de maio. Os estudantes coñecen as normas estritas de seguridade para acceder e permanecer na aula de exames, pois foron advertidos polo director á entrada de que calquera son de dispositivo electrónico en calquera dos postos de exame na aula é motivo suficiente para a recollida do exame por parte do Tribunal. 
Segunda semana
Na segunda semana o número de exames foi de 859. Unha vez máis, a maior parte deles foron da Facultade de Psicoloxía, pois realizáronse 272 probas. Séguenlle os da Facultade de Dereito, que foron esta vez 256. Exames pertencentes á Facultade de Educación da UNED feitos no seu centro universitario de Ourense son 145.
As probas feitas por quen estuda Ciencias Empresariais, Económicas ou Turismo son 45, seguidas das de Xeografía e Historia, que nesta convocatoria chegaron a 38. O Centro Universitario de Idiomas a Distancia (CUID) tivo en Ourense 35 exames presenciais avanzados, nas seguintes linguas: Alemán, Árabe, Francés, Galego, Inglés, Italiano, Xaponés e Portugués.
A Filosofía é un grao que interesa na UNED, e repunta, sendo 33 os exames realizados a semana pasada. Quen se prepara para ser filólogos realizaron 22 exames, os mesmos que quen está estudando carreiras da área de Ciencias. 
Da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática houbo que dar resposta ás cuestións expostas en 16 exames deste grao. Da Facultade de Políticas e Socioloxía fixéronse en Ourense 10 probas. Por último, houbo 8 exames de estudantes que se forman na Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial da UNED. 
O Tribunal desta segunda semana da convocatoria maio-xuño estivo integrado por José Luis García Llamas, presidente; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente e Joaquín Martínez Pino, secretario. Na Comisión de Apoio estivo, por parte dos profesores titores, Natalia Carnicero Villamarín, e por parte do PTGAS, Purificación Prado Fernández e María Gladys Fernández Losada.
A semana transcorreu con tranquilidade, pois non houbo ningunha incidencia. Os estudantes ativéronse ás normas de seguridade que xa coñecen, e que o director lles lembra no vestíbulo do centro e volve lembrar por segunda e última vez cando xa están todos nos seus postos de exame. A vixilancia dentro da aula é patente e inclúe a detección de calquera dispositivo aceso mediante un sistema de vixilancia que se leva a cabo en cada unha das 20 sesións de exames da semana.
"Unha vez máis hei de dicir que os nosos estudantes mostraron sobre o papel o que saben, que para iso estudaron, preparáronse durante meses, non sen duro esforzo, tanto os que teñen que atender a familia como os que combinan o estudo co traballo ou os que xa veñen á UNED directamente da PAU, que cada ano son máis. Tentamos animalos a todos, para que non sexan vítimas dos nervos", sinala o director, Jesús Manuel García. Na aula de exames sempre hai unha bandexa con caramelos para adozar o momento tras a entrega do exame. "Tratamos de rebaixar tensións e adornar todo cun sorriso, interesándonos por como lles foi cada exame e animándoos sempre. É un gusto, por exemplo, ver a quen opta a facer un grao, preparando o Curso de Acceso e respondendo as cuestións do exame con verdadeiro interese e concentración. Ou quen estuda por puro pracer, que os hai, ou para mellorar na vida. A UNED dá esa posibilidade, con flexibilidade e sen notas de corte a todos os cidadáns. Así o leva facendo desde 1972 e, en Ourense, desde hai 33 anos", indica o director.

UNED Ourense
Comunicación




