Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O proxecto do Camiño Minhoto-Ribeiro, protagonista nunha conferencia do arqueólogo Jorge Lamas na UNED

19 de octubre de 2021

A sesión terá lugar no salón de actos de UNED Ourense este xoves, ás 19.00 horas, dentro do ciclo de relatorios que sobre o patrimonio como recurso de desenvolvemento rural celebra o Campus Noroeste da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

OURENSE, 19 de outubro de 2021.-Este xoves, 21 de outubro, o arqueólogo ourensán Jorge Lamas Bertolo será o relator da conferencia titulada: Proxecto do Camiño Minhoto-Ribeiro. O acto comezará ás 19.00 horas no salón de actos de UNED Ourense. Esta é a conferencia que aporta a UNED desde terras ourensás ao programa do curso do Campus Noroeste da nosa Universidade sobre o patrimonio cultural como recuso de desenvolvemento local. A pesares de que son máis de 400 as persoas matriculadas neste ciclo de conferencias, residentes en diversos puntos de España e do estranxeiro, os ourensáns que o desexen poderán acudir presencialmente a escoitar ao relator cómodamente desde o propio Centro Asociado de Ourense, ubicado na urbanización Torres do Pino, baixo.

Jorge Lamas Bertolo é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, obtivo o grao coa máxima cualificación pola Tese de Licenciatura: “Contribución ao estudo do Fenómeno Tumular na comarca de Terra de Montes (ano 2001)”. Membro e responsable da Sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca de O Carbaliño. Como arqueólogo profesional, realiza a súa actividade desde o ano 1999 ata a actualidade, dirixindo e participando en proxectos de investigación, escavacións, prospeccións arqueolóxicas e posta en valor. Froito desta actividade, escava e pon en valor xacementos de distintas etapas, estudando túmulos megalíticos, castros, asentamentos romanos, fortalezas medievais e modernas… 

Lamas compaxina este traballo coa divulgación científica mediente congresos e visitas guiadas sobre o patrimonio cultural. A nivel de publicacións, destaca a realizada sobre enterramentos funerarios do Neolítico Medio-Final: Cemiterios Esquecidos: ou Fenómeno Tumulario na comarca do Arenteiro, editado pola Deputación de Ourense ou, en colaboración con varios membros do Centro de Estudos Chamoso Lamas do Carballiño: As Arquitecturas Históricas do Viño: polos ribeiros do Miño e do Avia, editado pola Xunta de Galicia. Actualmente forma parte do equipo técnico do Museo Etnográfico do Arenteiro, dentro do parque municipal do Carballiño, do Comité Asesor da aula do Megalitismo Porta do Xurés da Deputación Provincial de Ourense e é arqueólogo municipal do Concello de Ribadavia.

Para o 25 de outubro, desde UNED Asturias, o doutor Ángel Mato Díaz, deterase na Arquitectura do Prerrománico Asturiano. A última xornada do curso será o xoves, 28 de outubro, desde UNED Pontevedra, onde Alexandra Touza David, especialista en Turismo Responsable, Desenvolvemento e Cooperación, intentará dar resposta á seguinte pregunta: Como poñemos en marcha un proxecto turístico local?

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es