Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

COMUNICADO PARA OS CENTROS ASOCIADOS SOBRE A SITUACIÓN XERADA POLO CORONAVIRUS COVID-19 

12 de marzo de 2020

A crise sanitaria obriga a adoptar varias medidas que, a pesar da situación, farán que o Centro Asociado á UNED en Ourense continúe funcionando e prestando servizo a aos seus estudantes a partir de agora mediante webconferencia  

OURENSE, 12 de marzo de 2020.-En relación coa alerta sanitaria por coronavirus (COVID-19), a UNED constituíu unha comisión de seguimento encargada de levar a cabo unha análise permanente da situación, centralizar a información e coordinar a implantación das medidas que en cada caso fosen oportunas. Do mesmo xeito, elaborouse un plan de continxencia para facer fronte a diferentes escenarios. A UNED está preparada para afrontar este reto e adoptar as medidas necesarias para garantir o servizo aos seus estudantes. Así, cara a necesidade de elevar a precaución e evitar o contaxio da comunidade universitaria, a UNED decidiu que todos os seus Centros, entre eles loxicamente o de Ourense, sigan, entre outras, as seguintes medidas, que se manterán en vigor desde o venres 13 de marzo ata novo comunicado:

 • O Centro Asociado á UNED en Ourense seguirá prestando servizo docente aos nosos estudantes exclusivamente por medios telemáticos.

 • Non se impartirán titorías presenciais, que serán substituídas por titorías virtuais (webconferencia ou videoconferencia). Os profesores titores poderán conectarse desde o Centro Asociado ou -preferentemente, cando sexa posible- desde o seu domicilio.

 • Manteranse pechadas ao público as bibliotecas, salas de estudo, salas de informática, laboratorios, cafeterías e calquera outro lugar de concentración de estudantes.

 • Suspenderanse as prácticas presenciais nos Centros Asociados.

 • Manterase aberta a atención ao estudante e os mostradores de información, atendendo ás necesidades de conciliación familiar e a situacións especiais de risco por motivos de saúde do persoal do Centro. Con todo, aconsellarase aos estudantes o uso da atención telefónica e do correo electrónico. En caso necesario, axustaranse os horarios e a redistribución de postos ás posibilidades do persoal e do Centro.

 • As reunións presenciais (por exemplo, as defensas dos Traballos Fin de Máster e das teses doutorais) ás que estean convocados os estudantes na Sede Central poderán realizarse por medios telemáticos, facilitando os medios técnicos para iso.

 • Suspenderanse todas as actividades de extensión universitaria (cursos, conferencias, exposicións, UNED Senior, mesas redondas, etc.). Por tanto, o Centro Asociado á UNED en Ourense continua funcionando e prestando servizo aos seus estudantes a partir de agora mediante medios telemáticos (webconferencia). Toda a información oficial sobre esta situación pode consultarse na páxina Web do Centro de Ourense (www.unedourense.es), ademais de na Web oficial da UNED creada para esta alerta 

(https://www.uned.es/universidad/inicio/covid-19). 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es