Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Jesús Manuel García saca á luz unha carta inédita do arquitecto Antonio Palacios Ramilo

23 de diciembre de 2020

O director de UNED Ourense publica en Auriensia un artigo sobre a  misiva do coñecido como "construtor de Madrid" para salvar unha talla medieval en Seixalbo no 1930 de caer nas mans dun anticuario

OURENSE, 23 de decembro de 2020.- O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, acaba de sacar á luz pública unha carta inédita do arquitecto Antonio Palacios Ramilo (O Porriño, 1874-O Plantío-Madrid, 1945) na que recomenda ao párroco de Seixalbo a recolocación dunha imaxe medieval da Virxe, no canto de venderlla a un anticuario de Madrid. A carta orixinal consérvase no arquivo particular de María del Socorro Alonso Martínez-Risco, en Ourense. A misiva chegou a coñecemento do doutor García Díaz mentres se atopaba realizando a investigación que permitiu recompoñer a historia da Praza de San Martiño, fronte á fachada occidental da Catedral auriense. E agora ve a luz desde a prestixiosa revista Auriensia.

Esa carta está redactada por Palacios, considerado o arquitecto construtor do Madrid metropolitano, e datada o 18 de agosto de 1930. Xunto ao texto manuscrito, o autor garabatea un esbozo do lugar onde situar a imaxe pétrea, é dicir, baixo un arco ojival nun lateral da igrexa parroquial de Seixalbo. "Foi o fillo propietaria do arquivo, Fernando Román, quen me facilitó a carta orixinal para estudala aproveitando que me atopaba investigando a obra de Palacios co seu proxecto ourensán para o meu primeiro libro que se publicou no que se reconstrúe a curta historia da Praza de San Martiño. Cando a tiven nas miñas mans non cabía en mín de gozo. Decidín non publicar no libro a carta para darlle máis relevo adicándolle un artigo, que é iste que agora se fai público nas páxinas de Auriensia", dí García Díaz

Jesús Manuel García mostra a carta e contextualízaa naquel tempo no que o arquitecto pasaba a miúdo por Ourense dado que estaba co proxecto para dotar á fachada de poñente da Catedral dunha praza con escalinata digna, da que carecía desde a súa construción no século XIII. Os documentos permiten saber como o párroco non cede aos intereses do anticuario e decide usar a imaxe como moeda de cambio co Bispado de Ourense para poder afrontar varias obras de rehabilitación do templo parroquial.

Nas cartas manuscritas de Palacios é común que este trace bosquexos no mesmo papel da misiva, como no caso do arco prerrománico de Panxón, cando estaba en plena construción o Templo Votivo da Paz.

A carta de Antonio Palacios sobre Seixalbo termínase cunha páxina que é un auténtico álbum de trazados. O arquitecto debuxa a Virxe da Silla, tamén a pía bautismal, a planta da capela onde situar a pía, co seu arco, destacando o seu autor que "é unha capela estilo Tudor inglés moi raro en España". Esta páxina atópase separada do resto da carta xa que se conserva enmarcada na residencia en Madrid dun membro da familia propietaria do arquivo.

Naqueles anos trinta do século XX Antonio Palacios culminaría as súas grandes obras na capital de España e estaba a desenvolver proxectos rexionalistas na súa Galicia natal. Entre eles o mencionado de Panxón, ou o de Ourense, que quedou sobre o papel e o que actualmente vemos fronte á Catedral pouco ou nada se parece ao proxecto que causou moita expectación en toda Galicia en 1928.

O estudo desta carta acábase de publicar no número 23 da revista Auriensia, do Instituto Teolóxico Divino Mestre, de Ourense, ocupando as páxinas 227 a 250. O volume desta revista académica ten 444 páxinas. Auriensia mantén intercambios con centros académicos e de investigación de España, Portugal, Italia, Canadá, Perú, Colombia, Arxentina, Brasil, entre outros. 

A relación do noso director co estudo da obra de Antonio Palacios non remata aquí, pois xa está en marcha un novo artigo investigación sobre outros aspectos do traballo do xenial arquitecto porriñés.  

Na imaxe da esquerda vese o arco baixo o que Palacios quería colocar a imaxe orixinal, lugar onde hoxe se amosa unha réplica da que permanece no Museo da Catedral.

Para ver o artigo, premar aquí.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es