Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Jesús Manuel García disertou en Vigo sobre a historia da ourensá Praza de San Martiño frente á catedral 

28 de febrero de 2019

O director da UNED en Ourense debullou os proxectos que se foron sucedendo para abrir unha praza, desde o de Antonio Palacios hasta o de Pons Sorolla así como a polémica surxida  a principios do presente milenio coa reconstrución dun inmoble nese espazo patrimonial

OURENSE, 28 de febreiro de 2019.- O director do Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria da Rúa, Jesús Manuel García Díaz, deu unha conferencia en Vigo sobre a historia da Praza de San Martiño, que dá acceso á fachada occidental da catedral de Ourense. García foi convidado pola Asociación Amigos de los Pazos, colectivo con soleira na cidade olívica de defensa do patrimonio cultural. Foi presentado pola veterana xornalista Carmen Parada. O doutor García Díaz, faloulles da súa investigación, a primeira que reconstrúe a historia desta céntrica praza ourensá, e que deu lugar á súa primeira monografía no ano 2015. Expuxo que a historia construtiva da catedral de Ourense conta xa con numerosas achegas tales como as de Sánchez Arteaga, Cándido Cid, Pita Andrade ou Carrero Santamarina, por citar soamente algúns autores, aínda que son menos abundantes os traballos que tratan sobre o seu espazo externo, tema que entra no ámbito do urbanismo. “De aí o noso interese en abordar a problemática da construción dun acceso aos pés do templo cuxa solución foi anhelada nun longo devir histórico que, arrincando nos anos 20 do pasado século, chega aos nosos días”, sinalou o relator en Vigo. Para abordar este traballo foron consultados dez arquivos, nove hemerotecas españolas e abundante bibliografía. “Non había estudos previos sobre esta praza o que obrigou a tecer con paciencia a súa historia, que agora ve a luz”, indicou o director da UNED en Ourense. Os asistentes coñeceron por tanto todos os proxectos históricos para a recente praza, desde o ideado por Antonio Palacios nos anos 20 do século pasado ata o de Francisco Pons Sorolla, sen esquecer o proposto no Plan Geral de Ordenación Urbana de Orense en 1946.

García Díaz deulles a coñecer os detalles dos proxectos, especialmente o máis ambicioso como foi o palaciano e a enorme repercusión que aquela proposta tivo no Cabildo catedralicio, na Coroa, no Concello de Ourense, na Deputación de Ourense e no Goberno da época. O conferenciante mencionou aos artífices de que Palacios deseñase as súas trazas, varias accións recollidas pola prensa. Así, tras unha ampla consulta hemerográfica, púidose facer o seguimento que distintas publicacións periódicas fixeron do proxecto de Antonio Palacios así como do de Pons Sorolla. 

 A historia da Praza de San Martiño xurdiu en 1926 pero devandito espazo urbanístico non se materializou ata finais do século XX. Co cambio de milenio, foi obxecto de gran polémica debido á reconstrución dun edificio ao sur da nova praza, tanto polo que respecta á reacción cidadá como da prensa. Dita actuación orixinou unha plataforma veciñal que non logrou liberar a praza.

 Problemas orzamentarios e a chegada da Guerra Civil habían botado abaixo a materialización do proxecto palaciano, manifestou García Díaz. Tras anos de debate por fin encargouse a Pons-Sorolla a resolución deste pequeno espazo público que hoxe contemplamos. E así quedou, cunha escalinata que ocupa media praza e só dá servizo á porta central da basílica. A historia da praza arrinca nos anos 20 do pasado século, cando o novo bispo, Florencio Cerviño, quixo dotar á fachada occidental da catedral dun solemne espazo. A súa man dereita foi o vigairo Diego Bugallo Pita, considerado na diocese como un bispo na sombra, dada a enfermidade do prelado. Desde 1926, cando se empezou a pensar en serio a futura praza, ata o 2016, tempo de finalización da polémica casa do sur da praza, houbo moitas xestións para que o centro histórico da cidade tivese ese espazo digno ante a súa catedral.

 Nesta investigación do director da UNED en Ourense recóllense denuncias ante a Nunciatura, acordos institucionais para colaborar no custo do proxecto de Palacios, que era de 1.074.000 pesetas. Desfilan coñecidos prebostes da cultura galega, fálase de arquitectura comercial americana, de haussmanismo, de arqueoloxía e de urbanismo. Ingredientes todos reunidos en tan pequena praza que a fixeron chegar aos nosos días sen ser a mellor praza soñada para tan nobre lugar, pois foi un verdadeiro laboratorio de despropósitos.

 É a historia de 90 anos de Ourense ao redor duns proxectos que foron dando forma a unha praza que apenas ten 40 anos. Os asistentes á conferencia mostráronse sorprendidos polo proxecto de Antonio Palacios, arquitecto natural do Porriño (Pontevedra) que tamén deixou importante obra tanto nesta vila como en Vigo e contorna.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es