
OURENSE, 13 de xullo de 2026. A Xunta Reitora do Consorcio de UNED Ourense celebrou sesión na tarde deste luns, 13 de xullo. Estivo presidida nesta ocasión por Ana Patricia Torres Madureira, deputada provincial de Política Social, sendo acompañada na mesa por Aníbal Pereira Nóvoa, primeiro tenente alcalde de Ourense; Íñigo Tejera Martín, vicerreitor adxunto de Centros Asociados; Jesús Manuel García Díaz, director de UNED Ourense; María Concepción Álvarez Gómez, secretaria; Julio Prada Rodríguez, coordinador académico e representante de titores; María Elvira Pavón Pazos, representante do PTGAS e Gonzalo Álvarez Alonso, administrador do centro asociado á UNED.
Nesta sesión aprobouse o orzamento estimativo do centro universitario, que se mantén na mesma liña dos anos anteriores, nun millón de euros. Igualmente quedou aprobada a Planificación Académica para o curso 2026-2027, así como as contas anuais. O director, que no seu informe dá conta de todas as actividades realizadas nos seis meses desde a última Xunta Reitora, que foi en decembro do 2025, sinalou que nese período realizáronse 3.205 exames nas convocatorias en xaneiro-febreiro e maio-xuño, á espera das probas que se leven a cabo na primeira semana de setembro, pois a UNED conserva esta práctica de celebrar a convocatoria de final de verán. Salientou tamén o estrito control que a UNED desprega nos exames para evitar a fraude.
Lamentou o director a tristura de facer constar en acta a perda recente do profesor titor Miguel Ángel Garrido Gómez, que exercía o labor docente desde a aula de Extensión da Rúa. Foi responsable da Axencia Tributaria do Barco e era un home moi participativo na vida social e cultural de Valdeorras. Igualmente, García Díaz deu a benvida a Torres Madureira por ser a súa primeira vez presidindo esta Xunta Reitora. Como é sabido, a Reitora de UNED Ourense presídea a Deputación, sendo o Concello de Ourense o que ostenta a vicepresidencia.
Nesta sesión deuse conta da posta en marcha do Grao en Enxeñería en Intelixencia artificial, a máis diso dobres graos que a UNED poñerá en marcha nos próximos meses como o de Matemáticas e Física alén do de Psicoloxía e Criminoloxía.
Nesta sesión Íñigo Tejera despediuse dado que na próxima Xunta Reitora, que se celebrará en decembro, xa haberá un equipo novo no Reitorado da UNED, pois as eleccións convocaranse á volta das vacacións de verán. Tejera agradeceu o traballo do director de UNED Ourense co seu equipo, alén do PTGAS, os estudantes, os profesores titores e as institucións que integran o Consorcio de UNED Ourense.

UNED Ourense
Comunicación




