Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Javier A. Marval: "O meu libro mostra unha visión ao noso mesmo interior"

30 de octubre de 2025

Marval combina a escritura cos seus estudos na UNED, e tanto el como a súa esposa, aseguran que grazas a estudar na UNED "sentimos en casa un antes e un despois na nosa vida e temos crecido, madurado moito como familia". 

OURENSE, 30 de outubro de 2025. Javier Alexander Marval Cabello é músico e compositor cunha traxectoria marcada pola sensibilidade e a procura da autenticidade artística e imparte clases de guitarra e baixo eléctrico tanto en academias como a particulares. A súa incursión na literatura nace como unha extensión natural da súa forma de crear, co obxectivo de inspirar e acompañar aos lectores nun proceso de reflexión persoal. Este estudante de Dereito na UNED, publica o libro Un anaco de felicidade, unha obra, sinala, que se afasta dos tópicos da autoaxuda tradicional.

-Que mostra neste libro?

-O meu libro mostra unha visión ao interior, a noso mesmo interior, porque considero que a felicidade ou os anacos dela, están inseridos en cada un de nós; non obstante moitas veces non a atopamos.

-Andamos sempre buscando a felicidade e moitas veces vaisenos a vida nelo, e pásanos desapercibida.

-A obra está dividida en capítulos curtos, fáciles de ler, onde se abordan diferentes aspectos da parte intrínseca da persoa para axudala a ver onde pode atopar ese anaco de felicidade. Son teorías que fun formando a través da experiencia e cheguei a esas conclusións, algunhas axudadas pola influencia doutros autores, non é que os copiara, senón que a súa lectura repousada influíume. Síntome identificado con aquilo que lin.

-Un libro que compaxina co seu grao en Dereito. Que lle levou a estudar esta carreira? 

-Eu quería facer en primeiro lugar Mediciña, logo ou Dereito ou Xornalismo. O Dereito apareceu nun momento inesperado, decidín facerlle caso á miña intuición, tamén porque me gusta moito analizar comportamentos. É unha carreira difícil pero é unha procura persoal e un reto que quero alcanzar.

-Por que na UNED?

-Veño doutra universidade, decidín cambiar polas boas referencias que ten a UNED e, segundo, porque a maiores traballo como músico e así compaxino a música cos estudos e a familia. Grazas a estudar na UNED sentimos en casa un antes e un despois na nosa vida e temos crecido, madurado moito como familia. 

-Cantos son en casa? 

-Somos seis, é dicir, temos catro fillos, de idades entre 8 e 23 anos. Este último tamén estuda na UNED, fai Psicoloxía e a miña esposa está a cursar Criminoloxía, tamén na UNED.

-Ou sexa, que na casa, respírase ambiente de estudo.

-E de música!

-Que clase de música interpreta? 

-Como compositor e cantautor, por unha banda, e logo a que supón o meu medio de vida, que é tocar nas orquestras, agrupacións etc., no verán e noutras ocasións ao longo do ano. 

-Cando se presenta o seu libro? 

-O 4 de novembro na librería Eixo. 

-De cantos exemplares é a tirada?

- De cen.

-Que é para vostede a felicidade?

-Moita xente enténdea como momentos, pero eu creo que a felicidade é acumular sensacións máis que momentos. E unha vez que acumulas esas sensacións pódense identificar con momentos.

-Existen momentos en que só por estalo pasando ben, se cadra non che dan felicidade.

-Ou sexa, que podemos estar a nos divertir con algo e confundilo con felicidade.

-É algo máis profundo por tanto. 

-É paz, é benestar, equilibrio, éncheche; case non se pode describir.

-Algunhas persoas cren que estar feliz é, por exemplo, ir de compras. 

-Podes sentirte así ata que adquires o produto e cando volves a casa continúa en baleiro. 

-Por iso é que moita xente ten moito diñeiro pero non ten a felicidade. Hai que buscar no interior da túa alma. Chámoa a vacilona felicidade porque canto máis a buscas máis se escapa. 

-Asústanos asomarnos ao noso interior. 

-Por medo a descubrir cousas que nos desagradan, pero hai que ir de fronte e revisar o interior, non como algo metódico e pesado senón cando ocorran certas cousas. E mellorar sempre como persoa.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es