
OURENSE, 20 de outubro de 2025. Comezará o acto académico coa intervención da secretaria de UNED Ourense, María Concepción Álvarez Gómez, para dar lectura á Memoria Académica do Curso 2024-2025. Tras esta intervención, falará o profesor titor José Luis Ferreiro Novoa, ofrecendo a lección inaugural baixo o título Criminoloxía e Terceira Idade. A protección dos nosos maiores nun contexto de despoboamento e envellecemento. A continuación, a egresada Sara Carrera Rivero dirá unhas palabras en representación de todos os estudantes que remataron as súas carreiras no último curso. Son en total 26 egresados, dos que 17 estarán presentes.
O Colexio de Economistas de Ourense entregará o seu premio ao mellor expediente dunha da tres carreiras de ámbito económico, recaendo este ano nun egresado de ADE. De seguido procederase á imposición de bolsas e entrega de diploma aos egresados. Os discursos oficiais, todos eles breves, seguirán comezando polas palabras do Director de UNED Ourense doutor Jesús Manuel García Díaz; a continuación farao o Delegado Territorial da Xunta, Manuel Pardo Cid ao que seguirá o Tenente de Alcalde de Ourense, Aníbal Pereira Novoa, seguíndolle na quenda o vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Manuel Fernández Gil, pechando o ciclo o Vicerreitor de Centros Asociados, doutor Jesús de Andrés Sanz. Tras o seu discurso, todos os membros da Mesa descenderán para sentar na primeira fila de butacas, ocupando a tribuna a Coral Capella Madrigalista, que interpretará unha selección de composicións, para pechar co Gaudeamus Igitur, himno universitario que todos os asistentes escoitarán postos en pé. 
A este acto asistirá unha ampla representación de autoridades e representantes da sociedade ourensá xunto con estudantes, familiares, profesores titores e PTGAS.

UNED Ourense
Comunicación