
OURENSE, 29 de setembro de 2025. Rematou en Santiago o curso Memoria histórica, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e pola Fundación Luis Tilve na que a UNED estivo presente especialmente na persoa do seu director, Jesús Manuel García Díaz, que foi un dos relatores; e Julio Prada Rodríguez, profesor titor e coordinador académico de UNED Ourense, ademais de ser catedrático de Historia Contemporánea e decano da Facultade de Historia da Uvigo. As sesións, celebradas o venres 26 e o sábado 27 de setembro, tiveron lugar na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. 
García e Prada, os dous ourensáns que participaron neste curso da UIMP que tivo como escenario a Facultade de Xeografía e Historia da USC.
"En ningunha outra ditadura europea da época houbo unha purga tan ben pensada e efectiva contra os mestres de Primeiro Ensino como a que se deu en España cos sublevados a partir do golpe de estado de xullo de 1936. Nin a Alemaña de Hitler, nin a Italia de Mussolini nin o Portugal de Salazar dispuxeron dun programa represor contra o maxisterio como o que si se puxo en práctica no noso país", sinalou García Díaz, quen falou da represión do franquismo contra os mestres en Galicia, facendo un percorrido polos estudos ata a data publicados e sinalando que neste asunto as provincias galegas con máis traballos dispoñibles son A Coruña e Pontevedra.
Explicou polo miudo a maquinaria do proceso depurador, apoiado, dixo, "nunha infinidade de normas, o que dá idea da complexidade adquirida desde a súa posta en funcionamento grazas ao Decreto do 8 de novembro de 1936 polo que se crearon as Comisións Provinciais de Depuración, que constitúen a segunda fase dun proceso que pretendía eliminar calquera indicio democrático na ideoloxía dos mestres que viñan do réxime anterior, republicano, para adaptarse á nova ideoloxía, que en absoluto nada tiña que ver coa concepción pedagóxica anterior. "Moitas denuncias contra mestres eran froito de envexas, denuncias interesadas pero faltas de consistencia, para atentar contra os docentes, que se vían encartados ao pouco tempo con informes sobre eles, procedentes do comandante da Garda Civil, do alcalde, do párroco e un pai de familia de bos costumes.
Jesús Manuel García Díaz explicando o proceso depurador dos mestres da República polo franquismo, proceso que se iniciou en xullo-agosto do 1936.
O director de UNED Ourense fixo seus os obxectivos deste curso, pois, dixo, "coas nosas investigacións trátase de promover a verdade, a xustiza, a reparación e a non repetición, fomentar os valores democráticos, difundir o noso pasado recente con coñecemento baseado nas últimas investigacións feitas por profesionais da historia, utilizando a veracidade e o rigor". Este curso foi igualmente un importante medio de formación para docentes, estudantes e cidadáns en xeral, en coñecemento básico da nosa historia contemporánea.
"Esa investigación con rigor e veracidade é a que desmente con datos outras versións interesadas, defendidas desde outras frontes ruidosas, faltas de rigor e cheas de emocións. Desde a investigación, non podemos aceptar mantras nen argumentos sen base algunha, sendo o primeiro deles ese que sostén que a guerra foi prácticamente pedida a berros pola República, dado, din, o seu desgoberno. En xullo de 1936 a realidade sinala que houbo un golpe de Estado que viña preparando desde o minuto un da Segunda República, froito dunha conspiración militar e monárquica, moi apoiada desde o exterior, especialmente por Italia e Alemaña. O problema disto é que moita xente non le, déixase influír polo que escoita en certos foros. Hai documentación dabondo para mergullarse en serio nestas cuestións, fóra de filias e fobias", dixo García Díaz.
Julio Prada defendeu a tese da represión sobre as mulleres en Galicia estivo condicionada por catro variables fundamentais: "a reducida mobilización sociopolítica anterior ao golpe de estado, a escasa participación feminina en resistencia que atopou leste, a non apertura dun proceso revolucionario na retagarda galega que abrise a porta a un maior protagonismo das mesmas e a existencia dun forte continxente de fuxidos desde que os rebeldes fanse co control do territorio ao que un bo número delas mostrouse disposto a prestar auxilio". Sobre estas variables, engadiu, "incidiron un gran número de factores, algúns idénticos aos que operaron sobre os homes e outros tamizados polas propias concepcións que os rebeldes tiñan sobre o papel que a muller desempeñara e debía desempeñar na sociedade". Insistiu, así mesmo en que non resulta sinxelo establecer un perfil de muller represaliada. Aínda así, as mulleres que foron máis severamente castigadas poden, na súa maioría, ser englobadas en dous grandes grupos:

Julio Prada Rodríguez, expoñendo a represión que os sublevados exerceron contra as mulleres, aínda que dixo que non é fácil fixar un perfil de muller represaliada.
Declarou Julio Prada que "moitas veces sinalouse que as mulleres foron as grandes perdedoras do desenlace da guerra civil, porque mesmo as que podían encadrarse no bando gañador viron esfumarse os avances que a Segunda República supuxera en materia de igualdade de xénero. Ademais, as que por decisión propia ou empuxadas polas circunstancias derivadas de ser nai, irmá, esposa ou familiar de desafecto situáronse no bando derrotado, foron sancionadas non só por aquilo do que llas responsabilizaba en primeira persoa senón polo que se lle atribuía aos seus achegados e ás veces nin sequera por iso: a súa propia condición de mulleres, cando iso supoñía transgredir uns valores tradicionais que os rebeldes consideraban consustanciales á súa natureza ou cando as funcións que deles derivaban poñíanse ao servizo dos perseguidos, foi suficiente para que o castigo dos vencedores abatésese sobre elas". 
A mesa redonda deste curso contou con veteráns políticos e xornalistas para analizar a búsqueda da libertade durante a dictadura franquista.
Neste curso da UIMP interviñeron outros investigadores como Xosé Manuel Núñez Seixas, Emilio Grandío, Francisco Redondo Abal; Mariano Sánchez Soler, Nicolás Sesma e Montse Fajardo Pérez. Na mesa redonda do sábado, día 27, titulada A procura da liberdade baixo o réxime franquista. Unha nova xeración en pos da democracia, interviñeron o economista e ex presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o profesor e ex alcalde de Lugo José López Orozco; o economista e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe e o xornalista e ex conselleiro de Economía e Facenda da Xunta, Fernando Salgado García.

UNED Ourense
Comunicación




