
OURENSE, 2 de xullo de 2025. No Teatro Principal de Ourense celebrouse o X aniversario da UNED Senior da nosa cidade, desde aquel primeiro curso 2015-2016. E fíxose cun concerto de música interpretada por mozos. A esta proposta asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; do PP; o tenente alcalde Aníbal Pereira Novoa; a concelleira Inmaculada Moreiras Colmenero, do PP; a vogal da Xunta de Goberno do Colexio de Economistas, María Begoña Álvarez Matos; O presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (APE), David Martínez Alonso; a presidenta do Rotary Club, Mari Cruz Pérez; directivas da Asociación Mirada Mulleres +60 así como da Rondalla Alecrín, Rosa Martínez Rodríguez e Isabel Fernández Moreira. Asistiron varios alumnos senior así como familiares dos mozos músicos. Foi unha tarde en familia e moi agradecida polos asistentes ao acto.
"É unha honra estar aquí, rodeada de tantas persoas apaixonadas polo coñecemento e comprometidas coa aprendizaxe ao longo de toda a vida. A UNED Senior brindounos unha oportunidade única de continuar a nosa educación máis aló das etapas convencionais. Hoxe pechamos unha etapa que máis que un curso académico foi unha experiencia compartida na que cada un deixou a súa pegada. Xuntos descubrimos novas paixóns e ampliamos o noso entendemento do mundo que nos rodea, ademais de compartir anécdotas, risas tras un debate apaixonado e miradas de complicidade cando comprendiamos algo novo por fin", dixo a coordinadora de UNED Senior en Ourense, María Concepción Álvarez Gómez. 
"Ao longo dos cursos, tivemos o privilexio de contar cun equipo de profesores excepcionais que compartiron connosco a súa sabedoría e experiencia. A súa dedicación e compromiso foron fundamentais para o noso crecemento intelectual. A eles, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento polo seu incansable labor. Quero darvos as grazas pola vosa entusiasta participación, un ano máis, e polas vosas ansias de saber, que contaxian a todo o equipo que formamos a UNED Senior e que nos esixen cada vez máis para poder cumprir coas vosas expectativas. Sabemos que o verdadeiramente valioso non son os diplomas senón as relacións que tecemos", engadiu a coordinadora. 
Neste curso que agora finaliza destacamos, xunto as sesións teóricas, as saídas que os integrantes de UNED Senior realizaron por diversas zonas da cidade de Ourense (visita á Escolma de escultura en San Francisco, e á igrexa de san Pedro de Moreiras) ou a excursión a Oviedo, experiencia esta que resultou moi enriquecedora tanto a nivel artístico como persoal. Os veteranos estudantes souberon tamén que no próximo curso impartiranse as seguintes materias:
No primeiro cuadrimestre impartiranse
No segundo cuadrimestre
"Ditas materias seguirán impartíndose no Centro Cultural Marcos Valcárcel. E, neste sentido, quero reiterar unha vez máis o meu agradecemento á Excelentísima Deputación Provincial de Ourense non só por cedernos o Centro Cultural para o desenvolvemento do programa senón tamén por subvencionar co 50% do custo da matrícula ao alumnado domiciliado na provincia de Ourense. Proximamente publicarase na web o horario coas materias e docentes", sinalo Álvarez Gómez. 
A continuación interveu o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. "Celebramos hoxe, non só a gradación de 115 persoas en nosa UNED Senior senón tamén o décimo aniversario desta modalidade de ensino non regrado que a UNED oferta a máis de 10.000 persoas maiores en toda España. É unha ledicia enorme ter unha UNED Senior consolidada, que deu un estirón e que todo apunta a que vai seguir crecendo. A UNED Senior é para cidadáns maiores de 55 anos que desexan permanecer activos facendo actividades, estar informados e en formación permanente, promovendo a convivencia e a integración social, participando activa, crítica e creativamente", sinalou.
"Na UNED Senior de Ourense os estudantes son persoas maiores que fan unha vida independente. As universidades da chamada terceira idade xurdiron en Francia, na Universidade de Ciencias Sociais de Toulouse, vinculada a un servizo que se ocupaba da educación permanente de adultos, alá por 1972. En 1975 creouse en Toulouse a Asociación Internacional de Universidades de Terceira Idade, sumándose universidades de Bélxica, Francia, Suíza, Polonia, Italia, Suecia, Alemaña, Gran Bretaña e Estados Unidos. En España chamáronse Aulas da Terceira Idade, reguladas polo Ministerio de Cultura en 1980", explicou o director da UNED.
García Díaz indicou que o Programa UNED Senior dispón dunha variada oferta formativa "con múltiples áreas temáticas no campo da historia, historia da arte, ciencia, informática, cinema, música, teatro, psicoloxía, dereito, actividades físicas… A duración habitual dun curso de UNED Senior é de 30 horas, abarcando normalmente un cuadrimestre. A súa periodicidade adoita ser semanal, con clases de entre hora e media e dúas horas de duración á semana, en horario de mañá ou tarde".
Dinamización
Animou a cuantos desexen enrolarse na UNED Senior e agradeceu a presenza tanto de autoridades como do público en xeral, incluíndo ao equipo humano do Teatro Principal, que colaboraron para que todo saíse ben, tanto o persoal de escenario como o da entrada. "O escenario deste Teatro Principal é un marco excelente para celebrar estes primeiros dez anos da nosa UNED Senior, á vez que poñemos broche final ao curso 2024-2025. No seu décimo aniversario, UNED Senior tivo 115 persoas, que representan 230 matrículas. É a cifra máis alta de participantes desde que comezou o seu labor hai unha década. Hoxe é un referente para apostar pola dinamización dos nosos veciños maiores, para que sigan abertos ao coñecemento, ao mundo actual. Grazas a todos por asistir e agora soamente queda gozar coa maxia da música!"
De seguido deu comezo a parte musical, baixo a batuta de José Luis Tielas, para exhibir o bo facer de dúas bandas, a Chikiband 2.0 e a Agrupación Musical da Limia. O repertorio que presentaron foi o seguinte:
Chikiband 2.0: Chikiband, de Lionel Beltrán Oseira; Air for Winds, de André Waignein; Beauty and the Beast, arr. de Michael Sweeney; Apache Warrior, de Norman Ward; Papagaio, de Jacob de Haan e
A Pastoriza, tradicional galega.
Agrupación Musical da Limia: My Way, Frank Sinatra; Medley Boleros, J. Molina; O Vals das Mariposas, Dani Daniel; Hey Jude, The Beatles; Abba Gold, Abba; Pedro, Raphaela Carrá; Si antes te hubiera conocido, Karol G. ; tocaron tamén, La despechá, de Rosalía, fora de programa. Despois interpretaron Que Rico o Mambo, de Pérez Prado, outro tema que lles permitiu interactuar co público. E puxeron o broche de ouro cunha mixtura de temas clásicos de Alaska.
Concerto
Os máis pequenos interpretaron con mestría os seis temas propostos, recollendo o aplauso do público. Nesta agrupación infantil hai participantes desde os 5 anos. Todos puxeron o seu afán en deleitar aos espectadores e conseguírono, baixo a batuta de David Rodríguez Bello. Foi unha sorpresa neste acto. Tan pronto como terminaron a súa interpretación, abandonaron o escenario dando paso á Agrupación Musical dá Limia. Saíu en primeiro lugar ao escenario o seu director, José Luis Tielas, para explicar o proxecto musical destes mozos. Tielas agradeceu a todos o seu interese e tivo un agradecemento especial para a UNED: "Para nós, tanto a práctica instrumental como en dirección de banda non se acredita en ningures. A carreira de dirección de orquestra estúdase nos conservatorios, pero a dirección de banda é totalmente distinta. Na realidade social, cultural e laboral que temos en España, especialmente en Galicia, as orquestras non existen, hai dúas e pouco máis. Grazas á UNED temos os cursos de extensión universitaria de dirección de banda. Non hai nada que acredite a formación en banda de música, a túa formación como músico. No Conservatorio estudas para ser solista ou profesor, pero non che certifican unha formación práctica como músico. Nos cursos de extensión universitaria da UNED que facemos coa orquestra, os rapaces gozan e así o ano pasado interpretamos temas de John Williams, de Star Wars. Fixemos un monográfico e estudamos todo o que supuxo a música deste compositor. Este ano toca Hans Zimmer e en Nadal volveremos facer o conto Peer Gynt. Claro, nestes encontros trabállase todo o que é a parte individual, colectiva e temas retóricos da música e todo iso é moi interesante para os rapaces, acreditar esa formación é moi interesante, e por iso estamos tan agradecidos á UNED". 
Na Agrupación Musical da Limia hai dous músicos maiores, un deles con 80 anos e que fai dez empezou a tocar o saxofón. Eles gozan co seu traballo musical en compañía do resto do grupo, formado por mozos. Como sinala Tielas, neste colectivo fórmanse amizades fortes, "desas que xa ven poucas e isto, nos tempos actuais, é moi importante", contaba o director ao acabar a brillante actuación mentres recibía a felicitación de todos os asistentes a esta cita cultural.
UNED Ourense
Comunicación




