
OURENSE, 30 de xuño de 2025."Este cocodrilo non era acuático, senón un depredador terrestre de longas patas. Tratábase dunha especie oportunista que ocupou o nicho deixado polos dinosaurios extintos, prosperando ata a chegada dos grandes mamíferos carnívoros", explica Francisco Ortega, paleontólogo da UNED e especialista en réptiles fósiles. O exemplar recuperado inclúe osos longos, elementos do pé e parte da súa armadura dérmica (osteodermos), unha información anatómica inédita ata o de agora.
Unha campaña que reactiva décadas de silencio
A descoberta destes investigadores da UNED forma parte da primeira campaña paleontolóxica na conca do Douro desde os anos noventa. A zona, de gran potencial fosilífero, levaba máis de tres décadas sen excavacións sistemáticas pola falta de recursos e investigadores.
Francisco Ortega, que participou en traballos iniciais nesta mesma rexión cando era estudante, salienta a emoción do regreso: "Volver aquí e atopar un exemplar tan completo é moi ilusionante. Esta descoberta abre novas liñas de investigación e colaboración entre institucións".
A UNED, referente no estudo de réptiles fósiles
O Grupo de Bioloxía Evolutiva da UNED desenvolveu un papel central tanto na excavación como na análise dos restos. A maiores do cocodrilo, no mesmo xacemento recuperánronse fósiles de tartarugas, claves para comparar a diversidade do Eoceno en Castilla e León.
O investigador Adán Pérez, tamén da UNED e especialista en tartarugas fósiles, subliña a importancia do achádego: "Estes restos permítennos reconstruir mellor as asociacións faunísticas do Eoceno na península".
O equipo investigador da UNED é especialista en réptiles e compleméntase coa Universidade de Salamanca e a do País Vasco, centradas no estudo de mamíferos primitivos e paleoambientes, xerando un equipo de investigación global, con proxección internacional.

O destino de los fósiles: a Sala das Tartarugas
Todos os materiais recuperados pasarán a formar parte da colección científica da Sala das Tartarugas da Universidade de Salamanca, considerada unha das coleccións máis importantes de Europa en fósiles do Eoceno. Esta sala é tamén un centro de referencia para a divulgación e o estudo de vertebrados fósiles na península ibérica.
Un corredor clave para a evolución
A conca do Douro actuou durante o Eoceno como un corredor bioxeográfico entre a fauna ibérica e europea. A súa posición estratéxica facilita o estudo das migracións, adaptacións evolutivas e extincións que marcaron esta época, nun clima subtropical que favoreceu unha rica biodiversidade.
Os investigadores da UNED salientan o potencial desta liña de traballo para xerar coñecemento de alto impacto sobre os ecosistemas do pasado e a evolución da fauna reptiliana.

UNED Ourense
Comunicación