
OURENSE, 11 de xuño de 2025. A UNED incorpora ao seu catálogo académico dous novos dobres graos que responden á crecente demanda de formación interdisciplinar, comprometida cos desafíos actuais: o Dobre Grao en Ciencias Políticas e Socioloxía e o Dobre Grao en Dereito e Traballo Social. Ambas as titulacións permitirán ao estudantado obter dous títulos oficiais en cinco cursos, cunha formación sólida, crítica e aplicada que lles capacita para exercer nun amplo abanico de ámbitos profesionais. Así o anunciaba esta mañá na radio aos ourensáns o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, na entrevista que lle fixeron en Radio Ourense-SER. García expuxo toda a oferta académica que a UNED ten para os novos estudantes, especialmente quen acaba agora as probas de acceso á Universidade. García dixo que poden entrar na UNED tras superar esas probas, sen nota de corte en ningún dos 30 graos da universidade, incluíndo os dous novos dobles graos cos que se aumenta a oferta no novo curso. Tamén se entra na UNED realizando o Curso de Acceso de Maiores de 25 anos.
O entrevistado falou da UNED do século XXI, da súa evolución tecnolóxica e do nivel de esixencia que mantén nos seus estudos. "Aquí estudas e vas a consulta de dúbidas cos profesores titores cada semana. Tes que ter unha boa autoorganización e forza de vontade para formarte con rigor nesta universidade. Estamos en Ourense desde hai 33 anos e aquí formáronse miles de cidadáns da nosa cidade e provincia, e continúan formándose porque apostan polo noso sistema de ensino. Non esquezamos que a UNED democratiza o acceso á universidade de todos os cidadáns, pois grazas a ela puideron e poden estudar milleiros de cidadáns que padecen algunha discapacidade física. Mentres non se vexa afectado o cerebro, podes formarte na UNED xa sexas invidente, xa utilices a Lingua de Signos ou vaias en cadeira de rodas... Todos os nosos estudantes son valiosos e é unha enorme satisfacción velos acabar as súas carreiras, ver como se esforzan para saír adiante!"
O director de UNED Ourense anunciaba esta mañá nun programa de radio as dúas novas titulacións que entrarán en servizo no novo curso académico na nosa universidade
Ciencias Políticas e Socioloxía: unha mirada dobre para entender e transformar a realidade
O novo Dobre Grao en Ciencias Políticas e Socioloxía formará especialistas capaces de analizar a complexidade das sociedades contemporáneas e os fenómenos políticos que as atravesan. O plan de estudos combina a teoría e a práctica, dotando ao alumnado de ferramentas para comprender actores, institucións e dinámicas políticas, á vez que afonda na análise de problemas sociais como a desigualdade, a migración ou o cambio climático.
Segundo explica Juan José Villalón Ogáyar, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía, “o Dobre Grao en Ciencia Política e Socioloxía é unha demanda de moitos estudantes que ven a complementariedade tan extraordinaria que existe entre ambas as disciplinas e as potencialidades que ten no cambiante mundo laboral actual e para a comprensión da realidade social e política. Reduce o tempo que necesitan para obter ambos os graos ao aproveitar as sinerxias, debido a que non é unha fusión senón unha complementación que abre novas oportunidades laborais e científicas”. Dereito e Traballo Social: unha formación integral para intervir con xustiza e compromiso
Pola súa banda, o Dobre Grao en Dereito e Traballo Social, impulsado pola Facultade de Dereito, ofrece unha formación xurídico-social orientada á análise e a intervención en contextos de vulnerabilidade, mediación, asistencia ou promoción social. O programa conxuga coñecementos xurídicos fundamentais con competencias propias do traballo social, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e os valores democráticos do sistema universitario. O plan de estudos responde as necesidades dunha contorna profesional cambiante, capacitando ao alumnado para exercer en áreas como a avogacía, a función pública, a cooperación internacional ou os servizos sociais, sempre desde un enfoque ético, inclusivo e respectuoso cos dereitos humanos.
Sonia Calaza López, decana da Facultade de Dereito, subliña o valor desta nova oferta académica: “este dobre grao é unha aposta decidida por unha formación integral e comprometida, que responde as necesidades reais da sociedade. Xungue a solidez dos estudos xurídicos coa sensibilidade e a acción propias do traballo social, o que permite aos nosos futuros egresados abordar con eficacia e ética situacións complexas en moi distintos contextos profesionais”.
Ligazóns de interese:

UNED Ourense
Comunicación




