
OURENSE 8 de abril de 2025. Pablo Garrido Ledo é un ourensán licenciado en Belas Artes pola Uvigo, graduado en Ciencias Relixiosas pola UPS, ten un mestrado en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais pola Uvigo ademais de ser diplomado técnico en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Ten varios premios de escultura, fotografía e deseño gráfico e agora acaba de obter na UNED o Diploma de Experto Profesional en Tecnoloxías Avanzadas para a Xestión e Documentación do Patrimonio Cultural.
-Por que se inscribiu nesta formación?
-Pois non sei por que motivo chegoume información destes estudos. Vina e considerei que era un reto bonito, saír da zona de confort e meterche nunha formación na que che ensinan programación web, programas de escaneado, mallas, 3D... é a futuro da arte.
-Que duración tivo ese estudo?
-Desde setembro do 2024 a febreiro de 2025.
-Parece moi pouco tempo.
-Pero hai que dedicarlle tempo. É alcanzable porque a UNED ten todas as ferramentas e e material na web, ademais fanche test, probas e traballos prácticos.
-Hai que traballar.
-Ti tes que poñerte o horario de estudo. É sacrificado atopar o momento. Logo é moi agradecido porque che realizan un seguimento persoal. Noteino todo moi personalizado. Unha sorpresa!
-Que lle reporta o culminar esta formación?
-Ábreme a mente. Daste conta de que é básico para conservar o noso patrimonio. Está todo aberto, compartido. Calquera pode acceder ao material que colgas na rede. Tócase tamén a IA, algo que descoñecía por completo, para transcribir documentos históricos. Foi algo espectacular. Pódese ter catalogado o patrimonio da provincia e cada peza coas súas características e o seu estado en tempo real. Podes acceder e modificar actualizar o arquivo.
-Vostede dedícase á restauración de obras de arte. Lembramos o traballo espléndido que fixo co seu equipo na bóveda da capela maior de Os Milagros. Como ve o panorama do sector na nosa provincia?
-Véxoo negro porque o tema patrimonio de igrexa está de baixa, isto débese a que moitos templos non abren en meses, fáltalles ventilación. Se hai ventilación, axuda a que moitos procesos de deterioración retárdense.
-Isto lembra o caso da monumental igrexa do mosteiro de Montederramo, que ten permanentemente aberta unha xanela, que é no que foi convertida a porta que posuía o brazo norte do transepto.
-Logo hai xente que cre que a súa igrexa é cousa deles e non fan nada, e cáese todo e que caia.
-Que está a restaurar agora?
-Ando con imaxes de Verea, de Carballeda de Avia etc. E entre os traballos que fixemos está, si, o de Os Milagros, unha obra boísima grazas a que puiden montar un bo equipo.
-Parabéns polo seu esforzo.
-Moitas grazas!

UNED Ourense
Comunicación




