Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O xornalista Cristóbal Ramírez falará en Monterrei sobre "a mal chamada Vía da Prata"

24 de marzo de 2025

O ciclo de conferencias da UNED sobre este roteiro de peregrinación chega a terras ourensás procedente de Alcañices, Bragança e Vinhais. Así, o 26, ás 19:00 horas, a nova intervención será no parador de turismo de Monterrei. A entrada é libre ata completar aforo.

OURENSE, 24 de marzo. O vindeiro mércores, 26 de marzo, a UNED celebrará a súa cuarta conferencia do Ciclo que sobre a Vía da Prata organizaron os seus centros universitarios de Zamora e Ourense. Se a primeira conferencia tiña lugar en Alcañices (Zamora), celebrándose a segunda en Bragança e a terceira en Vinhais, ambos os municipios portugueses, agora o ciclo entra en terra ourensá e así, a nova conferencia terá lugar, ás 19.00 horas, no salón do Parador de Turismo de Monterrei, nun dos complexos monumentais máis espectaculares da provincia.

O relator será Cristóbal Ramírez Gómez, natural de Ferrol, ex profesor da Universidade da Coruña e xornalista en La Voz de Galicia desde outubro de 1980. O título da súa conferencia é: Que facer coa mal chamada Vía da Prata, un título provocativo para unha tarde en Monterrei.

Ramírez foi presidente da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago desde 1993 ata 2013. Ao longo da súa carreira conseguiu varios galardóns: 

  • Premio Nacional de Xornalismo, modalidade Artes e Tradicións Populares 1989 (ao mellor labor continuado) do Ministerio de Cultura.
  • Premio especial Turisport 1992, convocado pola Semana Verde de Silleda.
  • Medalla de Ouro Internacional (compartida) nos premios Margalief de Deseño por 60 traballos referentes ao Camiño de Santiago.
  • Premio Gourmand 2007 (compartido) ao mellor libro de cociña e viños de España. 

O relator do día 26 é autor de varios libros, dun total de 9 ten algúns compartidos, sempre sobre os roteiros xacobeos. Foi e segue sendo conferenciante habitual sobre o Camiño de Santiago en universidades de Gran Bretaña, Estados Unidos, Dinamarca, Suecia, Finlandia, Noruega, Alemaña e Francia. 

Repercusión do ciclo

 Todas as conferencias emítense en directo. Grazas a iso, o público ao que chega, máis aló do presencial, son 271 persoas, repartidas do seguinte modo en 8 países: 

  • Brasil: 11
  • España: 194
  • Italia: 8
  • México: 3
  • Noruega: 1
  • Paraguay: 2
  • Portugal: 32
  • Rusia: 1
  • Non incorporan país: 19

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es