Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Paleografía avanzada e de iniciación, dúas propostas de UNED Ourense

26 de febrero de 2025

Do 10 ao 14 de marzo desenvolveranse no Arquivo Histórico Provincial o I Curso avanzado de paleografía medieval, en horario matinal,  e a terceira edición do Curso de iniciación a esta disciplina, pola tarde. Constan ambos de 15 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS. A UNED quere potenciar a nivel nacional, con esta doble iniciativa, os recursos documentais de gran importancia que se gardan en Ourense.

OURENSE, 26 de febreiro de 2025. UNED Ourense celebrará en marzo dous importantes cursos de Paleografía. O I Curso avanzado de paleografía medieval: a escritura e as súas fontes (séculos XIII-XVI) e o III Curso de Iniciación á Paleografía Medieval. Ambos terán lugar nas instalacións do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. As súas datas serán do 10 ao 14 de marzo, o curso avanzado, en horario de mañá, e o de iniciación, como nos dous anos anteriores, polas tardes. Cada un destes cursos consta de 15 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS.

As sesións poden seguirse presencialmente ou en modo en liña. Os relatores serán: Adrián Pérez Legaspi, Profesor Permanente labora da UNED. É doutor en Historia pola Universidade de Sevilla, actualmente é profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas da UNED. Irene Pereira García, Profesora Axudante Doutora na UNED, Doutora pola Universidade de León, Licenciada en Historia pola Universidade Complutense de Madrid, é investigadora posdoctoral do Departamento de Historia Medieval e Ciencias e Técnicas Historiográficas da UNED, e José Miguel López Villalba, Catedrático da UNED, no Departamento Historia Medieval, Ciencias e Técnicas Historiográficas.

O I Curso avanzado de paleografía medieval: a escritura e as súas fontes (séculos XIII-XVI), aborda o estudo das principais tipoloxías de fontes escritas producidas na Península Ibérica desde o século XI ata o XVI e a relación que se establece entre a escritura e outros elementos analizados pola epigrafía, a codicoloxía e a diplomática. Os estudantes coñecerán cales foron os principais tipos de fontes escritas segundo o soporte usado na súa elaboración -brando ou duro-, os procesos de confección e os produtos resultantes de cada fase, así como a diversidade de artífices materiais destas fontes e os modelos gráficos que empregaron nas tarefas de escrituración (notarios e escribanos, copistas, iluminadores ou outros individuos non profesionais da pluma).

O programa é o seguinte: 

Luns, 10 de marzo 

  • 09:30-09:45 h. Recepción de participantes e entrega de materiais. 
  • 09:45-10:00 h. Presentación do curso a cargo de Adrián Ares Legaspi (Director do curso) e Jesús Manuel García Díaz (Director UNED Ourense).
  • 10:00-13:00 h. Scriptoria, copistas e códices durante o ciclo gráfico gótico, con Adrián Ares Legaspi.

Martes, 11 de marzo

  • 10:00-13:00 h. A escritura epigráfica e as inscricións na Baixa Idade Media, con Adrián Ares e Irene Pereira.

Mércores, 12 de marzo 

  • 10:00-13:00 h. As cancillerías e os seus documentos durante o ciclo gráfico gótico. Con Adrián Ares Legaspi. 

 Xoves, 13 de marzo

  • 10:00-13:00 h. Notarías e os seus documentos durante o ciclo gráfico gótico, con Adrián Ares Legaspi. 

Venres, 14 de marzo 

  • 10:00-13:00 h. Escribanías concejiles e outros ámbitos gráficos na Baixa Idade Media, sesión a cargo de José Miguel López Villalba e Adrián Ares Legaspi.

Este curso vai dirixido a calquera persoa interesada na historia da escritura na Idade Media, tanto estudantes da UNED –independentemente do grao– como membros externos. Para a súa realización requírese un coñecemento previo no ámbito da paleografía medieval. 

Obxectivos 

O curso ten como obxectivo principal que os alumnos coñezan cales foron os principais tipos de fontes escritas producidas na Península Ibérica ao longo da Idade Media: os tipos de soportes -tanto brandos como duros-, os artífices materiais das fontes, a función desempeñada pola escritura en cada caso ou a relación desta con outros aspectos lingüísticos, artísticos, culturais… da época. Para iso, os estudantes profundarán noutras nocións de disciplinas como a epigrafía (xénese, forma, tradición e tipoloxías epigráficas), a diplomática (cancillería, notaría, tipoloxías documentais, protocolos notariais) ou a codicoloxía (scriptoria, tipoloxías de códices, mise en page e outros compoñentes formais dos libros) e a relación de todos estes elementos coa produción escrita. 

Metodoloxía

O curso de 15 horas de formación pode ser seguido de maneira presencial e en liña e estrutúrase en cinco sesións de tres horas (15 horas). Todas as sesións posúen carácter mixto teórico-práctico, compaxinando a lectura e transcrición das fontes escritas propostas e diferentes explicacións teóricas relacionadas coas outras disciplinas propias das Ciencias e Técnicas Historiográficas (epigrafía, diplomática, codicoloxía). Para iso, ao comezo do curso os estudantes recibirán un dossier con todo o material necesario para o desenvolvemento das clases prácticas, así como calquera outro material complementario. 

Sistema de avaliación

Ao final do curso, os alumnos deberán transcribir un documento –ou unha parte do mesmo– proposto polos docentes para a súa corrección. O exercicio versará sobre un dos tipos de escritura traballados no curso. Desta forma, avaliaranse os coñecementos adquiridos polos estudantes tras a impartición do curso e outorgarase a cualificación de apto ou non apto ao alumno.

III CURSO DE INICIACIÓN Á PALEOGRAFÍA MEDIEVAL 

O Curso de iniciación á paleografía medieval chega á súa terceira edición en Ourense e aborda a historia da escritura na Península Ibérica a través do coñecemento dos diversos modelos gráficos empregados desde o século XI ata o XVI. Os estudantes coñecerán a evolución histórica de todos os tipos de escritura utilizados neste período, as súas características formais e ámbitos de uso, así como as principais normas de transcrición seguidas na edición de textos históricos. Terá lugar todas as tardes do 10 ao 14 de marzo, na sede do Arquivo Histórico Provincial. 

Do mesmo xeito que o curso avanzado, consta de 15 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS. Pode seguirse presencialmente ou en modo en liña, neste caso, en directo ou diferido. Os relatores serán os tres especialistas xa mencionados no curso avanzado. Programa 

Luns, 10 de marzo 

  • 16:30-16:45 h. Recepción de participantes e entrega de materiais.
  • 16:45-17:00 h. Presentación do curso a cargo de José Miguel López Villalba (Director do curso) e Jesús Manuel García Díaz (Director de UNED Ourense).
  • 17:00-20:00 h. Escrituras Visigótica e Carolina (séculos XI-XII), con Irene Pereira García e Adrián Ares Legaspi.

Martes, 11 de marzo 

  • 17:00-20:00 h. Escrituras de Privilexios, Albalaes e Semicursiva (século XIII). Serán relatores Adrián Ares Legaspi e Irene Pereira García.

Mércores, 12 de marzo 

  • 17:00-20:00 h. Escritura de Privilexios, Albalaes e Precortesana (século XIV), con.Adrián Ares Legaspi.

Xoves, 13 de marzo

  • 17:00-20:00 h. Escritura Cortesá I (século XV), a cargo de José Miguel López Villalba e Adrián Ares Legaspi. 

Venres, 14 de marzo 

  • 16:00-19:00 h. Escritura Cortesá II (séculos XV-XVI), con José Miguel López Villalba e Adrián Ares Legaspi.

Este curso está dirixido por José Miguel López Villalba. E vai destinado a calquera persoa interesada na historia da escritura na Idade Media, tanto estudantes da UNED –independentemente do grao– como membros externos. Para a súa realización non se require un coñecemento previo no ámbito da paleografía nin nas fontes escritas do período medieval. 

Obxectivos

O obxectivo principal é que os participantes coñezan de maneira sucinta e xeneral –para moitos como contacto por primeira vez– os principais modelos gráficos empregados na Península Ibérica no período cronolóxico 1000-1600. Ademais de analizar os aspectos formais da escritura, familiarizaranse con algúns conceptos da diplomática como os de notariado e escribanos, notarías e cancillerías ou cos principais tipos de documentos confeccionados na época.

Metodoloxía

O curso pode ser seguido de maneira presencial e en liña e estrutúrase en cinco sesións de tres horas. En cada unha impartirase unha hora de teoría e dúas de práctica, orientada á lectura e transcrición dos documentos correspondentes ás explicacións teóricas da mesma; fóra da última sesión, destinada unicamente a actividades prácticas. Para iso, ao comezo do curso os estudantes recibirán un dossier con todo o material necesario para o desenvolvemento das clases prácticas, así como calquera outro material complementario. 

Sistema de avaliación

Ao final do curso, os alumnos deberán transcribir un documento –ou unha parte do mesmo– proposto polos docentes para a súa corrección. O exercicio versará sobre un dos tipos de escritura traballados no curso. Desta forma, avaliaranse os coñecementos adquiridos polos estudantes tras a impartición do curso e outorgarase a cualificación de apto ou non apto ao alumno. En ambos os cursos colabora a Xunta de Galicia. 

En canto a Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, estes dous cursos impactan no ODS número 4. 

Matrícula distinta para cada curso

  • A matrícula modalidade ESTUDANTES é para os alleos á UNED (outras universidades, ciclos FP; escola e conservatorios de música, escola oficial de idiomas), deben anexar copia da matrícula do curso vixente 2024-2025.
  • As persoas en situación de desemprego deben anexar certificado da oficina de emprego correspondente.
  • As persoas con discapacidade teñen que enviar copia do carné correspondente ou certificado dos servizos sociais correspondentes. 

 Prezos por curso: 

  • Matrícula ordinaria: 60 euros
  • Discapacitados: 40 euros
  • Alumnos UNED e outros estudantes: 50 euros
  • Desempregados: 40 euros.

Matrícula en liña para o I Curso avanzado de paleografía medieval

Matrícula en liña para o III Curso de iniciación á paleografía medieval

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es